A costeira do bonito no Cantábrico botou a andar o pasado mércores con cifras “marca” nas primeiras vendas realizadas en Avilés (Asturias), onde se vendeu a “máis de 300 euros o quilo”.
Así o trasladou o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero, que augurou que a tempada será curta. “Este ano estase atrasando un pouco a saída, aquí en Burela as primeiras vendas prodúcense despois das festas patronais da próxima semana”, sinalou Otero.
O responsable das confrarías a nivel estatal incidiu que a costeira que arrincou o mércores é “diferente” por culpa do alto prezo do combustible, que fai que os barcos “non estean a apurar tanto”. “En Burela onte (mércores) saía algún e o luns tamén”, certificou Otero, que puntualizou que “non houbo avance na xestión desta pesqueira e vai ser curta”.
“Si hai peixe preto como outros anos e cando se empece a pasar ao cebo vivo vaise a acabar pronto. Se chega a mediados ou finais de agosto sería unha vitoria”, recalcou. Otero incidiu en que en “os últimos anos saían á costeira do bonito entre dez e doce embarcacións, aínda que este ano co prezo do gasóleo non sabemos se van saír todos”.
“Algún dixo que non ía saír, os barcos de pouco porte poderían saír a finais de xuño porque antes seguro que non van saír a faenar”, concluíu o patrón maior de Burela.