InicioEconomíaA Mancomunidade da Mariña participa na promoción do turismo rural cunha viaxe...

A Mancomunidade da Mariña participa na promoción do turismo rural cunha viaxe polo Camiño Norte

Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España -doce dos cales coñecerán o Camiño do Norte ao seu paso pola Mariña Lucense- van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.

Publicada o

- Advertisement -

Co fin de promocionar o Turismo Rural de Galicia, no marco do Xacobeo 2021-22, a Federación Galega de Turismo Rural iniciaba onte, xoves, no Camiño do Norte unha actividade de familiarización de axentes de viaxes turísticos con aloxamentos de turismo rural.

Grazas a un convenio asinado entre a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) coa Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), estanse organizando varios viaxes de familiarización (fam trips) en catro dos camiños de Santiago (Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía). Trátase dunha primeira aproximación ao turismo rural e a súa oferta diferencial e de calidade para os axentes de viaxes participantes.

Máis de 50 axentes de viaxes de Galicia e de diversos puntos de España -doce dos cales coñecerán o Camiño do Norte ao seu paso pola Mariña Lucense- van poder comprobar por eles mesmos a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias presentes a carón dos camiños, coas que logo elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.

Na visita prevista ata mañá, sábado 27 de novembro, na que participa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, os distintos axentes de viaxes turísticos coñecerán de preto a vinculación do turismo rural co Camiño do Norte no tramo que atravesa os municipios de Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo, aproximándose tamén ata Foz e Cervo.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, considera que “esta iniciativa vai permitir ás axencias de viaxes participantes explorar o noso territorio vinculado ao Camiño de Santiago e outros puntos próximos da man do turismo rural”.

Dentro deste fam trip hoxe, venres, pola tarde terá lugar un encontro de traballo entre persoas propietarias de establecementos do territorio e as que traballan no sector das axencias de viaxes, no que tamén participará persoal técnico da Mancomunidade e que axudará a propiciar un achegamento de traballo e intercambio de ideas, buscando definir novas sinerxías que contribúan á desestacionalización e diferenciación do turismo rural galego.

O pasado xoves, os participantes nesta iniciativa estiveron en Mondoñedo mergullándose na súa historia e cultura local, visitando da man da guía oficial de Galicia Claudia del Pino tanto o centro histórico como os seus diversos atractivos turísticos. Este venres, o programa de actividades inclúe visitas ao Espazo Caritel e á basílica de San Martiño, en Foz, e a continuación un percorrido pola costa de Barreiros e unha actividade de interpretación xeolóxica no Monumento Natural da Praia das Catedrais en Ribadeo da man de Fran Canosa.

O xantar será en Lourenzá, onde pola tarde farán unha visita cultural coa Ruta da Faba como fío condutor. Posteriormente terá lugar o encontro de traballo entre establecementos de turismo rural e axencias de viaxe en Casa do Mudo, de Cervo. O programa remata mañá, sábado, cun almorzo e visita á fábrica de Sargadelos e ao conxunto histórico-artístico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...