O BNG da Mariña salienta que o peche da conserveira Albo en Celeiro é o último episodio do “progresivo desmantelamento ao que as erradas políticas da Xunta e tamén do Estado someten a esta comarca convertíndoa nun deserto industrial”. Destacan que o peche faise sobre unha conserveira que tiña case cen anos de presenza en Celeiro
O BNG acusa de total despreocupación ao Partido Popular polos problemas da Mariña. Lembran que o deputado Daniel Castro levou ao Parlamento a situación da factoria de Celeiro e das súas traballadoras. Castro instou á Xunta facer os trámites necesarios para que os postos de traballo se mantiveran en Celeiro. Castro afirmou tamén que “xa advertimos cando se tratou a nosa iniciativa no Parlamento do nulo compromiso do PP coa comarca e coas traballadoras de Albo, coas que o presidente da Xunta non se dignou a reunirse e ningún deputado mariñao do PP quixo intervir no debate da iniciativa, co cal queda claro que quen cala, otorga”.
O deputado mariñao afirmou tamén que o PP nesta comarca está ausente “pois desde o BNG levamos anos insistindo na necesidade dun plan de industrialización e emprego para A Mariña, pero está claro que eso non está dentro das súas prioridades”
Segundo o grupo nacionalista as propias traballadoras avisaron que as infraestruturas e comunicacións na comarca condicionaban a implantación de novas empresas, e a marcha doutras. Neste sentido o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga recordou o como a A-74 Barreiros-San Cibrao e a VAP Costa Norte San Cibrao – Ferrol seguen esquecidas nos orzamentos para o 2023, tanto no caso do Estado coma no da Xunta, eternizándose a súa execución. “Sen industria non hai futuro, e sen infraestruturas e boas comunicacións é imposible asentar industrias na comarca”, afirmou Veiga.