O alcalde de Burela, Alfredo Llano, saudou o aumento da cota de pescada, aínda que considera que “non é suficiente” ante as dificultades no sector pesqueiro tras a imposición do veto á pesca de arrastre pola Unión Europea en numerosos caladoiros do Atlántico.
O rexedor burelense manifestou este martes que existe “moita desmotivación en vista do que está a pasar e hai que explicalo ben”. “O tema é un tema complicado que hai que resolver”, advertiu.
Ao fío disto, tras o anuncio do aumento a máis de 9.000 toneladas de cota de pescada no porto como Burela, Llano destacou que “é certo que todo o que sexa aumentar as capturas de determinadas especies é positivo, que para iso está pescar, para a alimentación da poboación”.
No entanto. subliñou que quere que isto “non se vexa como unha especie de compensación ante as respostas que quere o sector”, ante as limitacións impostas desde Bruxelas. “De acordo que podamos pescar máis pescada, pero ao mesmo tempo hai unha preocupación profunda polo que vai pasar co resto (do peixe)“, remarcou.
Neste sentido, Llano apelou á necesidade de “apurar” acordos, “contando co sector e coas institucións”, á vez que reivindica “unha maior presenza e un maior peso en Europa, para que este tipo de cousas non nos pillen de raspallón”.