InicioEn ProfundidadeSegadores da Órrea: o heroísmo da emigración

Segadores da Órrea: o heroísmo da emigración

Un libro retrata a vida dos veciños da parroquia riotortense que traballaron na seitura en Castela

Publicada o

- Advertisement -

Soemos buscar heroes nas películas ou no deporte de elite, pero Carlos Veiga atopounos na parroquia. Pepe do Dios, Aladino de Borducelo, Xaime de Venancio ou Benigno de Culán son algúns deles. Todos marcharon á meseta para traballar na sega estival e pasaron penurias para manter ás súas familias. Veiga conta a súa historia en Segadores da Órrea en Castela’, un libro que vén de publicar a asociación veciñal en colaboración coa Deputación de Lugo.

Con esta publicación, o colectivo veciñal da Órrea quitou catro obras sobre a historia da parroquia: antes foron un libro de imaxes, un estudo sobre un mosteiro do século XI do que non queda pegada e ‘Eloxio da Terra de Miranda‘, de Xulio Pardo de Neyra. A agrupación gravará tamén un documental sobre os segadores coa Fundación TIC.

TRESCENTOS ANOS DE MIGRACIÓNS

A Órrea é terra de emigrantes. Raro é o veciño que non teña algún na familia, fose en América -sobre todo en Cuba, Arxentina-, noutros países europeos -coma Alemaña ou Suíza– ou en Bilbao ou Barcelona. Á altura do século XVII, a parroquia reunía todas as condicións para darse unha emigración masiva: excedente de poboación e pobreza, cuns terreos montañosos que apenas ofrecían produtividade. Daquela comezou un fenómeno sociolóxico, “a migración anduriña”, que durou 300 anos, ata a década dos 60 da pasada centuria.

PARTICIPABAN ENTRE 30.000 E 60.000 GALEGOS

Entre 30.000 e 60.000 galegos ao ano -os investigadores difiren- migraban a Castela para participar na seitura do trigo e da cebada. A maioría procedían das provincias de Ourense e Lugo, de lugares como Riotorto, A Pontenova, Guitiriz, Friol ou Vilalba. O traballo destes temporeiros supuña un bálsamo económico para as familias: en 40 ou 50 días de choio “gañaban o mesmo que en todo o ano na casa”, asegura Veiga. O segador Manolo de Valente asegura que, no 1965, tres irmáns acadaron en dous meses 64.000 pesetas, cando o soldo mensual dun profesor rondaba as 10.000.

Na casa quedaban as mulleres, que cargaban co peso da casa e facían o papel das dúas cabezas da familia. Coidaban dos nenos e dos maiores, dos parentes enfermos, traballaban a terra e o gando. 

NENOS DE ENTRE ONCE E QUINCE ANOS TRABALLABAN NA MESETA COMO ATADORES

Os veciños emigraban en cuadrillas, formadas por unhas nove persoas. Seis deles exercían de segadores e outros tres, de atadores. Esta última tarefa estaba reservada a nenos de entre once e quince anos, que facían o que podían para subir canto antes de categoría. Gañaban a metade e facían un traballo máis duro, pois tamén carrexaban auga nas quilométricas leiras castelás. “Acababan cos brazos desfeitos dos cardos”, explica Veiga.

Os maiorais e trasmaiorais -segundos no escalafón-, homes expertos nas migracións a Castela, comandaban estes grupos xerarquizados. Os xefes podían elixir xornaleiros de confianza; había moita demanda de traballo.

Ata 1883, cando se inaugurou o ferrocarril, os emigrantes marchaban a pé desde Lugo. E durante un tempo seguírono a facer, pois non se podían permitir o custo da viaxe de ida; á volta, con cartos, regresaban no tranvía. “O traxecto duraba dez ou doce días. Cubrían 40 ou 50 quilómetros por etapa e íanse co posto. Levaban o fouciño, a pedra de afiar e unhas sandalias feitas de material dos neumáticos”, asegura Veiga. Os segadores da Órrea soían traballar en pobos como Medina del Campo ou Ataquines.

AS CONDICIÓNS DE TRABALLO ERAN INFAMES E CON FRECUENCIA VIÑAN ENFERMOS

Os traballadores galegos tiñan boa fama en Castela, onde chegaban tamén xornaleiros de Andalucía ou Aragón. Ademais, os obreiros da Órrea podían presumir de boas fouces, feitas polos ferreiros e afiadores de lugares como Beche ou Casanova, tamén de Ferreiravella e Espasande de Abaixo.

Segadores da Órrea no 1933. WALTER EBELING/CEDIDA POR ÁNGEL VILLADA

Chegados ao destino, as condicións de traballo eran infames. Traballaban de sol a sol e “durmían en palleiras cunha manta enriba, ás veces compartida por dúas persoas. Comían todos do mesmo barreño. As medidas de aseo eran penosas e moitas veces viñan enfermos, con frecuencia polo cambio de auga”, explica o cronista.

MALA FAMA DOS PATRÓNS

Castellanos de Castilla / tratade ben aos galegos / cando van van coma rosas / cando vén, vén coma negros. Ao investigar, Veiga atopouse con que os versos populares que Rosalía de Castro adaptou non se acababan de axustar á realidade. “Os maiorais tiveron sempre unha mala fama que ás veces non é xusta. É certo que había unha relación patronal e algúns foron uns explotadores, pero outros eran xente de lei e varios segadores aseguran que lles adiantaban o diñeiro cando aínda non cobraran eles”, resalta. Por outra banda, “a situación dos propietarios casteláns, aínda que era mellor, non era tan diferente”, explica.

QUEDAN NA ÓRREA UNS 25 SEGADORES. testigos DO noso PASADO

Veiga calcula que quedan na Órrea “polo menos, uns 25 segadores”, unha fonte de información sobre o noso pasado. “Ao escoitalos sentía envexa, non das calamidades que padeceron, senón do seu amor á terra. Foron heroes”, asegura. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...