Os concellos da Mariña piden a suspensión do veto da UE á pesca: “hai varios miles de empregos en xogo”

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que agrupa a 14 concellos da provincia de Lugo, Fran Cajoto, di que esta prohibición "non ten lóxica, nin razón de ser".

Exemplares de pescada. AXM

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que agrupa a 14 concellos da provincia de Lugo, Fran Cajoto, pediu que se suspenda “preventivamente” o veto que impón Europa a partir do 9 de outubro á pesca de fondo, ao calcular que na comarca afectará a “varios miles” de empregos.

O tamén alcalde de Foz advirte de que “non é o mesmo o arrastre que outras artes de pesca como é o cerco ou o volante”, e critica que “non se tivo en conta o impacto socioeconómico” da decisión.  “Só primaron criterios científicos que están totalmente desautorizados porque hai novos informes que deben de ser tomados en conta. Cando se toman decisións hai que ter en conta as súas consecuencias”, subscribiu.

Cajoto reivindicou que “se pense no sector e nas familias e que se suspenda preventivamente a decisión”. “É algo moi inxusto”, subliñou o rexedor mariñán. En canto aos postos de traballo na Mariña, o presidente da mancomunidade fala de “varios miles”, para engadir que “é un impacto tremendo nun sector que tradicionalmente deu moitos postos de traballo nos principais portos da comarca que son Celeiro (Viveiro) e Burela, que dependen disto”.

Ademais, Fran Cajoto puxo o acento en que “os barcos non se poden reconverter porque non van ter espazo, e isto vai provocar unha modificación noutros caladoiros, o que vai en contra da lóxica”. Así, alerta que esta é unha “decisión que axudará a esquilmar outras zonas”. “Non ten lóxica, nin razón de ser e hai que loitar para que isto cambie”, resolve.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here