InicioEn Profundidade18 anos de 'Hepta', o disco de Berrogüetto forxado en Sargadelos

18 anos de ‘Hepta’, o disco de Berrogüetto forxado en Sargadelos

Guadi Galego e Quim Fariña lembran como as ruínas das antigas fábricas inspiraron melodías, unha peza completa e a portada e a arte do traballo

Publicada o

- Advertisement -

Neste 2019, o disco ‘Hepta‘ de Berrogüetto cumpre a maioría de idade. Tamén fan 18 anos da convivencia do grupo en Sargadelos, en xullo, meses antes da gravación do álbum en Euskadi. Na Casa da Administración e as ruínas das antigas fábricas xestáronse melodías, unha peza completa e a portada e a arte do disco, que contou coa sinatura do artista Georges Rousse.

Anxo Pintos (gaita e saxofón), Guadi Galego (voz e gaita), Santiago Cribeiro (acordeón e teclados), Quim Fariña (violín), Quico Comesaña (mandolina, arpa, bouzouki), Guillermo Fernández (guitarras e baixo) e Isaac Palacín (percusións e batería) formaban naquela altura o grupo, disolto en 2014. Falamos con Galego e Fariña sobre aquela experiencia.

A ORIXE

Quim Fariña: “A idea xurdiu a raíz dunha exposición de Rousse no de Centro Galego de Arte Dramático (CGAC) de Santiago de Compostela que me deixou flipado. Directamente falei co CGAC e eles xa nos facilitaron o contacto. Estivemos semanas á procura de espazos, porque el traballa en edificios en ruína, e el escolleu a antiga fábrica de Sargadelos. É unha marca pioneira e rompedora. Non foi só alí porque o espazo valese, senón pola carga que tiña detrás”.

Guadi Galego: “Sargadelos escolleuse polo que significaba para a cultura galega. En Berrogüetto todo tiña que ter un sentido, unha filosofía e un concepto. Sargadelos era para nós o berce do galeguismo económico e artístico. Unha empresa galega que se creou con fins de divulgar a cultura galega”.

GEORGES ROUSSE

Quim: “Rousse utiliza o anamorfismo; traballa con imaxes que sempre se desenvolven en espazos tridimensionais, no seu caso pintando, e que están creadas para ser vistas desde un punto de vista concreto, o da cámara, que as devolve bidimensionais. Hai unha especie de making off (abaixo destas liñas) que fixemos e que está en Youtube, no que todos os cadrados da portada vense descolocados e deformes e hai un momento no que o traveling avanza lateralmente ata se detén no punto de vista da cámara. Entón aí coincide todo e logo descolócanse outra vez”.

Guadi: “Lembro que o traballo que fixemos nós para a portada non foi de artista fino. Había que medir, pintar todo súper milimetrado. Había que pintar a cara e sacar as fotos, medir o tamaño… Todo tiña que ver coa matemática, todo tiña que ir ben medido para que logo esa foto que el sacaba nun espazo tridimensional se volvera bidimensional”.

Quim: “Aínda estaba Isaac Díaz Pardo e recibimos moito apoio. O Concello de Cervo tamén se involucrou. Estivemos aloxados unha semana de balde na Casa da Administración. Ensaiábamos abaixo de todo, tiña saída cara atrás, cara a horta. Logo estaba o museo e arriba os apartamentos onde durmiamos. Elisa e Ramiro coidaban de nós. Foi un gusto traballar así, o trato foi fantástico”.

Guadi: “Xantabamos no Almacén ou na fábrica de Sargadelos. Ensaiabamos moitas horas”.

ESTANCIA

Quim: “Viñamos con parte do disco por facer, traiamos cinco ou seis cancións. Si que tiñamos claro o concepto de hepta, de artellalo sobre o número sete: as sete notas musicais, sete cores do arco da vella, sete días da semana, sete integrantes do grupo. A idea era, aproveitando que a Georges Rousse a arte do álbum lle levaba máis ou menos unha semana de traballo, convivir ese mesmo tempo alí e cociñar as pezas”.

