A Federación de Comercio A Mariña pon en marcha ww.afeira.gal, un marketplace de produtos agroalimentarios de Galicia, incluídos os da Mariña.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, sinalou que esta nova plataforma consiste “nun escaparate dixital onde se poderán vender produtos galegos de diferentes tendas e/ou produtores”. Así, o cliente final terá nunha única plataforma diferentes vendedores e produtos.
Paleo destacou que algunha das vantaxes desta plataforma é que potencia a tenda de proximidade favorecendo o seu acceso ao comercio online e, por tanto, “incrementa a súa competitividade”. afeira.gal está deseñada para que o seu manexo sexa moi sinxelo e intuitivo, de tal maneira que nela as empresas adheridas poidan ver o stock, os pedidos, subir produtos, ver e responder reseñas, etc… “Desde afeira.gal encargaranse de todo o proceso de compra e os produtores/vendedores tan só terán que preparar os pedidos, xa que o envío xestiónao a propia plataforma”, indicou nun comunicado.
A inscrición á plataforma é totalmente gratuíta para os produtores/ vendedores que sexan socios da Federación de Comercio A Mariña. Pero está aberta a todas as empresas da zona relacionadas cos produtos agroalimentarios de Galicia. O único que terá que facer é pagar unha pequena cota, como en calquera outra plataforma de venda online, ou asociarse a calquera do oito Acias que forman parte da FCAM. As empresas interesadas en obter máis información deben dirixirse ao seguinte número de teléfono: 633 018 796.