Reunión das mancomunidades da Mariña e Ferrolterra de cara ao impulso para o Camiño do Mar

O presidente da Mancomunidade da Mariña, Fran Cajoto sinalou, que “agora mesmo podemos selar a nosa credencial de peregrinos en puntos como a Basílica de San Martiño en Foz".


O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o presidente da Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra e alcalde de Ferrol, Ángel Mato, mantiveron esta semana unha reunión no Concello ferrolán para impulsar o Camiño do Mar.

Na xuntanza, na que tamén participaron o concelleiro de Turismo de Foz e o cronista oficial e técnicos de ambas Mancomunidades, o ente da Mariña expuxo os avances que se están a facer para a definición, sinalización e posta en valor dunha vía de peregrinación que está documentada historicamente e oficializada pola igrexa.

Fran Cajoto sinalou que “agora mesmo podemos selar a nosa credencial de peregrinos en puntos como a Basílica de San Martiño en Foz. O Camiño do Mar, que se separa en Ribadeo do Camiño Norte e se incorpora en Neda ao Camiño Inglés, ten ademais un gran valor patrimonial e paisaxístico. Só na nosa comarca a Basílica de San Martiño, a Catedral máis antiga de España, ou a propia cidade de Viveiro, constitúen reclamos por si mesmos. Un diverso patrimonio etnogŕáfico e unhas impresionantes panorámicas da costa desde a ruta son elementos diferenciais”.

O historiador e cronista focego, Xoan Ramón Fernández Pacios, destacou a ruta como a “dos dous Apóstolos” en referencia a Santiago e a San Andrés de Teixido, en Cedeira, un atractivo fundamental que non dispón de ningún outro camiño.

O alcalde de Ferrol confirmou a aposta de Ferrolterra por este proxecto que vai servir de nexo de unión do norte galego. O proxecto de posta en valor do Camiño do Mar está liderado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística. As Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra xa colaboran en proxectos conxuntos como o do Turismo Slow Norte de Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here