JUAN MAYA. “Ver a unha persoa de 83 anos que se lle enchen os ollos de auga e che di emocionado: ‘mentres escoite rumbar todo vai ben’; eso é a fábrica para nós“. Con estas palabras arranca a derradeira parte das reportaxes audiovisuais sobre o conflito laboral da fábrica de aluminio en San Cibrao.
“A fábrica que será” completa a triloxía de pezas en vídeo e conta coa colaboración de tres traballadores da factoría (Rubén Campo, Víctor C. R. e Jorge Sevilla) e unha familiar (Ángela Castro), o empresario xovense Juan Carlos González, o secretario do Foro Económico da Mariña Adrián Piñón, o ex parlamentario e ex traballador do aluminio Ismael Rego, o xerente de Absa Miguel Neira, e o ex patrón maior de San Cibrao Vicente Vázquez.
Esta terceira entrega versa, principalmente, sobre as fortalezas e debilidades da comarca, o impacto medioambiental da factoría e as consecuencias e posibles alternativas ante o que poida acontecer nos próximos meses coa fábrica de Alcoa nun momento de gran incerteza para os traballadores e as súas familias.
As dúas primeiras partes (“A fábrica que foi” e “A fábrica que é“) están dispoñíbeis para visualizar de balde no YouTube.