A frota galega seguirá a faenar en augas británicas alomenos até 2020, tralo acordo entre a Unión Europea (UE) e o Reino Unido para o ‘brexit‘.
Este período de transición ata unha nova negociación podería ampliarse até 2022, segundo comunicou o embaixador de España ante a UE, Pablo García-Berdoy, ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Rueda sinalou desde Bruxelas que está “enriba da mesa” que para que poidan entrar produtos pesqueiros británicos ao mercado comunitario débese permitir o acceso de frota como a galega aos seus caladoiros.
Así, prevese que a frota galega poda seguir pescando até 2022, “un pouco máis de tempo do que estaba previsto inicialmente”, sinalou Rueda.
Con todo, o vicepresidente do Goberno galego considera que o importante é que se alcance un acordo de “forma definitiva” posterior a esa data, que dificultará que hai “moitos intereses en xogo de moitos países”.
CALADOIRO FUNDAMENTAL
O caladoiro de Gran Sol, ao sur das illas británicas, é fundamental para a frota mariñá. Celeiro e Burela especializáronse na captura de pescada nestas augas, que supón arredor do 80% do seu volume de negocio.
Segundo a estimación de Porto de Celeiro, un “brexit duro” -que implicase a imposibilidade de faenar en augas británicas- podería reducir as posibilidades de captura de pescada entre o 20 e o 30%.
MENOS FONDOS
No tocante ao futuro marco financeiro plurianual 2021-2027, o vicepresidente da Xunta admite que “non son tranquilizadoras” para Galicia, ante o risco de perder fondos europeos por unha diminución do orzamento, ao perder un contribuínte como o Reino Unido.
Podes ler a nova completa en Galicia Confidencial.