A compañía enerxética Endesa e Alcoa asinaron un preacordo de subministración de enerxía 100% renovable durante 10 anos para a planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao, o que suporá un abastecemento de ata 1.349 xigavatios hora (GWh) por cada ano, segundo informaron nun comunicado.
Endesa asumirá este preacordo a través de proxectos de enerxía eólica que a filial renovable da compañía, Enel Green Power España (EGPE), está a tramitar en Galicia e que xerarán máis de 900 megawatts (MW) de nova capacidade renovable, xunto a 60 novos empregos para a operación e mantemento das instalacións.
Ademais, o preacordo ofrece unha tarifa estable e a subministración comezará en 2024, data na que Alcoa reiniciará a súa produción e arrincará as cubas de electrolise despois de dous anos paradas. Unha estratexia que se enmarca dentro do plan de Alcoa para reactivar a produción de aluminio primario nesta comarca.
O director xeral de comercialización de Endesa, Javier Uriarte, sinalou que os contratos a longo prazo convertéronse en “unha ferramenta fundamental” para mitigar riscos vinculados aos prezos e dar estabilidade a longo prazo na cobertura das necesidades enerxéticas dos clientes.
Así mesmo, Uriarte engadiu que o preacordo asinado con Alcoa reafirma a aposta de ambas as compañías por “a sustentabilidade e polo desenvolvemento socioecónomico de Galicia”, unha Comunidade na que Endesa está moi presente. De feito, a enerxética dispón actualmente de 565 megawatts instalados en Galicia repartidos entre 23 parques eólicos, cuxa produción o ano pasado sumou 1.386 GWh.