O prazo para inscribirse estará aberto ata o 17 de outubro. Ribadeo + Economía Circular, un programa dirixido ao sector turístico da vila coa finalidade de promover a transición circular.
Ribadeo + Economía Circular nace como un programa de difusión, formación, asesoramento e acompañamento de cara a promover e facilitar a transición circular como fonte de vantaxe competitiva para negocios do sector turístico da nosa vila.
O pasado xoves tivo lugar o evento de presentación ao que acudiron representantes de negocios locais de hostalería e restauración para profundar no concepto de economía circular da man da Cooperativa Alén, especialistas no deseño e aplicación de medidas circulares.
Acudiu tamén ao encontro Renata Lema, xerente dos aloxamentos turísticos Cabañitas del Bosque, situadas no concello de Outes, que falou da súa experiencia rexentando un negocio que destaca pola súa ubicación, sostibilidade e respecto ao medio ambiente. O concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, abriu a xornada agradecendo a asistencia e animando ao sector a participar nesta iniciativa, “xa que Ribadeo é unha localidade cun importantísimo peso do turismo”.
A seguinte fase tras a presentación de onte será a posta en marcha dun programa de formación máis mentorización, con prazas limitadas, que se desenvolverá nos meses de outubro/novembro e que estará dirixido á hostalaría e á restauración de Ribadeo.
No transcurso deste programa preténdese dotar aos participantes de instrumentos e medidas para aplicar nos seus establecementos e que lles permitan iniciar a transición cara a unha economía máis circular, a modernización a través da sostibilidade, a xestión eficiente dos recursos, a mellorar da experiencia do cliente e que ademais permita un aforro de custes para as empresas, unha mellor imaxe reputacional e benestar social entre outras cousas.
Vizoso asegurou que “o futuro do sector turístico pasa por ser circular e xa podemos ver que todas as políticas públicas camiñan cara ese sentido. Por este motivo, o Concello de Ribadeo quere acelerar a transición a través do desenvolvemento deste programa e a implantación de medidas concretas e especializadas para cada un dos participantes”.
As prazas para participar son limitadas e o prazo está aberto ata o 17 de outubro. Pódense consultar as bases na sede electrónica do Concello de Ribadeo. As persoas interesadas poden obter mais información na seguinte dirección de correo electrónico adl@ribadeo.org e no teléfono 982 128 650.