InicioEn ProfundidadeÉ legal a acampada no castro de Barreiros?

É legal a acampada no castro de Barreiros?

Respostamos a algunhas preguntas chaves trala denuncia do aparcadoiro de autocaravanas no xacemento de San Pedro de Benquerencia

Publicada o

- Advertisement -

É legal o aparcadoiro de autocaravanas do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia? Que responsabilidade de conservación patrimonial teñen os concellos? Tentamos aclarar algunhas preguntas chave sobre a polémica suscitada pola utilización dun xacemento como lugar de estacionamento en Barreiros.  

CATALOGACIÓN

Que catalogación ten o castro de Benquerencia e que implica?

O Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia é un ben catalogado no inventario patrimonial da Xunta de Galicia. Polo tanto, aínda que non conta coa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), o grado de restricción sobre os usos que podan dárselle é importante, e a súa utilización estará sempre sometida á tutela da Dirección Xeral de Patrimonio.

A nivel urbanístico, a parcela está recoñecida nas Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros como solo non urbanizable protexido. Trala entrada en vigor da Lei do Solo do 2016, aplícaselle complementariamente o rexime xurídico para os solos rústicos de especial protección patrimonial e para os de especial protección de costas.

O CASTRO DE BENQUERENCIA ATÓPASE TAMÉN AFECTADO POLA LEI DE COSTAS E POLO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL

Neste senso, cabe resaltar que o espazo onde se sitúa o ben está afectado pola servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre regulado na Lei de Costas, e igualmente polo Plan de Ordenación do Litoral de Galicia01_02_007_CAS

A normativa municipal estipula un perímetro de afección do mesmo de 200 metros. Segundo o documento, este tipo de espazos “non poderán ser destinados a usos que impliquen transformación do seu destino ou natureza ou que lesionen o valor específico que se quere protexer”.

ESTADO

Cal é o estado do xacemento?

A asociación Mariña Patrimonio, que xunto con Adega denunciou esta actividade ao Seprona, advirte de que, coma moitos castros costeiros, o xacemento caracterízase polo pouco grosor da zona arqueolóxica, que cifra “nuns 20 centímetros“. Polo demais, atópase nun bo estado de conservación.

O aparcamento no mesmo non é unha práctica nova: no 2008, a prensa mariñá recolleu denuncias de empresarios locais sobre pernoctas de autocaravanas no castro de Benquerencia. Dez anos despois, o problema continúa, aumentado por un tipo de turismo en auxe.

NO 2008 XA SE advertiu dO USO DO ESPAZO COMO ZONA DE PERNOCTA DE AUTOCARAVANAS

AUTOCARAVANAS

É ilegal a acampada sobre o castro?

En principio, non está prohibida ou tipificada como infracción, o que non significa que sexa legal: son precisos permisos. A utilización dun espazo desde tipo como aparcadoiro ou camping está condicionado á presentación dunha solicitude e á correspondente autorización expresa do cambio de uso puntual dese ben patrimonial por parte das administracións ou entidades competentes: neste caso, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Costas. En última instancia, deberá acadarse o título habilitante municipal para o uso de acampada.

A ACAMPADA NON ESTÁ TIPIFICADA COMO INFRACCIÓN, PERO É ILEGAL SEN AUTORIZACIÓNS SECTORIAIS E MUNICIPAIS

No tocante ao patrimonio, as administracións son restrictivas á hora de conceder estes permisos e evitan riscos. Un aparcadoiro de autocaravanas nun castro é dificilmente autorizable, pois está estudado o prexuízo que pode causar sobre o mesmo non só o impacto dos vehículos no caso de que haxa chuvia, senón tamén a acción incontrolada do ser humano.

Desde o punto de vista de Costas, a Axencia de Protección de Legalidade Urbanística (Aplu) procedeu á “demolición” -ou desaloxo– de ducias de autocaravanas estacionadas na zona de servidume de protección do litoral, o que moitos usuarios ven coma “unha persecución”. En Barreiros falta sitio: só hai oito prazas públicas de aparcadoiro nun municipio que aumenta a súa poboación un 36% en verán, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

A APLU DESALOXA DUCIAS DE AUTOCARAVANAS ESTACIONADAS NO LITORAL. OS USUARIOS VEN “UNHA PERSECUCIÓN” E EN BARREIROS FALTA SITIO

IMPACTO

Como pode afectar a acampada ao castro?

