InicioEconomíaSen acordo, os traballadores de Alcoa someterán a referendo a última proposta...

Sen acordo, os traballadores de Alcoa someterán a referendo a última proposta da empresa

O presidente do comité, José Antonio Zan, lamentou que a empresa se negou a dar marcha atrás na hibernación das cubas durante os dous próximos anos. O vindeiro luns, 27 de decembro, os traballadores celebrarán unha asemblea xeral a partir de mediodía.

Publicada o

- Advertisement -

A negociación entre Alcoa e o comité da fábrica de San Cibrao finalizou este xoves sen acordo tras catro xornadas maratonianas en Santiago. De tal forma, os traballadores someterán a referendo a última proposta da compañía.

En declaracións tras o encontro, o presidente do comité, José Antonio Zan, lamentou que a empresa se negou a dar marcha atrás na hibernación das cubas durante os dous próximos anos, aínda que se avanzou  nalgunhas garantías respecto dos investimentos. O vindeiro luns, 27 de decembro, os traballadores celebrarán unha asemblea xeral a partir de mediodía.

Alcoa lanzou o pasado mércores un ultimato ao comité de empresa da planta de San Cibrao, no municipio de Cervo. Así, fixa este martes, 28 de decembro, como data límite –ás 14,00 horas– para que o acordo estea asinado.

Esa última oferta da compañía pasa por un investimento de 103 millóns de dólares (máis de 90 millóns de euros ao cambio) para “a viabilidade futura e crecemento da planta”, incluído o reinicio das cubas de electrólises en 2024 tras unha parada de dous anos, e como garantía constituirase un depósito restrinxido pola mesma contía.

Segundo explica este xoves o comité, Alcoa comprométese a traballar con oito subministradores de enerxía cos que xa está en contacto, para alcanzar acordos a medio e longo prazo (PPAs), que entrarían en vigor a partir do 2024 e terían unha vixencia a 10 anos.

Accede ao seguimento destas negociacións, así como dos investimentos e a evolución do acordo, a través dunha mesa na que estarían presentes o comité (dous membros por sindicato), Xunta e Goberno, cunha frecuencia mensual o seis primeiros meses e trimestral de aí en diante.

En canto ao plan para os anos 2022 e 2023, Alcoa ofrece garantía de facturación das empresas auxiliares durante os dous primeiros anos, con contratos garantidos a tres anos (2022 a 2024) daquelas empresas externas directamente afectadas o cesamento temporal. Ademais, haberá preferencia de contratación para as empresas de subministracións e transportistas locais.

No tocante a investimentos nos dous primeiros anos, figuran uns 37 millóns de euros para actuacións como a reconstrución de forno de cocción para ánodo grande; ao que se unen máis de 5 millóns para un transformador novo (TRG) con ajustador de tensión, deseñado para 200.000 amperios; e un forno de homoxeneizado (2,6 millóns). Hai uns 31 millóns reservados para o rearranque das cubas nun proceso de seis meses a partir de 2024.

Igualmente, seguirá operativa a actividade en fundición e a planta de alúmina, cun plan comercial durante estes anos, a razón de 65.000 toneladas anuais de tocho e previsión de venda de 25.000 toneladas anuais de placa. Os compromisos cos clientes non se verían afectados.

CONDICIÓNS PARA OS TRABALLADORES

Este acordo inclúe a condición de que os traballadores levanten a folga e comprométanse á paz social durante a súa vixencia.

Na planta de aluminio non se acometerán expedientes de despedimento colectivo (nin ERE nin ERTE), durante catro anos, ata o 31 de decembro de 2025.

Así, os traballadores afectados seguirán o seu calendario habitual. A dirección de planta indicará as tarefas a realizar, incluíndo formación, substitucións ou actividades de mantemento e limpeza de instalacións. En caso de ausencia de traballo, facilitarase permiso retribuído polo período correspondente.

A partir do 1 de xaneiro de 2025, derivado da formación e execución de investimentos, realizaranse as revisións daqueles postos que así o requiran.

Ademais, faranse os contratos directos a data de 1 de xaneiro de 2023 de todos aqueles empregos temporais que, durante o ano 2021, tivesen un contrato de posta a disposición.

Pola súa banda, haberá un convenio con vixencia de seis anos, do 2020 ao 2025. Entre outras cuestións, recolle un incremento salarial do 2% anual, tanto en táboas como axudas, pero sen cláusula de revisión do IPC.

COMPROMISOS DE ADMINISTRACIÓNS

Segundo traslada o comité, a Xunta comprométese a axilizar o proxecto da DBR presentado por Alcoa no caso de que cumpra os requisitos xurídicos e ambientais, así como facilitar a tramitación dos proxectos enerxéticos ligados ás PPA baixo a súa competencia (proxectos enerxéticos por baixo dos 50 megavativo).

Tamén compromete o Goberno galego “o apoio e axudas aos proxectos de investimento baixo a súa competencia industrial, especificamente proxectos de eficiencia enerxética e innovación para grandes empresas, a razón do 30% da contía do proxecto”, explican os traballadores.

O Goberno central ofrece o apoio e axudas aos proxectos de investimento baixo as súas competencias industriais e enerxéticas, de maneira que se incrementaría o importe actualmente comprometido para os investimentos.

Este aumento no importe destinado aos investimentos, a liberar do importe comprometido no depósito destinado a investimentos, estará vinculado a un plan de incremento de intensidade, así como a proxectos de mellora da produtividade, eficiencia enerxética e competitividade da planta, relata o comité.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...