-Xa te reuniches coa xente de Vestas?
Acabamos agora mesmo (14:00) estamos cargando a furgoneta e arrancamos para Viveiro.
-Como foi a reunión?
Xa nos esperaban fóra os dous seguintes no organigrama da empresa, o presidente non estaba. Tamén estaban dous representantes sindicais e unha tradutora que xa coñeciamos porque traballara con nós en Viveiro. Falamos un pouco fóra das instalacións e logo pasamos para dentro onde me deixaron duchar nas súas instalacións. Despois entramos a unha sala grande para poder comer. Seguidamente mantivemos unha conversa con eles mediante a tradutora.
-Como foi a conversa?
Moi cordial, nós dicindo o que pensabamos e eles respondendo.
-Non vos dixeron nada novo sobre as negociacións?
Dixeron que o que fixemos é admirable, unha maneira moi chamativa, mais que as cuestións laborais estanse a manexar entre o comité de empresa e Vestas.
-Non vos dixeron o por que do peche?
Estratexias de empresa.
-Persoalmente como te sentes?
Aínda non falamos entre os tres. Quedan quince días de negociación e a ver que pasa, iso si que nos preocupa, estar á espera. Logo fisicamente xa noto o cansanzo, pero os ánimos dos compañeiros foron os que me deron forza. Supoño que nos vindeiros días notarei o baixón físico.
-Pero sentirás satisfacción por ter chegado e entregar a carta.
A misión era deixarnos ver. Houbo xente que me puxo de foco de atención mais eu non era o foco de atención, son os compañeiros de Vestas e facernos ver todos. O meu obxectivo era chegar si ou si. Iso era o obxectivo, aínda que os compañeiros me dixeron que como se non chegase, o obxectivo era facernos ver.
-Agora viredes en furgoneta.
Chegaremos o domingo pola noite. Imos en autocaravana. Os outros dous compañeiros están ben, asimilando o que pode pasar. O desgaste deles tamén foi brutal. Xa arrancamos agora mesmo porque senón non chegamos o domingo.