Traballadores de Vestas cortaron esta tarde de venres a estrada LU-862, no acceso á rotonda de Area, en Viveiro, en protesta polo ERE extintivo que afecta aos 115 empregados.
A protesta realizouse desde as 18,00 horas con cánticos como: ‘A Mariña sálvase loitando”, ‘Queremos traballar e non emigrar’. Igualmente, lanzaron petardos e fixeron soar bucinas.
Esta mobilización realízase despois de que esta semana a reunión entre a dirección de Vestas e o comité de empresa para abordar o ERE concluíse sen acordo nin entendemento entre as partes.
O comité denuncia que a dirección “está enrocada e non retira o ERE baixo ningún concepto”. Os representantes dos traballadores insisten na necesidade de paralizar o ERE “para garantir a negociación en tempo dunha saída e lograr o correcto funcionamento da mesa industrial” constituída por iniciativa da Xunta, na que se busca unha alternativa para o mantemento do emprego.
Así mesmo, este venres volveron a realizar a concentración diaria ante a fábrica de Chavín, nunha xornada na que o comité recibiu a visita de representantes do BNG.