A empresa focense de transporte Loxística Reyco, que ten a súa sede principal en Fazouro, obtivo o indicador Ardán Igual en Xénero 2021, que concede o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Na distinción outorgada a Reyco o delegado especial do Estado no Consorcio da zona Franca de Vigo, David Regades Fernández, explica que “as Empresas Iguais en Xénero presentan altos valores en igualdade desde unha perspectiva de xénero no ámbito laboral, medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións”.
Desde a dirección de Reyco Iván Marrube manifestou: “para nós é un recoñecemento dun gran valor e que define claramente unha política de empresa, na que se valora ás persoas como o principal capital da nosa firma”. Ademais destaca que “somos unha firma que damos moitísimas facilidades para conciliar e coidamos ao máximo cada detalle para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades”.
De feito unha gran maioría de cargos de responsabilidade ocúpanos mulleres e é así por méritos propios. “Algo como ter fillos non é un impedimento para que unha muller poida realizar unha carreira profesional na nosa empresa” destaca Marrube.
“Entendemos que unha compañía que mira ao futuro debe poñer ás persoas que a forman no centro; así o facemos e por iso este premio que avala ese bo facer énchenos de tanto orgullo, mesmo moito máis que outros recoñecementos que recibimos”, explica Iván Marrube.