InicioEconomíaBurela e Tarifa maridan o bonito do norte co atún vermello nunha...

Burela e Tarifa maridan o bonito do norte co atún vermello nunha alianza culinaria

Esta acción consiste na apertura de novos horizontes e na implicación de diferentes axentes da cadea de valor, “desde o barco á mesa”. No acto de presentación participaron os alcaldes de Tarifa, Francisco Ruiz Giráldez, e Burela, Alfredo Llano, que o fixo por videoconferencia desde o extremo norte da península.

Publicada o

- Advertisement -

A cidade gaditana de Tarifa acolleu este venres a presentación da Alianza culinaria entre os túnidos estrela dos portos de Burela e Tarifa: o bonito do norte e o atún vermello salvaxe.

A xornada divulgativa “Turismo e pesca: encontro entre o Atún vermello de Tarifa e o Bonito do norte de Burela”, que tivo lugar este venres 27 de maio no castelo de Guzmán el Bueno de Tarifa (Cádiz), serviu como presentación dunha nova alianza gastro-turística para poñer en valor aos dous atúns.

Esta acción consiste na apertura de novos horizontes e na implicación de diferentes axentes da cadea de valor, “desde o barco á mesa”. No acto de presentación participaron os alcaldes de Tarifa, Francisco Ruiz Giráldez, e Burela, Alfredo Llano, que o fixo por videoconferencia desde o extremo norte da península.

Na xornada tamén interviñeron representantes de entidades pesqueiras, industriais e turísticas vinculadas ao Bonito do norte de Burela e ao Atún vermello de Tarifa (Cádiz), como a Confraría de Pescadores ou a Asociación Gastronómica de Tarifa. Por parte da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela interveu o seu xerente, Sergio López, tamén de forma telemática desde Burela.

Este proxecto trata de poñer en valor a pesca artesanal, o patrimonio pesqueiro e a cultura mariñeira destas dúas localidades costeiras: a implicación que teñen o “Atún Rojo Salvaje de Tarifa” e o “Bonito do Norte de Burela” nas provincias de Cádiz e Lugo, respectivamente.

Por mor desta Alianza entre dous dos túnidos máis recoñecidos da pesca española prevese crear un roteiro turístico e gastronómico entre as provincias de Cádiz e Lugo, atravesando de norte a sur a península ibérica entre Burela e Tarifa, cruzando Andalucía, Estremadura, Castela-León e Galicia.

Ao final da xornada celebrouse un showcooking a dúo entre Alfonso Burgos, coñecido chef do Restaurante Santai de Tarifa, e Bruno Pena, chef e presidente da Asociación Cociñeiros Lugo, que elaboraron senllas receitas de atún e bonito cada un co toque propio da súa terra: “Bonito de Burela en escabeche cítrico de viños de Xérez e vinagres do Ribeiro con pan sardo” e “Gilda de ventresca de Atún vermello de Tarifa en salgadura, allo porro asado e ovo”.

Durante a xornada tamén se realizou un ronqueo de atún en directo. Este acto serviu como antesala á inauguración do “VIII Roteiro do Atún de Tarifa 2022”, coñecida competición gastronómica da Costa da Luz.

Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

ÚLTIMAS

Dúas persoas feridas tras unha saída da vía en O Vicedo

Dúas persoas resultaron feridas, das cales unha foi trasladada ao hospital en helicóptero medicalizado, tras unha saída de...

Comesaña di que a cobertura de vacantes en Atención Primaria na Mariña resolverase en “semanas”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o proceso de cobertura de...

OPINIÓN: Sobre a mala educación e unha sentenza

Fran Cajoto, acalde de Foz Cada vez somos máis habitantes, esa é a verdade, pero...

O BNG da Mariña denuncia no Parlamento a falta de persoal en Atención Primaria

O deputado do BNG, Daniel Castro denuncio na Cámara galega a carga de traballo...