A Mancomunidade de Concellos da Mariña asina o convenio para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística da comarca coa Secretaría de Estado de Turismo e coa Axencia de Turismo de Galicia. Para o presidente, Fran Cajoto, trátase “da mellor das oportunidades para o turismo da Mariña”.
O convenio asinado ten un valor de 2,25 millóns de euros. Nel participan a Secretaría de Estado de Turismo e coa Axencia de Turismo de Galicia, xunto á Mancomunidade para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña. “ Non é momento para lembrar declaracións pasadas, isto é un éxito de todos os concellos da comarca unidos, traballando en conxunto por un obxectivo común” declarou Fran Cajoto.
O presidente da Mancomunidade quere agradecer especialmente á Secretaría de Estado de Turismo e á Axencia de Turismo de Galicia a importante inversión que están a facer na comarca, 1 millón de euros cada administración: “a Deputación, aínda que non se reflicte no convenio, tamén vai axudar ao financiamento dos 225 mil euros que deben aportar os 16 concellos da Mariña ao Plan”.
Fran Cajoto destacou o traballo dos técnicos, a axente de Desenvolvemento Turístico da comarca e a Fundación Juana de Vega, que estiveron preparando toda a documentación necesaria. Tamén é un éxito de todos os que nos axudaron a explicar e expoñer a necesidade deste plan para unha comarca con tanto potencial como ten a Mariña.
E engadiu: “quero agradecer de forma particular o grado de implicación do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, ao que tiven o privilexio de amosarlle a Mariña na visita institucional que fixo o pasado 29 de xullo. A presenza da Mancomunidade en Lanzarote na presentación dos plans non era casualidade, creeu no noso traballo e o resultado é un éxito para A Mariña”.
O Plan de Sustentabilidade permitirá dar un impulso moi importante ao turismo da Mariña, con distintas accións. Destaca o capítulo de investimentos recollidos no eixo 2 “Crecemento e mobilidade sostible” para o que se reserva a partida máis importante, de 1,5 millóns de euros.
Dentro deste capítulo recóllense accións como o reforzo de infraestruturas e produtos sostibles entorno ao deporte e a natureza, creación de novos produtos en torno ao turismo gastronómico e de filosofía slow, a mellora da sinalización turística e a posta en valor e potenciación do Camiño do Mar, recoñecida pola igrexa pero pendente de que a administración autonómica cumpra o mandato do Parlamento de Galicia e a recolla dentro dos catálogos de rutas xacobeas.
Xunto con outras partidas -como a reservada para promoción con máis de 300 mil euros- o montante total do plan, de 2,25 millóns de euros, permitirá crear unha oferta máis ampla e atractiva para que a Mariña se consolide como destino turístico tamén fóra da tempada de verán. “Temos que aproveitar as infraestruturas existentes, a Mariña polos recursos naturais e patrimoniais que ten é un destino atractivo os 365 días do ano. O noso obxectivo é que o plan sente as bases para que isto sexa real e en torno ao turismo se creen postos de traballo estables e non temporais. É unha auténtica oportunidade”, subliñou Fran Cajoto.