InicioEconomíaOs orzamentos de Ribadeo para 2022 estarán cerca dos 10 millóns sen...

Os orzamentos de Ribadeo para 2022 estarán cerca dos 10 millóns sen incrementar impostos municipais

As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1.200.000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.

Publicada o

- Advertisement -

Os orzamentos para 2022 do Concello de Ribadeo rozarán os 10 millóns de euros, sen que se incrementen os impostos e as taxas de competencia municipal. O equipo de goberno levaraos ao vindeiro pleno extraordinario, que foi convocado para este xoves, 16 de decembro. As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1.200.000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.

O edil ribadense lembrou que o pasado luns reuniuse unha comisión informativa cos representantes de todos os grupos municipais, aos que o goberno municipal informou de que pretende levar ao vindeiro pleno, o do xoves desta semana, os orzamentos para o exercicio 2022 para a súa aprobación. “Son uns orzamentos que ascenden a 9.872.370 euros, é dicir que rozan xa os 10 millóns de euros e sen que se incrementen os impostos e as taxas que son competencia do Concello”.

Pablo Vizoso dixo que estes orzamentos se caracterizan por manter o nivel elevado de actuacións e servizos en diferentes áreas que vén realizando o Concello de Ribadeo. Recóllese tamén o incremento salarial do 2 por cento establecido polo Estado para o persoal público. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para dar resposta á previsión de maior actividade despois da pandemia. “Mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, destinadas a asociacións deportivas, culturais e asistenciais”.

O concelleiro de Economía subliñou que “os orzamentos nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1.200.000 euros, financiado na gran maioría con fondos propios municipais e noutra parte pola Deputación de Lugo“. Consígnanse partidas para actuacións como as dos barrios da Faxarda, A Pega ou Río Amalló, a rúa Rodríguez Murias en Rinlo ou diversas inversións tamén noutras rúas.

Contémplanse recursos para a adquisición de terreos para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, reposición de tramos da rede de abastecemento de auga. Tamén haberá melloras e reparacións en instalacións deportivas e en locais sociais de diferentes parroquias, na praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos ou tamén o espazo polivalente para actividades formativas e de emprendemento.

A estes investimentos hai que sumar as que recentemente foron ou están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2022. Entre eles a senda ciclable dende a área dos Bloques ata as inmediacións da Illa Pancha ou o espazo multideporte de Pintor Fierros. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar e a axuda específica para a xestión do Hospital Asilo.

Vizoso Galdo engadiu que as estimacións manexadas son que ao remate do exercicio actual a débeda do Concello se sitúe en torno ao 12 por cento, “unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas”. Todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio, segundo Vizoso, coas achegas “do plan único provincial da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...