Segundo os arqueólogos consultados, se non se fan remocións do terreo, o dano producido polos vehículos no xacemento en solo seco non debera ser relevante. Si pode haber un maior risco de deterioro de producirse chuvias. De estar o terreo máis brando, as rodeiras das autocaravanas poden causar un impacto sobre o castro. Mariña Patrimonio mostra con esta fotografía que se están a causar estas pegadas.

Rodeiras provocadas polas autocaravanas. MARIÑA PATRIMONIO

 Tamén habería que valorar o resultado da acción humana sobre o mesmo.

EN TERREO SECO, O ESTACIONAMENTO NON DEBERa danar O XACEMENTO. con chuvia, o risco aumenta

COMPETENCIAS DA XUNTA

Cal é o papel da Xunta de Galicia?

As Comunidades Autónomas teñen a competencia exclusiva en patrimonio cultural. É a Xunta de Galicia a que ostenta as potestades de intervención, control, inspección e disciplina sobre o mesmo.

No tocante á competencia no ámbito da servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre, a potestade de intervención correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e a de control, inspección e disciplina, á Aplu.

PROPIETARIOS

Cales son as obrigas dos titulares?

A Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural sinala que os propietarios están obrigados a conservar, manter e custodiar os bens, evitando a súa perda, destrución ou deterioro, así como a informar da evolución dos mesmos.

ÁS VECES, É DIFÍCIL ESIXIR RESPONSABILIDADE AOS TITULARES: NON PODEN TOMAR MEDIDAS DE PREVENCIÓN SEN PERMISO

En ocasións, ter unha propiedade na que se atopou un xacemento arqueolóxico supón un compromiso para os titulares. As actuacións que poden realizar nas súas parcelas están restrinxidas. En casos coma o de Barreiros, apenas se pode demandar unha aplicación práctica da responsabilidade de conservación: resulta difícil esixirlle ao propietario que tome medidas de prevención da utilización do espazo, que estarían condicionadas -por exemplo, pechar o recinto– polas propias normas que rixen o ben catalogado e a súa contorna.

OS CONCELLOS

Que poden facer os Concellos?

A normativa baséase na cooperación entre administracións. Aínda que o goberno local ten escasas competencias no ámbito da conservación do patrimonio, a lexislación si lle atribúe un papel de vixía inmediato neste tipo de conflitos co obxectivo de velar polo ben patrimonial. Así, de observar risco, a alcaldía pode adoptar de forma cautelar as medidas de urxencia necesarias -incluído o desaloxo ou o peche do recinto- para suspender os usos prohibidos ou realizados sen o título habilitante municipal.

Outra opción, menos taxante, é sinalizar o espazo cun aviso para que ninguén aparque, o que requeriría dos correspondentes permisos.

OS CONCELLOS non se deben inhibir: PODEN ACTUAR CAUTELARmente DE EXISTIR RISCO PARA O BEN OU DE REALIZARSE ACTIVIDADES SEN OS permisos necesarios

É certo que ás veces a escaseza de medios -como a ausencia de técnicos especializados en determinadas áreas ou de Policía Local, como é o caso de Barreiros- limita aos concellos neste apartado ou dilata os tempos de actuación, pero teñen o deber de actuar con dilixencia para evitar usos prohibidos ou non autorizados sobre o solo rústico e tamén para evitar danos sobre o ben catalogado.

Se temen incorrer nun uso arbitrario do poder, os gobernos locais deben notificar con celeridade á administración competente calquera tipo de actuación irregular que poda afectar ao patrimonio.

SANCIÓNS

Que sancións se contemplan por acampar sen autorización?

As sancións para os que acampen sen o necesario título habilitante municipal e as autorizacións sectoriais precisas en solo rústico protexido poderían ser diversas, dado que os infractores poderían cometer ao mesmo tempo infraccións relativas a máis dunha normativa -as que atinxen á protección do ben catalogado, de costas, da paisaxe ou do medio natural-.

NO ÁMBITO PATRIMONIAL, O CUSTO DAS SANCIÓNS PODE OSCILAR ENTRE OS 300 euros E O MILLÓN

No tocante ao patrimonio cultural, se o dano ocasionado ao ben ou o beneficio acadado pola actividade poden cuantificarse, as multas poden multiplicar por catro esta cuantía. De non causarse dano ou non producirse beneficio, os custos irían dos 300 euros ao millón segundo a gravidade da falta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...