InicioEconomíaJairo Orjales, defensa do FEVE: "Renfe é quen debera poñer todos os...

Jairo Orjales, defensa do FEVE: “Renfe é quen debera poñer todos os medios para o mantemento mais é quen pon maiores dificultades”

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo naceu para que as diferentes administracións e as propias Renfe e Adif non esquezan esta liña de tren. Nunha época de investimenos en AVE, esta liña de proximidade adoece, segundo a Plataforma, dun mantemento serio nas súas infraestruturas e maquinaria. Isto impide o desenvolvemento dos potenciais económicos que se poderían aproveitar do Ferrocarril de Vía Estreita.

Publicada o

- Advertisement -

-Desde a Plataforma cal credes que son os motivos do Goberno para non realizar investimentos na liña FEVE Ferrol-Ribadeo?

Iso deberíaselles preguntar a eles. Aínda así, sobre a infraestrutura fan investimentos para mantemento mais o principal problema é a operadora, Renfe. Esta si que non fai un investimento mínimo nin en actualización de horarios nin en información aos usuarios. E o máis grave, non realiza investimento no mantemento das unidades, algo palpable xa sexa por incidencias, xa sexa por pequenos incendios nas locomotoras por falta de coidado. O que vemos é o desvío de investimentos destinados ao AVE mentres o ferrocarril convencional queda relegado.

-Cantos veciños e veciñas poden verse afectados pola falta de investimento nesta liña ferroviaria?

Sumadas as poboacións de Ferrol, Ortegal e A Mariña superan os 200.000 habitantes. Non todos van viaxar en trens mais si todos son usuarios potenciais da liña, ben como os estudantes, ben persoas maiores sen carné de conducir ou non teñen vehículo. É como se vivisemos nun mundo onde existise a obrigatoriedade de ter un vehículo particular e iso non é así. Por tanto, hai un número importante de potenciais usuarios que non fan uso do tren por todos os fallos apuntados antes e outros. Por outra parte, non houbo nunca unha política de divulgación deste medio e isto unido ao xa exposto é como se o Goberno, da man de Renfe, está axudando nese sentido. Renfe é quen debera poñer todos os medios para o mantemento mais é quen pon maiores dificultades.

O que vemos é o desvío de investimentos destinados ao AVE mentres o ferrocarril convencional queda relegado

-Outro punto é non usar esta liña de tren como vía para transporte de mercadorías. Non sairía máis económico?

Si, sen ningunha dúbida. Xa fose en tempos de Renfe, xa sexa agora Adif como operadora, o centro de decisión sempre estivo lonxe de aquí. Debemos ter en conta que Feve no seu día estivo centralizada en Asturias ou Cantabria, Galicia pola contra foi testemuñal. Hoxe en día mesmo é peor, as decisións maioritariamente veñen de Madrid e algunhas de Asturias ou Cantabria. Desde Galicia non se toma ningunha decisión nin sobre mercadorías nin viaxeiros. Sobre transporte de mercadorías houbo un proxecto agora gardado nos caixóns, un ramal ás Pontes para levar carbón. Agora mesmo estase construíndo o túnel de acceso para o porto exterior de Ferrol, aínda que o ancho de vía do Feve nunca tivo acceso ao porto interior ferrolán nin aos polígonos. Por tanto, nunca houbo unha política de fomento do transporte de mercadorías.

non houbo nunca unha política de divulgación deste medio

-Existe, non obstante, a carga de madeira na estación de Xove con destino ao País Vasco. Coa masa forestal de eucalipto no norte de Galicia, non se podería ampliar o número de puntos de carga?

Si se crearon puntos para cargar madeira en Cerdido e Moeche entre os anos 2010 e 2013 levouse moitísima madeira. Non obstante, estamos diante dunha política de Renfe Mercancías que decide non transportar mercadorías. Somos coñecedores de que Renfe Mercancías declinou realizar servizos que se lle solicitaron. Primeiro aduciron falta de maquinistas e logo falta de máquinas, é dicir, puxo todos os atrancos posibles para non facer ese transporte, diso si somos coñecedores. É incrible que se dean estes paradoxos cando falamos dunha empresa pública, mais iso é así.

-Hai concellos interesados en manter o Feve ademais de que se promova o tren turístico. Logo hai concellos desde onde non se di nada. Cales son os motivos que pode haber detrás desta división de posturas?

Eu creo que é descoñecemento pois moita xente vive de costas á vía. Hai dous tipos de persoas, quen nunca viaxou en tren e quen viaxou nel para ir traballar, para ir aos centros educativos e estas persoas son as conscientes de canto supón o tren. Os que nunca o usaron non teñen en conta eses servizos e isto pode acabar trasladándose aos representantes políticos. Hai quen ve no tren unha maneira de fixar poboación. Tampouco se pode descartar algunha motivación política dependendo da cor política do Goberno central e dos concellos que tamén teñan esa cor. Sobre o tren turístico, hai moitos alcaldes cunha concepción sobre este tren como é o Trascantábrico ou o Costa Verde. Mais quen coñece a liña sabe do seu potencial turístico, pois é atractiva per sé, a liña en si é catalizadora de turismo. Creo que hai alcaldías pouco conscientes da capacidade turística da liña comercial, pois durante o bo tempo, primavera e verán, hai un grande movemento de persoas visitando toda a área.

estamos diante dunha política de Renfe Mercancías que decide non transportar mercadorías

-O PP da provincia de Lugo pediu ao Goberno nunha nota o pasado 13 de xaneiro a consecución da A-74. A construción de infraestruturas viarias como esta poden frear máis aínda o desenvolvemento do Feve?

Non, sinceramente non, vémolos totalmente complementarios. A existencia dunha autovía ou unha vía de alta capacidade non resta nada porque estamos falando de transporte público colectivo, non transporte individual. Insisto, o que resta é a falta de actualización nas infraestruturas mais as estradas non teñen que restar.

-Dalgunha maneira esperades que, finalizadas as obras do AVE, se poidan recanalizar os cartos destinados a esas obras para o Feve?

Días atrás puidemos ler nun informe sobre os Fondos Next Generation. Nese documento sinalábase unha aposta polo ferrocarril convencional, o papel soporta todo sempre. Dentro diso falábase do ancho métrico, dentro disto inclúese a nosa liña, tamén se fala de instalar bloqueos automáticos para substituír bloqueos telefónicos, a mellora do estado das trincheiras e a eliminación de limitacións temporais de velocidade. Aquí si debemos dicir que o Adif, pouco a pouco, vai traballando. Aínda así insistimos, quen debe traballar aí é Renfe actualizando as unidades e os horarios ademais de fomentar o uso do transporte e iso non o estamos vendo.

A existencia dunha autovía ou unha vía de alta capacidade non resta nada porque estamos falando de transporte público colectivo

-Desde a Plataforma e outras organizacións civís, non vos tedes posto de acordo coas administracións en Galicia para tocar na porta do Goberno central para ter unha resposta definitiva?

Nós comezados en 2016 e xa temos petado en todas cantas portas hai. Repostas moi poucas e quen se preocupa son algúns concellos. As Deputacións non responderon, si se teñen manifestado en defensa sen dar pasos máis alá de mocións. A Xunta tamén o fixo a través de cartas, con todo quereriamos unha defensa do Feve polo menos nun 25% do que defenden a alta velocidade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...