O PSOE de Lugo sinala que se A Mariña fose Vigo, a Xunta “moveríase para que Altri se instalase”

A secretaria saínte do PSOE provincial de Lugo, Patricia Otero, puntualizou que "Núñez Feijóo non dedicou nin un só segundo da súa visita electoral para explicar cales son os seus proxectos para a comarca da Mariña, ou do que pensa facer a Xunta por Alcoa".

Patricia Otero. AXM

A secretaria saínte do PSOE provincial de Lugo, Patricia Otero, asegurou que “se a Mariña fose Vigo”, o Goberno de Feijóo “moveríase para que Altri se instalase”.

Nun comunicado remitido aos medios, a tamén deputada autonómica sostivo que Feijóo visitou a Mariña “só para facer traballo de partido e, de paso, aproveitou para tentar manipular e enganar aos traballadores de Alcoa e de toda a comarca”.

Tras a visita de Feijóo para clausurar o Congreso do PP de Burela, Patricia Otero asegurou que o presidente “demostrou que pon á Xunta ao servizo dos intereses do PP, tentando confundir e mentir cun descaro que desmenten os seus ínfulas moderadas”.

“Nin o Goberno de Feijóo nin a Xunta moveron un só dedo para salvar a Alcoa e, agora, cando temos por diante dous anos para conseguilo, a única preocupación de Feijóo é cargar toda a responsabilidade ao Goberno do Estado, e non respectar a decisión maioritaria dos traballadores”, afirmou.

A dirixente socialista puntualizou que “Núñez Feijóo non dedicou nin un só segundo da súa visita electoral para explicar cales son os seus proxectos para a comarca da Mariña, ou do que pensa facer a Xunta por Alcoa”.

Por iso, sinalou que é necesario lembrar, “unha vez máis, que a Xunta de Galicia, a pesar de ter competencias exclusivas en materia de industria, non fai absolutamente nada para asumir a corresponsabilidade do futuro dos traballadores de Alcoa”. “E coa súa mensaxe de infundir medo nos veciños da Mariña, busca un enfrontamento entre galegos”, remarcou.

Por último, emprazou a Feijóo a que “faga uso da súa responsabilidade” como presidente da Xunta para impulsar a instalación da empresa Altri na comarca como, segundo indicou, “xa solicitou tamén o presidente da mancomunidade, Francisco Cajoto, sen que a día de hoxe se dignase a contestarlle”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here