InicioEn ProfundidadeCronoloxía do aluminio na Mariña Lucense

Cronoloxía do aluminio na Mariña Lucense

O complexo industrial de San Cibrao transformou desde os anos 70 a sociedade mariñá, hoxe tan dependente del que treme tralo anuncio de Alcoa dun despedimento colectivo

Publicada o

- Advertisement -

En algo máis de catro décadas, o complexo industrial de San Cibrao, primeiro Alúmina-Aluminio, logo Inespal e finalmente Alcoa, transformou a sociedade da Mariña Lucense. O Xornal da Mariña traza unha cronoloxía da historia dun centro produtivo hoxe ameazado de peche pola multinacional, que anunciou un despedimento colectivo en aluminio que podería afectar a 534 traballadores. Unha medida que, de saír adiante, suporía tamén na práctica o certificado de defunción da planta de alúmina e de máis dunha decena de empresas auxiliares.

1973

En marzo, o Instituto Nacional de Industria (INI) formaliza un acordo para presentar un anteproxecto a fin de construír unha planta de alúmina e de aluminio, dado o nivel de consumo do metal e as súas perspectivas de futuro. O primeiro emprazamento ía ser Vilagarcía de Arousa.

O PRIMEIRO EMPRAZAMENTO dO COMPLEXO INDUSTRIAL ÍA SER VILAGARCÍA DE AROUSA

Dificultades cos terreos e, segundo algunhas fontes, o menor peso industrial -e por tanto, sindical- na Mariña Lucense fixeron que se decidise construír o complexo industrial en San Cibrao.

Pretendíase cubrir o déficit previsto para o consumo estatal no mercado de aluminio e integraríase por primeira vez en España a produción de alúmina, cuxa importación se substituía por bauxita.

1977

O proxecto do aluminio suscitou unha certa contestación social, especialmente no tocante ao seu impacto ecolóxico e tamén no relativo á descapitalización de terreos de ducias de familias de Cervo e Xove.

Máis contestación recibiu o proxecto da central nuclear de Xove, que provocou multitudinarias protestas en 1977 e 1979, con ata 8.000 persoas rexeitando un centro de enerxía atómica en Regodela. A moratoria do 1984 tombou definitivamente a iniciativa.

A NUCLEAR FRUSTRADA EN XOVE ERA CONSIDERADA CRUCIAL PARA A ALIMENTACIÓN DE ALUMINIO

A planta nuclear era vista pola dirección como unha fonte de enerxía óptima para a competitividade do complexo industrial de San Cibrao, especialmente da fábrica de aluminio polo seu elevado consumo de electricidade, o que supuxo un revés importante para os intereses da empresa; quedou, explica un ex traballador veterano, unha certa sensación de proxecto fallido.

1979

Unhas 20.000 persoas –entre eles os primeiros caboverdianos asentados na Mariña Lucense- participaron na construción do complexo industrial, que obtivo o seu primeiro aluminio no 1979 e, en outubro de 1980, a súa primeira alúmina. O porto de Morás, construído para o complexo industrial, recibía especialmente bauxita pero tamén ánodos e outros elementos do proceso produtivo.

Coa industria de San Cibrao, España pasou de ser un Estado importador a exportador, tanto de aluminio como de semitransformados. No 1978, o déficit da balanza comercial total deste metal era de 20.000 toneladas; no 1979, o saldo favorable foi de 60.000.

NO PRAZO DUN ANO, ESPAÑA PASOU DE ESTADO IMPORTADOR A EXPORTADOR DE ALUMINIO

Cando se inaugurou de xeito oficial, no 1980, coa presenza dos Reis de España, San Cibrao estaba considerado o terceiro centro mundial do sector.

A transformación da bisbarra foi radical, dunha sociedade agropesqueira a industrial. O peso so sector primario pasou do 38% ao 18%.

No 1979 producíronse escapes de flúor que obrigaron a indemnizar a ducias de veciños de Lago.

