A couza da pataca ou couza guatemalteca (tecia solanivora) chegou mediante transportes marítimos a Europa desde América mediante as grandes rutas comerciais. Os sindicatos agrarios ven con temor e receo as actuacións do departamento de José González en canto notificar e avaliar danos. Mesmo se denuncia non teren informados debidamente aos agricultores de como é, como actúa e como combater este insecto.
A COUZA NA MARIÑA
“Non tiñamos datos sobre este insecto. Fóra da Consellería a información era escasa ou nula e ao final fomos coñecendo a evolución deste insecto pola prensa” sinala Iván Rodríguez do Sindicato Labrego Galego en Lourenzá. “Hai moitos rumores mais cando reclamamos participar en mesas para facer seguemento da couza non se nos dixo nada”.
O caso é que na Mariña afectou a varios concellos, mais dado que “como non é unha produción destinada á venda, senón que é un cultivo de autoconsumo” di Rodríguez. As medidas de control estipulan que non se sementen patacas mentres dure a couza, mínimo nun período de dous anos. Desta maneira, as familias que cultivaban o tubérculo para autoconsumo deixaron de sementar durante as últimas campañas.
Ao non haber unha produción de tipo comercial, non hai unha cuantificación monetaria dos danos. En tal caso, Medio Rural sinala que “publicou a convocatoria de indemnizacións para compensar a retirada e destrución das patacas de explotacións e de almacéns. Os pagamentos acadaron finalmente os 170.000 euros, a un total de 1.200 beneficiarios, principalmente produtores”.
COMBATER A PRAGA
Medio Rural sinala que este insecto ten a condición de praga de corentena, “consonte a normativa comunitaria de sanidade vexetal”. Esta denominación aplícase a “organismos moi nocivos para a produción vexetal sen presencia na UE, con fin de tomar medidas duras de contención e erradicación e evitar a súa expansión polos países membros”.
Oficialmente Galicia recoñeceu a presenza da couza guatemalteca en novembro de 2015 e estableceu medidas de control en Ferrol, Narón e Neda. “A raíz da difusión da nova desta declaración, chegou información á consellería doutras posibles zonas afectadas”. A comezos de 2016 ampliáronse as zonas infestadas aos concellos de Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro. En febreiro de 2017 ampliáronse de novo as zonas afectadas, ata 31 concellos de Lugo e da Coruña.
“Existen trampas mediante feromonas que se colocan arredor das plantacións” di Iván Rodríguez. Desde o SLG insiste en que “non se ofrecen todos os datos sobre a incidencia deste insecto” e apuntan a falta de traballos de reconto de afectación.
Galicia adaptouse ao Plan nacional coa Resolución do 8/03/17 da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimientarias, que recolleu as actuacións desta norma e que permitiu establecer unha rede de trampeo na zona infestada para capturar masivamente a couza e controlar a súa expansión. Recoller 50.000 kg de patacas de semente nos almacéns comercializadores das zonas infestadas. Controlar o movemento de pataca producida na zona infestada, dentro desta zona e entre a zona infestada e na zona tampón.
As denominadas zonas tampón (é dicir, as libres de couza pero estremeiras coas áreas infestadas) tamén contan con instrumentos de xestión, como a declaración obrigatoria que deben facer á administración os agricultores que sementan patacas. Na provincia de Lugo, a zona tampón afectou a día sete de decembro aos municipios de: Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
A día de hoxe as autoridades non dan por sentado que a couza da pataca sexa un problema que non teña solución. “Eramos escépticos coa erradicación mais agora vendo como se consegue eliminar nalgúns concellos é posible que se poda realizar o mesmo traballo en toda Galicia” di Iván Rodríguez.
A Mariña, sen peso na produción comercial de pataca, descoñece as perdas producidas por este insecto invasor. En tal caso, se o inverno é máis frío do que se espera, hai posibilidades de que diminúa unha nova praga para a tempada que vén. Todo depende agora das medidas do Ministerio e da Consellería, da climatoloxía e do trampeo.