A Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) presentaron este luns a iniciativa ‘Conecta Lugo’, a través da cal se abrirán dous puntos de información en Ribadeo e Monforte de Lemos para asesorar a Pemes.
Segundo detallou Vicepresidencia Segunda nun comunicado, as novas oficias ofrecerán axuda ás pemes, especialmente en todo o relacionado coa innovación e co foco posto naquelas con potencial, pero que “aínda non deron o paso”.
Ademais, explicou que tamén se desenvolverán actividades divulgativas, visitas a empresas e foros sectoriais para difundir entre o tecido empresarial da provincia a cultura da innovación, os apoios dispoñibles e a importancia de emprender.
COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA
O vicepresidente económico, Francisco Conde, agradeceu aos empresarios lucenses a súa disposición a cooperar e insistiu na importancia da colaboración público-privada para impulsar a competitividade empresarial. Conde lembrou que o programa de impulso á innovación das pemes no que a Xunta inviste 12 millóns de euros, ten como obxectivo chegar a 15.000 empresas principalmente de núcleos “non urbanos”.