A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense segue a traballar na promoción do Turismo Slow Norte de Galicia baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia para o xeodestino. E faino coa visita á comarca dun coñecido blogger e cunha xornada de traballo en aloxamentos de Alfoz, Foz e Mondoñedo, entre outras accións.
Segundo explica a Axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, “estamos promocionando o proxecto coa visita dun coñecido blogger ao destino, Alvientooo, que estivo esta fin de semana coñecendo algún dos aloxamentos, recursos e actividades do produto turístico”.
Hermida subliña que “tamén esta fin de semana,está organizada unha xornada de traballo que se desenvolverá en aloxamentos ligados ao proxecto dos concellos de Alfoz, Foz e Mondoñedo”. A finalidade é poder chegar a desenvolver unha oferta de actividades de benestar da man de centros e profesionais do sector de Galicia.
Proximamente, poderase consultar toda esta información na web do proxecto https://turismoslow.gal/. Todas as accións teñen como obxectivo potenciar a marca Turismo Slow Norte de Galicia coma un produto turístico que busca a sustentabilidade e o equilibrio económico, medioambiental e social.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, di que “a filosofía do turismo slow, que fuxe de destinos masificados e aposta por espazos rurais, abertos e con actividades na natureza como os que conforman o proxecto Turismo Slow Norte de Galicia”. Neste proxecto están implicadas as Mancomunidades de Ferrolterra e da Mariña Lucense.
Cajoto lembra que se trata dun proxecto no que se leva traballando desde hai tempo. Por unha parte, en buscar a implicación da poboación local en torno á demanda e á oferta de produtos e servizos sostibles. Tamén se busca dirixir esta oferta a persoas comprometidas cun estilo de vida saudable e interesadas en viaxar dunha forma responsable.
CONCURSO
Desde a Mancomunidade da Mariña engaden que seguindo a finalidade de implicar á poboación local, este ano vén de desenvolverse un concurso para a creación de campañas de márketing para o proxecto, ofrecéndolle ao alumnado do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticado CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (único centro dentro do territorio do proxecto que ofrece este ciclo) a posibilidade de deseñar unha campaña. O obxectivo da campaña é dobre: dar a coñecer á poboación local o proxecto, fomentando as visitas internas dentro dos destinos. “E asumir un reto que os achegou á realidade laboral a través da oportunidade de crear unha campaña real para un produto turístico xa en marcha”.
Hai uns días celebrouse no devandito centro educativo o acto de selección das campañas, no que participaron como xurado o xerente da Mancomunidade de Ferrolterra, Luis Alcalá, a Axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade da Mariña Lucense, Tania Hermida, o profesorado do centro e o persoal da empresa Promove Consultoría, encargada da coordinación do proxecto e de dita acción, coa correspondente entrega dos premios ás campañas seleccionadas.
No acto presentáronse 5 campañas de promoción do proxecto turístico, baseadas na calidade do trato a través dos anfitrións (neste caso nos aloxamentos turísticos) e un produto que promove un turismo sostible, respectuoso co medio e a contorna, que pon en valor a cultura e o produto local e a riqueza patrimonial e natural do noso territorio.
As gañadoras, Ferver o Norte e Viveslow, foron premiadas con bonos de estancia nos aloxamentos de Turismo Slow Norte de Galicia tanto no xeodestino de Ferrolterra – Rías Altas coma na Mariña Lucense e deberán desenvolver o proxecto previsto para a promoción do produto durante os vindeiros meses.