InicioEconomíaAlba Fernández, espazo "A Sacabeira": "a maioría das cousas que elaboramos son...

Alba Fernández, espazo “A Sacabeira”: “a maioría das cousas que elaboramos son de tradición familiar”

Alba Fernández e Bruno González son os responsables de "A Sacabeira", un lugar onde se mesturan exposicións artísticas, concertos e hostalaría. Todo isto nun espazo como son as antigas fundicións de Sargadelos. Aquí viñeron Alba e Bruno para dar saída a unha idea que levaban traballando desde había tempo. Ao final, e coas subvencións ao aluguer do Concello de Cervo, puideron materializar o soño ideado na súa imaxinación.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales son os eixos sobre os que funciona “A Sacabeira”?

A idea principal era ser un espazo multidisciplinar onde facer actividades con programación cultural e social. Queríamos incluír concertos, cursos e obradoiros partindo da miña formación como educadora social e tamén da nosa experiencia co asociacionismo. Buscamos xuntar todo isto coa hostalaría e crear ese espazo para todos os públicos.

-En canto ás exposicións tedes unha liña fixada do que queredes, uns estilos concretos?

En principio non. Está aberto a toda a xente como artistas locais ou artesáns. Non nos pechamos e tampouco temos un perfil moi profesionalizado. Podemos ter unha exposición de fotografía profesional e para o outro día ter a alguén que calceta. Iso si, temos un criterio mínimo, por tanto non todo vale, mais si nos abrimos a todos os públicos.

-Abrirse a todos os públicos tamén terá a súa dificultade.

Un pouco si, claro. Sobre as exposicións, pois pasamos un pequeno filtro para ver se é acorde coa filosofía do noso local, da nosa filosofía. De momento sempre nos foi xenial. A última exposición foi dunha artista que facía miniaturas e ao final mesmo tivo eco en varios medios. Ela facía estas miniaturas na súa casa e ninguén coñecía esta faceta da súa vida e a partir de aí este traballo seu coñeceuno un gran número de persoas.

Podemos ter unha exposición de fotografía profesional e para o outro día ter a alguén que calceta

-Pola parte gastronómica, os pratos que ofrecedes son de creación propia?

Nós só ofrecemos almorzos, logo as tapas ofrecémolas como se fai en Lugo provincia, van coa consumición. Facemos os almorzos, tortilla de patacas e tostas.

-Aínda así, nos almorzos e tapas poredes da vosa creación propia.

Si, é certo. Gústame a cociña aínda que non son profesional, mais gústame facer cousas novidosas con tapas variadas e diferentes. Pensei en estudar cociña mais non tiña tempo abondo se o compaxinaba co traballo. E si, a maioría das cousas que elaboramos son de tradición familiar.

-Hai tradición hostaleira na túa familia polo que entendo?

Si, os meus avós de Sarria tiveron unha taberna, alí si que poñían racións, e os meus pais tiveron unha cervexaría. Visto así, foi quedando o pouso de taberneiro porque eu nunca traballara na hostalaría nin me pasara pola cabeza. Si tiña interesa en programacións culturais, mais en hostalaría non tiñamos experiencia ningún dos dous.

Queríamos incluír concertos, cursos e obradoiros partindo da miña formación como educadora social e tamén da nosa experiencia co asosiacionismo

-Por que escollestes a Nave de Emprendemento de Sargadelos para situar o voso local?

Tiñamos o proxecto en mente mais non o lugar. Nós vivimos en Burela e a primeira idea foi instalarse alí. Casualmente un día fomos facer unhas rutas a cabalo coa nosa filla, pois na Nave de Emprendemento hai un centro ecuestre. Cando vimos o lugar caemos na conta que este era un lugar idílico, pois é unha paraxe espectacular e as condicións que poñía o Concello de Cervo tamén nos pareceron interesantes, como axudar en parte co aluguer.

-Aínda que o lugar sexa moi atractivo mais afastado das grandes rutas, como levastes adiante a promoción de “A Sacabeira”?

É certo que o lugar é moi atractivo mais a xente non lle vía posibilidades á idea. Para min a idea funcionou en parte pola programación, pois vén xente de diversos lugares, tamén o boca a boca e as redes sociais. Con estas últimas xa non hai fronteiras pois hai xente que está pendente delas e sempre sabes de lugares novos que abriron. As persoas interesadas neste tipo de proxectos vannos coñecendo mediante estas canles.

-Sobre o financiamento de parte do aluger por parte do Concello, credes que é unha boa maneira de levar adiante proxectos como o voso?

Penso que foi unha boa aposta do Concello, basicamente porque xa o nome, Sargadelos, é unha marca. Tamén o sitio onde estamos ubicados eran unhas ruínas da vella fundición e era un lugar ao que non se sacaba todo o seu potencial. Subvencionar parte do aluguer para iniciativas de novos emprendedores é positivo, tamén é necesario o compromiso das persoas que se instalan coas súas iniciativas.

Cando vimos o lugar caemos na conta que este era un lugar idílico e as condicións que poñía o Concello de Cervo tamén nos pareceron interesantes

-Como vos afectou a pandemia?

A nós paralizounos toda a programación cultural pois non é un espazo moi grande, con corenta persoas de aforo. Con todas as medidas adoptadas era inviable ter a programación cultural. Quedaron varios proxectos no aire mais aí están, esperando.

-Cando pensabades en abrir “A Sacabeira” tivestes un público obxectivo?

É variable, pois por un lado vai a xente de alí, do Concello, os turistas, as persoas que veñen pola estética do local ou pola programación, ademais do público infantil. Ao final temos unha asistencia moi variada.

-Que vos gustaría ver realizado para aumentar o atractivo da Nave e da contorna en Sargadelos?

Gustaríanos ter acceso a Internet, non hai cobertura móbil, iso dificulta falar con provedores, por exemplo. Tamén axudaría a restauración de lugares como a antiga fábrica de louza e muíños. De momento non se poden acometer esas restauracións por seren propiedades privadas. Hai moitas cousas que se poden facer pois é un lugar cun grande potencial para quen non coñeza a historia de Sargadelos, por iso temos en mente crear unhas xornadas “Coñece Sargadelos”, pensando en potenciar a historia do lugar.

-Por que o nome de sacabeira?

Pois foi buscando información sobre Sargadelos vimos este anfibio entre a súa fauna. É certo que se poden ver facilemente. Gustounos porque é un animal con moita lenda, gustounos o nome e porque ten un atractivo coas súas cores, por iso nos gustou chamarlle “A Sacabeira”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...