Os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao esperan que este mes de marzo sexa ratificado o acordo entre a multinacional estadounidense e as compañías Endesa e Greenalia para a subministración de enerxía á factoría de Cervo.
Este venres, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, asegurou que se trata dun acordo “moi importante, que Endesa e Greenalia asuman practicamente a totalidade do consumo da fábrica, un consumo que é moi grande“.
Segundo Zan, este contrato asinarase “antes de que conclúa o mes”, e o mesmo contempla que o subministración “se fará a base de renovables, parques eólicos e garante que imos ter dez anos dun prezo competitivo e estable”. “Isto garántenos seguir traballando ata 2034”, apostilou.
Zan afirmou que o acordo é “moi importante” para o persoal e a comarca da Mariña, ademais de para a empresa, porque “vai garantir que o prezo enerxético resulte máis barato, dado que agora rolda máximos históricos por culpa da guerra de Ucraína, pero isto xa se viña producindo desde hai meses”.
En dous anos, que é cando se comezará a aplicar o acordo entre Alcoa e Endesa, o prezo “será máis baixo e estable”, vaticinou Zan. “Hai que lembrar que a de San Cibrao é das fábricas, ou a primeira do grupo en produción“, puntualizou.
Polo demais, Zan relatou que o persoal segue coa “limpeza” das 512 cubas, paralizadas ata 2024, e adiantou que ese traballo “leva moito tempo, porque hai que deixalas novas para o arranque”, previsto precisamente en dous anos.
Ademais, indicou que agora na factoría empézase coa “formación en seguridade para os traballadores”. “Aos poucos imos avanzando e chegando a esa formación que a debiamos empezar pero que leva tempo”, concluíu José Antonio Zan.