InicioM.ambiente e PatrimonioA Xunta solicita ao Goberno o peche provisional das Catedrais

A Xunta solicita ao Goberno o peche provisional das Catedrais

O Executivo galego asegura que un estudo advirte de "riscos" por desprendementos de pedras

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia decidiu, tras analizar as conclusións dun estudo encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia, solicitar ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente o peche cautelar das covas e corredores da praia das Catedrais.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio encargou esta investigación despois do accidente ocorrido no pasado mes de marzo, no que unha moza de Valladolid faleceu ao recibir na cabeza o impacto dunha pedra que se desprendeu. Segundo o Goberno autonómico, o estudo advirte de que existe risco de caídas e desprendementos de bloques ou coios que suporían un perigo para a seguridade das persoas, e os técnicos aconsellaron o peche.

as covas, corredores e arcos son as zonas máis perigosas

O informe preliminar estima que ao longo dunha parte da praia existe un risco, aínda non cuantificado, de caídas e desprendementos de bloques ou pedras de distintos tamaños. Este perigo de caída de material, segundo precisa a Consellería Medio Ambiente, é “maior” baixo as covas, corredores e arcos litorais, as zonas máis espectaculares do areal e que coinciden coa maior afluencia de visitantes.

Así, a consellería solicitou o peche do espazo ao Goberno central, que segundo a Lei de Costas é a administración competente no dominio público marítimo terrestre, co obxectivo de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, informou desta medida ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, nunha reunión mantida hoxe en Lugo.

MEDIDA PROVISIONAL

A Xunta de Galicia sinala que as conclusións sobre o estado actual da praia son “aínda preliminares”, polo que “haberá que esperar” a que o estudo encargado polo Goberno autonómico estea máis avanzado “para poder dispór dunha caracterización xeolóxico-xeotécnica de todo o monumento natural”. Mentres, “o máis adecuado”, sinala a consellería, e solicitar o peche ao Ministerio de Medio Ambiente. A investigación, segundo a previsión da Xunta, estará listo no mes de outubro.

A INVESTIGACIÓN CONCLUIRÁ EN OUTUBRO E QUEDA SABER QUE PASARÁ EN TEMPADA ALTA

O CONCELLO LAMENTA O SEU “ESCASO PODER”

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, amosa a preocupación que produce “o escaso poder ou capacidade que temos dende o Concello na xestión do areal das Catedrais”.

Suárez Barcia valorou “a preocupación” mostrada polas administracións autonómica e estatal e subliñou que “aínda queda por ver como se vai actuar en tempada alta, no verán. Por suposto, estarase ao que o estudo xeolóxico-xeotécnico vaia requirindo para a xestión das Catedrais. Dende logo, o Concello de Ribadeo, como fai tódolos veráns, disporá socorristas e sanitarios neste espazo durante a tempada estival”, asegurou.

Tamén sinalou que “estamos á espera da aprobación definitiva do Plan Especial de Protección das Catedrais, o que de seguro suporá un paso de xigante na xestión do espazo adxacente de 54 hectáreas e que, sen dúbida, solucionará moitos dos actuais problemas”, concluíu.

O SEGUNDO MONUMENTO MÁIS VISITADO DE GALICIA

Trala catedral de Santiago de Compostela, o areal ribadense é o segundo lugar máis visitado de Galicia. Na Semana Santa de 2017, case 70.000 persoas decidiron achegarse ao espazo natural protexido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...