Uns 250 obreiros da planta de Alcoa na Coruña, segundo prevé a organización, concentraranse ás portas da fábrica de San Cibrao contra o ERE de extinción presentado pola multinacional do aluminio para as factorías coruñesa e avilesina.
Trala constitución da mesa de negociación do ERE, as conversas entre a compañía e os traballadores comezarán o vindeiro 4 de decembro.
Con todo, o comité de empresa da Coruña continuará coa súa axenda de actos reivindicativos para visibilizar o conflito laboral.
Así, na noite deste xoves comezou unha folga de 24 horas que durará ata as 22.00 horas do venres. Sen embargo, a intención do comité non é realizar un paro de portas adentro, senón mostrar o conflito en público.
os obreiros da coruña cren que a planta de cervo é o lugar ideal para a protesta “porque aí se xestiona a produción europea”
Así, os obreiros decidiron concentrarse diante da fábrica cervense durante a mañá do venres, desde primeira hora ata as tres da tarde. En principio, a organización disporá tres autobuses, aínda que moitos empregados utilizarán os seus coches para desprazarse.
O “CORAZÓN” DE ALCOA EN EUROPA
“Pareceunos que a fábrica de San Cibrao é o corazón de Alcoa en Europa, xa que á parte de ter unha planta de alúmina e outra de aluminio, aí distribúese e xestiónase toda a produción”, explica o presidente do comité de empresa da Coruña, Juan Carlos López Corbacho.
O sindicalista expón que “manterán os servizos mínimos da folga unhas 70 persoas, e esperamos que o resto do cadro de persoal (dos 369 empregados de Alcoa na Coruña) se achegue a San Cibrao”.
aseguran que será “un acto pacífico” e esperan que acuda a maioría do persoal, agás 70 operarios que manterán os servizos mínimos
López Corbacho afirma que “vai ser unha concentración pacífica, na que lle transmitiremos a Alcoa que non estamos de acordo co que nos plantexou”. Así, non se impedirá a saída e entrada de persoal nin de material.
O sindicalista insiste en que “a fábrica é viable e queremos solucións dentro do mantemento do 100% dos postos de traballo. Así o faremos constar nas negociacións do ERE”, afirma o reprensentante dos traballadores.
En principio, o persoal de Alcoa en San Cibrao non participará na concentración, ou alomenos non hai unha convocatoria por parte do comité de empresa para facelo.
RECORRERÁN O FALLO DO TRIBUNAL HOLANDÉS
López Corbacho tamén se referiu á sentenza do tribunal de Rotterdam, que desestimou a demanda interposta contra Alcoa polo comité europeo.
Os traballadores denunciaron á multinacional ao entender que incumpría o período de consultas preceptivo. A xustiza holandesa deu a razón á multinacional ao considerar que non vulnerou os dereitos dos traballadores.
López Corbacho asegurá que se vai recorrer o fallo, ao considerar que “se nos informou dunha decisión tomada”.