Guadi: “Os convivios achegan cousas boas e malas. Sargadelos foi unha especie de residencia artística para nós. Estabamos nun sitio súper tranquilo, auténtico, onde todo o mundo te trataba de marabilla. Non facía moita calor… Era idílico, estabas como nun retiro espiritual. Por outro lado, convivir con aqueles seis elementos era complicado (risas). Un que se deitaba ás seis da mañá e non había quen o levantase, outro que comía fatal… (risas). Con perspectiva, igual hoxe non o podería volver facer”.

Quim: “Que eu lembre, foi a única vez que fixemos algo así. O feito de vivir unha semana centrados na creación da música é moi enriquecedor e non soe pasar. Lembrámolo como algo que lle deu moita forza a Berrogüetto”.

Guadi: “Había moita vida nocturna, pero non de desfase. Había xente que creaba de noite, que se quedaba a tocar ata as cinco da mañá. Iso a min matábame, non podía. Levántame pola mañá cedo e estaba máis soa que a unha (risas). Como moito, a esas horas espertaba só (Anxo) Pintos”.

Quim: “Forzábamonos a currar. Se ti ensaias unha tarde e marchas para a túa casa, sales con outra xente, é distinto. Dispérsaste. Alí estabamos puramente concentrados na música”.

‘ALBORES’, “MADE IN” SARGADELOS

Guadi: “De Sargadelos saíu unha peza instrumental moi pequeniña, bonita, unha melodía nun convivio nocturno das dúas ou as tres da mañá que se saíu un pouco de todos. Menos de min, porque eu son unha diúrna total (risas). Eu son cero noctámbula, entón estaría durmindo, supoño”.

Quim: “A música que saíu de Sargadelos, integramente, foi ‘Albores‘. Está dedicada a un amigo que estaba a axudarnos coa arte do disco alí mesmo e que tivo durante esa semana un percance de saúde”.

Guadi: “De todos os discos de Berrogüetto ‘Hepta’ foi o máis conceptual de todos. Paréceme un gran álbum. Non é tan popular como outros, pero é o da nosa madurez como banda, baixo o meu punto de vista. No seguinte traballo, ‘10.0‘, xa estabamos un pouquiño máis dispersos, daquela houbo un concepto de banda moi potente. As cancións viñan moi peladas da casa para que a creación final llas dese o grupo”.

Quim: “Seguramente tivo moito que ver a convivencia en Sargadelos en que foi o primeiro disco no que figuramos todos como compositores, os sete membros. Incluso Isaac Palacín, o percusionista, non soía facer ese tipo de achegas e neste disco ten parte dese tema, ‘Albores’”.

CONCERTO

Guadi: “Ao ano seguinte fixemos un concerto en Cervo, que foi como pechar o círculo”.

Quim: “Quedaramos a durmir na Casa da Administración outra vez. A troula alongouse no Muíño. Fora unha noite de celebración, como de peche tras estar aquí un ano atrás”.

Guadi: “O concepto transformador da arte segue a parecerme moi potente a estas alturas. O feito de ser capaces de transformar cousas que neste caso estaban caídas e eran parte do patrimonio de Cervo. Algo que se tornou nalgo diferente e do que imaxino que 18 anos despois queda algo, aínda que pouco. E imaxina de aquí a outros 18 anos…”.

Quim: “Díxome xente que visitou Sargadelos hai pouco que só queda un cachiño daquelo. Pero a obra de Georges Rousse é a fotografía, que é o que prevalece. Chegaranos algún comentario daquela sobre a posibilidade de conservar a obra e que fose visitable, pero non tiña sentido”.

NOMINADO AOS GRAMMY

Quim: “O proceso de ‘Hepta’ foi innovador. E logo chegou a estar nominado aos Grammy latinos do 2002, que foi a nominación máis potente que tivemos. Chegamos a gañar os Premios da Música da SGAE, pero falamos dos Grammy, o máximo expoñente dun galardón musical”.

A peruana Susana Baca gañou o galardón con ‘Lamento negro‘, pero ‘Hepta’ recibiu o Premio da Crítica en Alemaña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...