 

1982

Cunha forte caída do prezo do metal polo dictado da Bolsa de Londres, Alúmina-Aluminio quedou sen liquidez, con perdas de 8.793 millóns de pesetas, e entra en suspensión de pagos. O INI fusionou todo o sector -incluíndo Alugasa e Endasa– e ampliou capital polo equivalente de 93 millóns de euros. Nacía así Inespal como empresa pública ao 100%.

O PESO DO SECTOR PRIMARIO NA MARIÑA CAEU DO 38 AO 18%; o municipio de CERVO duplicou a súa poboación en 16 anos

1986

Á altura de 1986, o municipio de Cervo, que incluía Burela, aumentara a súa poboación nun 77% con respecto ao 1970 -de 6.293 a 11.141 habitantes-; no mesmo intervalo, Viveiro gañou 2.012 residentes; Foz, 1.476.

Ese ano inaugúrase o Hospital da Costa.

1987

En decembro do 1987, un camión chega ás portas da fábrica de San Cibrao coa carga do Casón, un barco de bandeira panameña que embarrancara en Fisterra. Pensábase que os bidóns podían conter material tóxico, ata o punto de que 23 dos 31 mariñeiros chineses faleceron ao tirarse ao mar por medio a explosións cando o accidente do buque.

A carga provocara alarma social na Costa da Morte e na Terra Cha. Empresa e comité negáronse a abrir o complexo industrial ao cargamento, que se dirixiría desde o porto cara Holanda. A dirección retractouse e os sindicatos mantivéronse na súa negativa, considerándose amparados polo dereito a realizar folga ante un perigo e incumprindo, segundo os directivos, a orde de acometer “servizos mínimos“.

O CASÓN MARCOU UNHA RUPTURA E SUPUXO PARA ALGUNHAS FONTES O DEBILITAMENTO DA ACTIVIDADE SINDICAL NO COMPLEXO

Perdeuse a maquinaria e abriuse un expediente de regulación de emprego que afectou a 574 obreiros, recuperando a totalidade o seu posto de traballo agás os 23 delegados sindicais, que foron despedidos, algo inédito a nivel estatal. Algunhas fontes ven detrás deste suceso o aproveitamento da situación para especular no mercado do aluminio, cun esgotamento das vendas, e renovar as instalacións. Traballadores veteranos aseguran que o conflito laboral do Casón debilitou para sempre a actividade sindical despois dunha década dos 80 convulsa.

1998

Tras algunhas tentativas anteriores de venta, Alcoa compra Inespal -con 14 centros produtivos e 4.500 traballadores daquela- á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), dependente do Goberno de España, ostentado polo Partido Popular. O prezo foi de 410 millóns de dólares, 61.500 millóns de pesetas. Calcúlase que, tendo en conta os activos -4.000 millóns-, a multinacional estadounidense pagou dez céntimos por dólar. O ministro de Economía era Rodrigo Rato. Nun perfil sobre o daquela presidente da compañía, Paul O’Neill, recentemente falecido e que máis tarde sería Secretario do Tesouro de Estados Unidos, o xornalista Enric González asegurou en El País que a adquisición “foi a operación da súa vida“.

ALCOA ADQUIRIU 14 PLANTAS POR 410 MILLÓNS DE DÓLARES; O PRESIDENTE REALIZOU “A OPERACIÓN DA SÚA VIDA”, SEGUNDO EL PAÍS

Nun número especial polo 20 aniversario da fábrica sancibrense, Alcoa advertía daquela que “de cada cen pesetas investidas na produción de aluminio, 30 corresponden á enerxía eléctrica”. O prezo da luz é de tal importancia para a planta que, no contrato de compra, a multinacional impuxo ao Goberno unha cláusula na que se estipulaba que toda subida do custo da electricidade nos anos sucesivos con respecto ao importe de referencia, debía ser asumida pola SEPI.

O acordo, en principio, era para 15 anos, con prezos de 3,8 pesetas (cinco céntimos de euro) durante dez anos e 4,24 para o seguinte lustro. A SEPI comprometíase ademais a propiciar contratos favorables coas eléctricas.

