InicioEconomíaCase 7.000 mozos da Mariña poderanse beneficiar de axudas por 10.800 euros...

Case 7.000 mozos da Mariña poderanse beneficiar de axudas por 10.800 euros para comprar unha vivenda

Estas axudas, dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos, forman parte do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 do Mitma e teñen como prioridade frear o descenso de poboación en municipios do rural.

Publicada o

- Advertisement -

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe que máis de 6.700 mozos e mozas da Mariña, maiores de 18 anos e menores de 35, teñen acceso ata o 30 de setembro ás axudas de 10.800 euros que o Goberno destina para a adquisición de vivenda habitual. Fíxoo nun encontro en Alfoz con alcaldes e alcaldesas da comarca no que presentou as medidas máis destacadas deste programa de axuda á vivenda.

Estas axudas forman parte do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e teñen como obxectivo favorecer o asentamento de poboación en concellos menores de 10.000 habitantes. No caso da Comarca da Mariña son 13 os municipios: Alfoz, Lourenzá, Burela, O Valadouro, A Pontenova, Ribadeo, Ourol, Trabada, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, O Vicedo e Xove.

Isabel Rodríguez subliñou que “dende o Goberno garantimos con este tipo de axudas o dereito dos máis novos á vivenda e freamos o descenso de poboación do noso rural. E o facemos con programas que sitúan ás persoas no centro das nosas políticas, aínda que non teñamos as competencias directas nesta materia, pois son de carácter autonómico”. Nesta liña, lembrou o impacto que este plan do Goberno ten para Lugo permitindo ter axudas para a compra de vivenda ou aluguer no 91% dos municipios da provincia, pois 61 dos 67 concellos contan con menos de 10.000 habitantes.

A subdelegada explicou que para acceder a este programa estatal establécense varios requisitos. Concretamente, un límite de ingresos da unidade de convivencia que é de tres veces o IPREM (catro veces para persoas con discapacidade e cinco veces se a discapacidade é severa). Ademais, o importe da axuda para compra será dun máximo de 10.800 euros co límite do 20% do prezo de compra, que non debe superar os 120.000 euros, e o domicilio será o habitual e permanente durante os primeiros cinco anos. Para as persoas en aluguer, o inquilino terá cuberta ata a 60% da renda mensual, en alugueiros de ata 600 euros ao mes ou ata 300 euros no caso de habitacións, podendo recibir a axuda un máximo de cinco anos.

A tramitación destas axudas do Plan Estatal de Vivenda corresponde á Comunidade Autónoma, neste caso a Xunta, que publicou o pasado 12 de agosto a convocatoria do Instituto Galego de Vivenda e Solo no Diario Oficial de Galicia fixando o 30 de setembro como último día para presentar solicitudes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...