‘Desigualdades en saúde no estudantado de Ensino Secundario Obrigatorio dunha poboación multicultural (Burela, Lugo)‘ é o título da tese de doutoramento presentada o pasado 17 de xullo pola focega Ainara Díaz Geada (Nois, 1992), docente na facultade de Enfermería da Universidade de Santiago (USC).
Díaz Geada combinou os estudos do Mestrado en Epidemioloxía e Saúde Pública (2016) co traballo como enfermeira no Hospital Público da Mariña e no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (2014-2019).
Dentro do programa de doutoramento en epidemioloxía e saúde pública, a investigadora da Mariña contou coa orientación de Francisco Caamaño Isorna e de Lucía Moure Rodríguez. A tese propúñase avaliar o efecto do xénero ou a procedencia, ademais das desigualdades en saúde, sobre o consumo de alcol, tabaco e cannabis.
COMUNIDADE MULTICULTURAL
Cal foi o obxectivo da súa tese?
O propósito era estudar comportamentos en saúde dos adolescentes en Burela, o estudantado de secundaria en concreto, sempre tendo presente a óptica das desigualdades e o contexto paradigmático que representa Burela, que é unha comunidade multicultural.
Tratábase de vixiar se aparecían ou se incrementaban desigualdades entre esta poboación, atendendo á importancia da poboación migrante e tendo tamén a perspectiva de xénero e de clase social.
“investigamos a relación entre o consumo de substancias psicoactivas e o bullying co estado de ánimo e afondamos nas influencias destas conductas”
Propuxémonos avaliar o efecto do xénero, a procedencia e as desigualdades en saúde sobre consumo de alcol, tabaco e cannabis; así como coñecer a relación entre o consumo destas substancias psicoactivas e o bullyng co estado de ánimo negativo e afondar nas influencias contextuais nestas condutas.
É un traballo de anos.
Comecei o traballo de campo no 2015, en paralelo a comezar o Mestrado de Epidemioloxía, e logo xa fun desenvolvendo o estudo. Rondarían os catro anos de traballo. Fixemos entrevistas a profesores, traballadores dos centros de saúde, do Hospital Público da Mariña, do alumnado que formaba parte da aula de agrupamento do IES Perdouro… Iso foi importante, enriquecedor, para ser o máis precisos posibles e elaborar ben os cuestionarios; que os rapaces contestasen o máis apegado á verdade e non ao que se suporía que deberan contestar.
“escollimos burela porque é un paradigma de sociedade multicultural”
A ADOLESCENCIA, ETAPA CHAVE
Por que elixiu analizar o estudantado de secundaria?
Na cuestión das desigualdades, entendemos que é chave detectalas canto antes; canto máis cedo o consigamos antes poderemos mitigar os seus efectos. Xa se ten estudado que pode haber unha herdanza nas desigualdades ou un condicionante económico que se vai arrastrando ao longo da vida. Tamén é unha etapa de configuración das identidades, e cando todos os cambios que se dan son nun contexto de multiculturalidade, este tipo de comportamentos pódense acentuar máis adiante. Todo o mundo ten que cursar secundaria, é un ensino obrigatorio, de aí que pensaramos que poidamos obter unha sondaxe máis representativa.
“eliximos estudantes de secundaria porque en cuestión de desigualdades, é importante detectalas canto antes”
ENQUISA
Que ferramentas utilizou para a súa investigación?
O instrumento que utilizamos foi un cuestionario, que nos permitía facer un estudo transversal e analizar distintas variables. É unha enquisa moi utilizada en Cataluña. Non preguntamos directamente sobre a etnia dos estudantes, senón máis ben por nacionalidades; como moitos dos rapaces de familias migrantes son burelaos, nacidos aquí, a fin de evitar un posible sesgo, concluímos que a análise debíase facer desde a nacionalidade paterna ou materna. Esa foi a maneira a partir da cal nos achegamos ao alumnado.
“PARTICIPARON DOS CUESTIONARIOS 263 PERSOAS; UNHA ÓPTICA XERAL DA SOCIEDADE BURELÁ A ESA IDADE”
Participaron 263 persoas, é unha mostra pequena pero penso que conseguimos ter unha óptica xeral da sociedade de Burela a esa altura de idade. É certo que no noso sondeo, como poboación migrante, ten moito peso a comunidade caboverdiana.
En que temas facía fincapé o cuestionario?