No 2006 chegouse a expoñer que a venda de Inespal deixara un buraco para o Estado de 456 millóns.

o estado comprometíase coa multinacional estadounidense a compensar o prezo da luz se subía dun máximo estipulado

2000

Á altura do ano 2000, unha gráfica da empresa permitía ver o impacto do complexo industrial no litoral da Mariña Lucense. O 28% dos traballadores residía en Viveiro; o 17%, en Foz; o 16%, en Ribadeo; o 14%, en Burela; o 9%, en Cervo; o 6%, en Xove e Barreiros; o 4%, no Vicedo.

2009

A crise da construción e a caída da demanda do metal nos mercados europeos fixeron que Alcoa San Cibrao reducise a produción, remontando ao ano seguinte. Á altura do 2010, a produción do complexo industrial supón un terzo do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo, o que demostra a dependencia socioeconómica da bisbarra, onde non se souberon artellar proxectos alternativos.

á altura de 2010, o complexo de san cibrao supuña un terzo do pib da provincia

2012

Ante as presións de Bruxelas desde 2009 contra a G4, en decembro remata a vixencia dunha substituta da tarifa, que beneficiaba a Alcoa entre un puñado de grandes consumidores de enerxía estatais.

O ministro de Industria, José Manuel Soria, visita a planta de Alcoa nun contexto convulso, no que a empresa esixía solucións ante o elevado custo da enerxía eléctrica, e tras unha mobilización multitudinaria en Viveiro polo emprego. O dirixente do Goberno do PP comprometeu “un sistema” para “garantir a viabilidade” da planta de aluminio, aínda que non especificou como.

O “sistema” consistiría en modificar o mecanismo da interrompibilidade, que asignaba un orzamento -550 millóns de euros daquela- de forma administrativa, para iniciar un sistema de subastas a través do cal as empresas se beneficiarían dun prezo máis baixo da luz a cambio de interromper os procesos industriais se hai picos de demanda de enerxía no país, o que rara vez sucede.

2014

A finais de ano, Alcoa presenta un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para as plantas de Avilés e A Coruña, que sumaban 800 traballadores. Reclama unha segunda subasta de interrompibilidade, despois dun resultado insatisfactorio na primeira.

Feijóo falaba entón dunha “ancoraxe difícil” deste mecanismo.

Alcoa retirou o ERE o 23 de decembro, dous días antes de Nadal, despois dunha nova poxa de interrompibilidade, desta vez satisfactoria para os seus intereses.

Namentres, Alcoa espallaba o seu negocio a Arabia Saudí.

Ese mesmo ano, aluminio declara un beneficio de 81,7 millóns de euros, con 2.265 millóns en vendas. Alúmina, perdas de 36.

no 2014, alcoa presentou ere de extinción en avilés e a coruña e retirouno ao convocarse de novo a poxa de interrompibilidade

2015

Alcoa vende as fábricas de Alicante, Amorebieta (Biscaia) e Castelsarrasin (Francia).

Ese mesmo ano complétase o gasoduto que alimenta a alúmina, de 65 quilómetros de lonxitude e un investimento de 30 millóns de euros.

2016

En maio, hai xusto catro anos, saltan as alarmas ao filtrarse que Alcoa “tantea” a venda das plantas de Galicia e Asturias.

Expertos cualifican a San Cibrao da “xoia do aluminio europeo”, “caza maior” dentro dunha posible venda, que representaba “un paso máis serio” por parte da multinacional fronte a outras medidas de presión para obter condicións máis favorables de explotación.

2018

En agosto, trascende que Alcoa, daquela con centros transformadores do aluminio en San Cibrao, A Coruña e Avilés, e maila empresa independente Arconic, escindida da multinacional, pagarán “entre 21 e 53 millóns de euros”, segundo as propias entidades empresariais, para responder da súa responsabilidade nun delito de fraude fiscal detectado por Facenda Pública a raíz da auditoría dos ingresos da firma estadounidense en España entre os exercicios 2006 e 2009.

