Os Concellos de Ribadeo e Trabada conseguiron a subvención que solicitaron de forma conxunta á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta para acondicionar e pavimentar un camiño supramunicipal, que une a través dunha ponte as parroquia trabadense de Valboa e o barrio ribadense de Piñeiro, na parroquia de Cedofeita.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lamenta que “o importe da axuda se quedase no 70%, cando podería ter chegado ao 80%. O orzamento das obras é de 62.500 euros e a axuda concedida é de 43.750 euros, o 70% do custe total, polo que o 30% restante temos que asumilo directamente con fondos propios de ambos Concellos. De todas formas agradecemos a achega concedida”.
A actuación consistirá no acondicionamento e pavimentación do tramo, a prolongación da obra de paso existente sobre o rego Ferreira e a instalación de barreiras de seguridade en ambas marxes, coa finalidade de dotar uns accesos en boas condicións.
“É unha obra urxente para acondicionar o viario ao tránsito de vehículos, mellorando a comunicación e a seguridade, porque tamén serve de acceso a fincas agrícolas e a explotacións gandeiras, así como a parcelas forestais, polo que o tráfico pesado é importante e ocasiona un maior deterioro. Con esta actuación, mellorarase ademais o trazado da curva existente para facilitar os xiros de vehículos pesados”, indica Mayra García Bermúdez, a alcaldesa de Trabada.
O rexedor ribadense dixo que “estas actuacións conxuntas en viarios que unen dous Concellos supoñen o único xeito de actuar de xeito eficiente e eficaz para que os veciños e veciñas de ambos os dous municipios se vexan beneficiados”.
Mayra García lembrou que “a notificación de concesión establece a data límite de xustificación o 31 de outubro, pero a Xunta publicou a convocatoria o 11 de xaneiro e tiña tres meses para resolvela. Visto que a administración galega incumpriu o prazo, xa que rematou o 11 de abril, agardamos que se continúa o problema coas licitacións amplíen tamén o prazo de xustificación”.