Traballadoras de Albo mobilízanse contra o peche da fábrica

Permitir que o grupo empresarial Xangai Keichuang peche a planta, que leva en funcionamento desde 1924, deixaría na rúa 42 persoas, a maioría dunha idade de difícil reinserción laboral, sinala a CIG.

Albo en Celeiro / arquivo

Traballadores da fábrica da conserveira Albo na localidade de Celeiro concentraranse este xoves para esixir que se manteña a actividade nas instalacións e piden á Xunta a súa intervención.

Tal como indicou a CIG nun comunicado, na primeira reunión da comisión de negociación do expediente de mobilidade xeográfica formulado pola empresa, a organización sindical volveu reclamar a continuidade da actividade en dita factoría e o mantemento de todos os postos de traballo.

Por iso, a CIG demandou tamén unha intervención “decidida” do Goberno galego para evitar un novo golpe no emprego e na industria da comarca da Mariña de Lugo. Así, aseguran que permitir que o grupo empresarial Xangai Keichuang peche a planta, que leva en funcionamento desde 1924, deixaría na rúa 42 persoas, a maioría dunha idade de difícil reinserción laboral.

“A mobilidade xeográfica que formula Albo non constitúe ningún tipo de alternativa para o 90% das traballadoras, para as cales a decisión empresarial vai ser traumática e non poden asumir este cambio a máis de 270 quilómetros dos seus fogares polo custo económico que lles supón”, lamentou Susana Riveira, da CIG da Mariña.

Por todo iso, este xoves as traballadoras comezarán cun calendario de concentracións e folgas para esixir as súas reivindicacións. Así, manifestaranse a partir das 15,00 horas diante da fábrica.

Ademais, para os días 27 e 29 de xuño e 4 e 6 de xullo están convocados paros parciais de dúas horas que se desenvolverán de 10,00 a 12,00 horas, con manifestacións en diferentes puntos da comarca durante ese tempo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here