IniciosociedadeO PP vota en contra de poñer en marcha un plan de...

O PP vota en contra de poñer en marcha un plan de reindustrialización para a Mariña

Só asina unha moción de apoio aos traballadores de Vestas que este mércores se concentraron fronte á Cámara autonómica.

Publicada o

- Advertisement -

PP permitiu cos seus votos que prosperasen dúas iniciativas presentadas polos grupos da oposición, BNG e PSdeG, en apoio aos traballadores de Vestas, aínda que usou a súa maioría absoluta para tombar os puntos desas mesmas proposicións que reclamaban a articulación desde o Goberno galego dun plan de reindustrialización para a comarca da Mariña luguesa.

As iniciativas foron debatidas na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo celebrada na mañá deste mércores no Pazo do Hórreo, fronte ao que se concentraron un grupo de traballadores da factoría do norte lugués que a multinacional danesa pretende pechar.

Alí, os grupos aprobaron por unanimidade dous puntos das proposicións non de lei defendidas por nacionalistas e socialistas que camiñan na mesma dirección: expresar o compromiso da Cámara autonómica cos traballadores afectados polo peche da factoría de Vestas en Chavín e apelar a que leven a cabo as medidas necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo.

Ambas as resolucións saíron adiante grazas ao apoio do grupo maioritario, o PPdeG, que pediu a votación por separado dos puntos das iniciativas da oposición. Os populares tombaron o resto de apartados das proposicións non de lei, nas que PSOE e BNG coincidían en reclamar a articulación dun plan de reindustrialización para A Mariña.

Unha crise industrial no norte da provincia de Lugo que foi a protagonista da comisión deste mércores, xa que, ademais das proposicións sobre Vestas, tamén foi debatida e aprobada unha iniciativa do PP para apoiar as reclamacións ante o Goberno central para o sector electrointensivo.

E é que parte do debate deste texto, defendido pola deputada popular Marta Nóvoa, versou sobre a situación de Alcoa, que este mesmo mércores coñecerá a decisión do Tribunal Supremo sobre a anulación do ERE na factoría ditado polo TSXG a finais do pasado ano.

Así, a Cámara, co apoio de PP e BNG e a abstención dos socialistas, insta á Xunta a reclamar ante o Estado que aumente as subvecións ao mecanismo de compensación de custos de emisión indirectas ata o máximo permitido pola UE, active o fondo de reserva para a industria electrointensiva e convoque “de inmediata” as poxas de electricidade de orixe renovable.

PROTESTA DOS TRABALLADORES

Mentres os grupos debatían as iniciativas na comisión, decenas de traballadores concentrábanse ás portas da sede do Parlamento, que este mércores acollía unha intensa actividade coa presentación dos orzamentos da Xunta para 2022 e unhas xornadas sobre o 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas nas que participaron o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e o expresidente do Goberno Mariano Rajoy.

Fronte á entrada principal do edificio lexislativo na compostelá Rúa do Hórreo e encabezados por unha pancarta na que podía lerse ‘Vestas solución’, os empregados da factoría viveirense proferiron cánticos como ‘Feijóo non te escondas’, ‘Sen industria non hai futuro’ ou ‘Socialistas, peperos; igual de embusteros’.

CRUZAMENTO DE REPROCHES

Os grupos cruzaron reproches sobre a responsabilidade ao redor da intención da multinacional danesa Vestas de pechar a súa fábrica de pas de aeroxerador eólico en Viveiro. Mentres que para o PP o responsable deste e outras industrias ameazadas é o Goberno do Estado, BNG e PSdeG consideran que a Xunta está “inactiva” á hora de exercer as súas competencias en materia de industria.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...