ACISA Ribadeo manifesta a súa alegría ante a volta á normalidade horaria para a hostalaría

O presidente de ACISA, Iriarte Quintana, agarda que “os hostaleiros poidan esquecer pronto de ter que pedir o certificado covid á súa clientela, que tivo a súa función no seu momento para animar á vacinación, pero ao que agora xa non lle vemos ningún sentido".

Pérez e Iriarte, na presentación da web de Acisa. AXM

Acisa valora de xeito positivo a volta á normalidade horaria da hostalería, que entrará en vigor a vindeira media noite. Os locais rexeranse a partires de agora polas súas licencias, ao igual que facían antes da pandemia.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, asegurou: “estamos satisfeitos de que se eliminan pouco a pouco as restricións que aínda viña sufrindo a hostalería, o sector máis prexudicado desde hai dous por esta pandemia e polas medidas que se foron tomando en cada momento. Nós demandamos en moitas ocasións esta medida que acaba de adoptar agora a Xunta de Galicia e alégranos que algunhas asociacións de empresarios hostaleiros tamén se sumen ao que dixemos desde colectivos máis humildes, coma o noso”.

Iriarte Quintana agarda que “os hostaleiros poidan esquecer pronto de ter que pedir o certificado covid á súa clientela, que tivo a súa función no seu momento para animar á vacinación, pero ao que agora xa non lle vemos ningún sentido. O único que fai é cargar dun traballo innecesario ao sector hostaleiro”.

Desde Acisa o seu presidente demanda que “se refaga canto antes o protocolo da hostalería segura e que se eliminen os niveis das cunchiñas, que seguen a ser un crebacabezas para o sector. Pensamos que cunha correcta ventilación e co emprego da mascarilla nos interiores sería mais que suficiente para garantir a seguridade do persoal hostaleiro e da súa clientela”.

Francisco Iriarte engade que “pouco a pouco chegaremos á normalidade anterior á pandemia. Xa queda menos. Coa responsabilidade de todos conseguirémolo”.

SAN VALENTÍN

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, anima “a facer as compras de San Valentín no comercio local de Ribadeo e a saír a celebralo na nosa hostalería. Sabemos que hai propostas e opcións para todos os gustos”. Namórate do Comercio de Ribadeo é a campaña da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos para celebrar o Día de San Valentín. Acisa Ribadeo sorteará o vindeiro luns, 14 de febreiro, 3 experiencias que constan cada una de elas de dous días de desconexión (1 noite mais almorzo) para dúas persoas a escoller entre 2800 estancias nacionais. As persoas que estes días fagan as súas compras no comercio ribadense asociado recibirán papeletas para participar no devandito sorteo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here