-Como está transcorrendo o percorrido que estades a levar adiante?
De momento está indo sobre o previsto. Levamos as cousas preparadas, saímos con marxe de tempo por se había unha lesión ou algo parecido por se había que deterse un par de días e chegar igual. Así que hoxe por hoxe imos sobre a media. Calcularamos uns 190 quilómetros por día e estamos facendo 200 e algo.
-Fisicamente como te sentes polo momento?
Síntome ben. É certo que ao final do día acabas canso aínda que vou chegando todos os días. Desde as sete da mañá que nos erguemos até as once da noite que paramos, é un continuo. Tamén é certo que chego e xa non teño masaxista como cando participaba en carreiras, aínda así fago cousas para evitar lesións. Poño xeo nos xeonllos para evitar lesións, tomo as miñas proteínas para recuperar un pouco e ao final, antes de cear, boto dúas horas de recuperación para seguir o outro día.
Hoxe por hoxe imos sobre a media. Calcularamos uns 190 quilómetros por día e estamos facendo 200 e algo
-Estás ao día do que acontece nas negociacións entre empresa e traballadores?
Si, claro. De cada pouco miramos as informacións e estamos en contacto co resto dos compañeiros que quedaron alá.
-Vestas quere continuar co ERE aínda que busca outras vías posibles. Ti como interpretas isto?
Non fago interpretación algunha. Nós os traballadores queremos, se Vestas está actuando de boa fe, que o demostre paralizando o ERE. Sería unha boa maneira de dicir “estamos con vós, queremos negociar e paralizamos temporalmente o ERE ata chegar a unha negociación”. Sobre Goberno e Xunta, que boten unha man presionando o xusto para evitar o peche de Vestas.
-Xa son cinco días.
Si, xa estou a 180 quilómetros desde Irún. Cruzamos a fronteira logo de facer unha etapa de 221 quilómetros.
-Polo camiño ides explicando cales son os motivos da vosa ruta?
Si, na caravana vai unha pancarta e todos os días procuramos subir vídeos ás redes sociais para compartir desde a nosa páxina Pedaleoxempleo. Subimos un pequeno vídeo para explicar como preparamos a etapa, mais lembrando sempre que o motivo de todo isto é Vestas, que somos un equipo de compañeiros loitando por isto para evitar o peche, si ou si.
Sobre Goberno e Xunta, que boten unha man presionando o xusto para evitar o peche de Vestas
-Animicamente como vos sentides?
Eu son unha persoa optimista, levei golpes e sempre intento erguerme. Se eu non fose optimista quedaría na casa, non deixaría á familia, sobre todo a miña filla pequena de catro anos. Eu son optimista e gústame loitar polas cousas. Por iso todos os compañeiros de traballo están involucrados neste proxecto, síntome tan orgulloso por todos eles, que ao final decidimos ir para adiante e propuxeron esta idea de pedalear e darlle publicidade á nosa situación e eu dei un si rotundo. Todo porque vin o que estaba pasando. Estou certo que sacaremos algo de todo isto.
-O tempo está acompañando?
Onte foi un día de inverno, hoxe o tempo si que acompaña, mais onte foi un día moi duro, saír chovendo e chegar chovendo.
-Psicoloxicamente como te preparas?
Levo toda a vida sobre a bicicleta e sei o que é sufrir encima dela. Así que cando preparamos todo, xa sabía ao que viña. Aínda que agora é unha afección, non é deporte de alta competición, sabía o que enfrontaba, iso non significa que ao final do día acabe moi canso mental e fisicamente.
Levo toda a vida sobre a bicicleta e sei o que é sufrir encima dela
-Cal é a fin de etapa de mañá?
Non temos fixada ningunha. Miramos o traxecto a última hora do día, fago un prognóstico para a xornada. Se non teño lesións, se non teño molestias ou se non estou fatigado mentalmente, poño dous ou tres vilas para buscar parada de caravana, porque non é parar onde queres. Vou máis ou menos, voume baseando na media dos meus quilómetros e nas miñas sensacións. Agora imos sobre a media, se un día quero facer 100 quilómetros, pois podo facelo.