A enquisa deixounos unha perspectiva de todo tipo de comportamentos en saúde, pero decidimos centrarnos principalmente no consumo de substancias, e relacionar o consumo de alcol, tabaco e cannabis con posibles estados de ánimo negativos e co ‘bullying’, porque é moi habitual que na literatura estean vinculados entre si. Son, ademais, dúas situacións moi frecuentes nesta etapa vital da adolescencia.
Daquela, fixemos unha comparativa entre o contexto galego e o catalán, para buscar as diferenzas que podía haber.
COMPARATIVA
Que se atopou?
Neste caso, fixemos a comparativa con municipios similares a Burela da Cataluña central para fuxir da dicotomía entre poboacións urbanas e rurais que se dá nos estudos cataláns; a nós parecianos que podía prexudicar a nosa investigación a nivel interpretativo. Quixemos partir do ámbito municipal, porque normalmente este tipo de estudos cuantitativos fanse en grandes cidades; quixemos dalgunha maneira ver que este tipo de investigacións, dadas as particularidades de Galicia, teñen tamén todo o sentido nun municipio coma Burela, no que a cuestión migratoria é unha vila receptora, ademais dun ámbito urbano cunha poboación moi nova.
“percibimos unha clara relación entre o estado de ánimo negativo e o consumo de cannabis”
Vimos que aparecían diferenzas, especialmente relacionadas co consumo de tabaco, ou co estado anímico dos rapaces, de xeito que percibimos que ás veces se fan xeralizacións en base a poboacións que se supoñen parecidas e nas que hai diferenzas.
Cales son os principais factores de desigualdade e como actuan nos comportamentos analizados?
No consumo de substancias, por exemplo, vemos que hai unha clara relación entre a maior dispoñibilidade económica e maior consumo. Isto é algo que confirma estudos previos realizados que apuntaban esta tendencia. Con respecto á cuestión migrante, non se atopa esa vinculación; quero dicir que a condición de estudantado migrante non supón un maior risco de consumo. A diferenza é a situación económica.
Con respecto á cuestión de xénero, ocórreseme destacar que nos nosos resultados presentábase unhas expectativas máis positivas con respecto ao consumo nos rapaces, por exemplo, fronte ás rapazas, que é algo que se agardaría en base aos roles tradicionais de xénero. Pero tamén vemos que iso está a cambiar dalgún xeito; entendo que nisto ten que ver que ás veces se entenda socialmente o empoderamento feminino como unha asunción dos roles tipicamente masculinos.
BULLYING
Que vínculos atoparon entre o consumo de substancias e o bullying?
No contexto de Burela, atopamos unha relación entre o estado de ánimo negativo e o consumo de cannabis. Atopamos que a propia percepción de risco desta substancia se vincula tamén con este estado de ánimo negativo. Tamén atopamos unha relación entre ese estado de ánimo negativo e o bullying. Nós non podemos establecer unha relación causal, só presentar unha fotografía da realidade. Pero si que se nos suscitan moitas preguntas: por exemplo, que o propio consumo de substancias poida actuar como unha variable intermedia; que a xente que está a padecer bullying utilice o consumo de substancias para atenuar ese estado anímico negativo.
“o 10,5% do alumnado burelao padeceu bullying”
É interesante que en Cataluña, é unha das grandes diferenzas que atopamos, reportan un peor estado anímico pero refiren tamén menores taxas de bullying. Iso lévanos a pensar que hai que seguir afondando nesas variables.
Fala dun maior grao de bullying. Teñen cuantificado que porcentaxe do alumnado de Burela puido padecelo algunha vez?
No que respecta ao bullying, a prevalencia era daquela do 10,5% do alumnado; dez de cada 100 estudantes de Burela sufríano naquela altura. Son cifras similares ás do conxunto do Estado español.
“Máis do 40% das rapazas e máis do 50% dos rapaces que estudan eso en burela embebedáronse algunha vez”
E respecto do consumo de substancias?
Nas expectativas de consumo, falando da dispoñibilidade económica, había un 33,7% de poboación autóctona, fronte a un 14,7% de poboación migrante, que admitía ter mercado algunha vez algunha bebida alcólica para si. Isto é chamativo.
A nivel de risco, o maior é nos rapaces de idade máis avanzada. Máis do 40% das rapazas e máis do 50% dos rapaces fumaron ou embebedáronse algunha vez. Poderiamos falar de que a metade da poboación nesa altura do ensino secundario obrigatorio xa o consumiu.