O acordo entre Alcoa e o comité de empresa da fábrica de Cervo, segundo o cal a planta de aluminio deixará de producir durante dous anos e a multinacional comprométese a non acometer ningún despedimento colectivo, foi asinado este mércores.
Así as cousas, este xoves pola mañá celebrarase, coa participación da ministra de Industria, Reyes Maroto, a primeira reunión da comisión de seguimento.
Deste xeito, ambas as partes escenificarán o pacto, mentres que os representantes públicos reivindicarán o seu compromiso polo mantemento do emprego e a actividade en San Cibrao.
O persoal avalou a oferta proposta pola multinacional nun referendo celebrado durante toda a xornada do martes. Ese día, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, avisou de que o cesamento da produción pode supor “unha saída en falso” ao conflito.
Pola súa banda, o presidente do comité, José Antonio Zan, interpretou o resultado da votación dos traballadores como o triunfo da opción “menos mala”.
O Goberno central, a través do departamento de Maroto e tamén do delegado do Goberno, celebraron a noticia de face a conseguir a viabilidade da factoría.