O 17 de outubro, Alcoa anuncia o peche das plantas da Coruña e Avilés, con 369 e 317 empregados afectados. Alega “obsolescencia tecnoloxía” e considera a electricidade “un factor menor”. Queda así cunha única factoría, San Cibrao, das 14 mercadas, e con 1.134 empregados de 4.500.

En xullo do ano seguinte Avilés e A Coruña serán vendidas ao fondo suízo Parter, que á súa vez venderá as plantas ao Grupo Riesgo, en abril de 2020. Os obreiros sospeitan que o proxecto é unicamente especulativo e piden a intervención estatal ante a falta de garantías sobre a produción e o emprego.

Á altura do anuncio do ERE extintivo en Avilés e A Coruña, no outono do 2018, a falta de investimentos preocupaba en San Cibrao. Os sindicatos advertían da ausencia de melloras na planta de aluminio, acometéndose unicamente as renovacións imprescindibles de maquinaria e material.

alcoa vendeu avilés e a coruña e anunciou UN PLAN DE AXUSTE GLOBAL COA PREVISIÓN DE MÁIS CLAUSURAS

2019

En xullo, a multinacional anuncia que reducirá un 5% a produción en aluminio, un porcentaxe que subirá ao 11% -coa parada de 32 cubas de electrólise, unha das 15 series- en agosto. Sostén que se trata dunha medida “temporal”.

O 9 de outubro, a ministra de Industria, Reyes Maroto, visita a planta. Compromete un estatuto das electrointensivas “en canto haxa Goberno” e unha subasta de interrompibilidade nas mesmas condicións que a anterior.

Oito días despois da visita da ministra, Alcoa anuncia un plan de axuste a nivel mundial para cinco anos que prevé “o peche de plantas“. A multinacional asegura que San Cibrao “está entre as mellores” plantas da súa época “agás polo prezo da luz”.

Nun convulso mes de outubro, a asociación ecoloxista Adega acusa a Alcoa de chantaxear á Xunta con facer recortes no emprego se non se tramita a Autorización Ambiental Integrada (AAI) permitindo á empresa exceder topes de contaminación. A multinacional négao.

o goberno ten pendente o estatuto das electrointensivas comprometido e retirou a subasta sen telo aprobado

Malia o comprometido pola ministra en San Cibrao, en decembro, o Goberno reduce considerablemente os lotes, prezos de saída e potencia a subastar na poxa de interrompibilidade, ata practicamente baleirala de contido. Argumenta que Europa pode interpretar a subasta como unha axuda directa. Alcoa asegura que aluminio é “inviable” tras caer “un 90%” os seus ingresos nesta materia.

2020

En febreiro, o Goberno presenta un borrador do estatuto das electrointensivas considerado “insuficiente” por sindicatos, Executivos autonómicos de Galicia, Cantabria e Asturias e a propia Alcoa.

A finais de marzo, San Cibrao é considerada esencial e pode traballar ao 100% malia a pandemia do coronavirus despois dunha negociación a tumba aberta co Executivo central. Os sindicatos consideran que se “salvou un match ball”, dado que operar con servizos mínimos suporía o peche da planta.

En maio, semanas despois da consideración de esencial para a súa actividade, a multinacional renuncia ao cambio de cubas na planta de aluminio, as tarefas que permiten reactivar a maquinaria de electrólise ao final da súa vida útil. Asegura que se trata dunha medida “temporal“.

a multinacional retou ao estado primeiro cun recorte produtivo e logo prescindindo do cambio de cubas

As consecuencias, ademais da perda de entre cinco e sete cubas semanais, son Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) en Reymogasa e Cyrgasa, coa suspensión de 33 e 12 contratos, respectivamente.

O 28 de maio, Alcoa anuncia aos sindicatos que ten intención de realizar un ERE con 534 despedimentos na planta de aluminio. Suporía o cese da produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición.

Ata dez empresas auxiliares teñen o 100% dos seus contratos nesta planta; outras contratistas tamén se poderían ver afectadas, cunha perda de máis de 800 postos de traballo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...