InicioOrientalA PontenovaA Mariña espera pola pataca, o gran complemento ecónomico das familias, tras...

A Mariña espera pola pataca, o gran complemento ecónomico das familias, tras catro anos de veto do cultivo

Publicada o

- Advertisement -

Boa parte da Mariña -os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Alfoz, Mondoñedo e Trabada– cumpriu o pasado mes de marzo catro anos sen poder plantar pataca, desde que se decretase o veto do cultivo a fin de conter a praga da couza guatemalteca. Trala inclusión, primeiro, de Ourol nas áreas tampón, e logo de Lourenzá, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro na nómina de municipios que, baixo vixilancia, pode retomar a actividade, nos restantes termos municipais da comarca mantense por agora a incerteza sobre cando haberá de novo vía libre para botar un tubérculo que supón un complemento económico importante nunha zona de menor presenza profesional.

A previsión é que os municipios poidan pasar á zona tampón cando, polo menos, pasen dous anos desde a última capturasegundo establece o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo. Con todo, e malia que a Xunta de Galicia sinala que se liberará aos concellos cando “se verifique por parte das autoridades que se dan as condicións de erradicación da praga”, a Consellería de Medio Rural non informa a nivel oficial das capturas de tecia solanivora nos municipios onde se mantén a prohibición.

A XUNTA NON FACILITA DATOS DE CAPTURAS A NIVEL MUNICIPAL

En marzo do presente ano, e no Parlamento galego, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, cifraba no Parlamento de Galicia en 43 os exemplares capturados nestes concellos da Mariña, sen concretar os datos a nivel municipal, aínda que apuntando que Burela é o termo municipal da comarca “onde se concentran” a maioría das incidencias. O dirixente da Xunta resaltou, en todo caso, a “boa evolución” da praga, posto que na provincia de Lugo detectáronse no 2017 arredor de 10.000 individuos.

Consultada polo número de capturas nos municipios nos que segue o veto, a Xunta informa unicamente do número de trampas colocadas, que son as seguintes.

Concello

Trampa Campo

Trampa Almacén

O Vicedo

22

0

Viveiro

22

2

Xove

23

6

Cervo

28

7

Burela

14

10

Foz

25

18

Barreiros

33

0

Alfóz

38

12

Mondoñedo

46

10

Trabada

33

10

“OPACIDADE” E “FALTA DE PARTICIPACIÓN”

A “opacidade” no tocante á xestión da praga, así como a “falta de participación” nas decisións tomadas, molestan aos agricultores, que falan de “incerteza e falta de información” sobre un cultivo fundamental, “que tanta importancia económica e social ten na Mariña, pois hai moita plantación de autoconsumo“.

Así se expresa Iván Rodríguez Lombardero, do Sindicato Labrego Galego (SLG), que reclama “máis información sobre a propia praga e sobre como traballar a pataca para evitar a proliferación da couza”.

Rodríguez Lombardero lamenta que a Xunta “non explicou moi ben as medidas restritivas” nin contou para a súa adopción “coa colaboración dos produtores nin das agrupacións agrarias. Non sabemos cales son algúns dos criterios cos que se tomaron as decisións de pechar zonas ou abrilas”, expón.

Un exemplo de petición que o Executivo galego desouviu nun principio, aínda que finalmente prevé rectificar, segundo valora o dirixente do SLG, é a reclamación de que as restricións do cultivo se adoptasen “por parroquias e non por concellos, pois a praga non entende de límites administrativos. Sabemos que a couza se expande como máximo un quilómetro, polo que non ten sentido pechar 100 quilómetros cadrados. Hai fegresías como Oirán, en Mondoñedo, que están afastadas de calquera zona agrícola, son como unha illa rodeada de zona forestal”, concreta Rodríguez Lombardero.

A PATACA DE CEDO, “ESTRATÉXICA”

Outra das peculiaridades que non se tivo en conta, engade, é o “carácter estratéxico” da pataca de cedo na Mariña Lucense. O clima benigno da zona permite que a campaña do tubérculo comece antes, posibilitando cultivala durante o inverno, o que permite adiantarse á produción do interior. “Sorprendeunos tamén que cos datos das campañas de revisión de trampas, postas cada quilómetro cadrado e revisadas cada 15 días, se tardara tanto en abrir; fíxose en febreiro, cando a Administración avaliou os resultados no pasado outono. Debido a este atraso, perdeuse esa vantaxe e esa posibilidade”, lamenta.

Anuncio da Xunta en 2017. WIKIPEDIA

“Sobre as capturas e a previsión de levantar o veto non temos interlocución nin máis datos, apenas sabemos que haberá unha reunión nos vindeiros meses. Enterámonos das decisións polos medios de comunicación”, censuran desde o SLG, que prevé que “a prohibición vai seguir durante os próximos anos, pero haberá que esperar que se decide”, censuran desde o SLG.

Segundo expoñen desde o sindicato agrario, e a tenor da afiliación á central, a gran maioría das explotacións de pataca da Mariña dedícase ao autoconsumo, non abundando os grandes almacenistas. Hai arredor dunha ducia de produtoras profesionais, como a de Xulio Rodríguez, de Mondoñedo.

A PATACA, O “20% DA FACTURACIÓN” PARA UNHA EXPLOTACIÓN AGRÍCOLA PROFESIONAL

Rodríguez, produtor de terceira xeración, preside unha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), Labregos de Lugo, con cinco socios de distintas áreas do centro e o norte da provincia, e tamén dirixe Horta da Mariña. Sinala que o impacto da prohibición “é importante entre xente coma nós, cunha clientela, un investimento en envasadoras, palés, maquinaria, cunha marca, coa compra de semente feita no primeiro ano…”, remarca. Indica que a pataca pode supoñer “o 20% da facturación anual. Para nós non era dos cultivos principais, pero si está arraigado e é importante na rotación“, salienta.

Preguntado hai anos por un medio de comunicación sobre a pegada económica da prohibición do cultivo da pataca na Mariña, Rodríguez falou de perdas de “catro ou cinco millóns de euros en toda a comarca. Botóuseme en cara daquela que era unha esaxeración pero a Administración non pon datos enriba da mesa e creo que non andaba desencamiñado“, reivindica.

Outros agricultores profesionais buscaron a contrarreloxo outras terras en municipios libres de restricións onde poder cultivar. Rodríguez decidiu non facelo. “Como ía arriscarme? A incerteza é total. A nosa planificación péchase en outubro, e se daquela non sabemos que vai pasar, en que concellos vai ser posible e en cales non, corremos o risco de perder todo ao exercicio seguinte“, subliña, engadindo que “estanse anunciando as medidas en datas moi tardías e nós non estamos preparados para esas dinámicas”.

O malestar de Rodríguez coa Administración autonómica é evidente. “Estamos descontentos porque, independentemente dos criterios cos que tome as decisións, está faltando transparencia e participación dos principais afectados, do sector, nunhas medidas así. O mínimo que deberan facer é convocar a reunións“, reclama.

SEN CULTIVOS ALTERNATIVOS PARA O TUBÉRCULO

De que especies alternativas poden tirar os agricultores ante o veto do cultivo do tubérculo? “É difícil ou imposible atopar un substituto”, manifesta Rodríguez. “Nós, que estamos especializados en couveflor e repolo, tiramos da cabaza, da cebola. Hai produtos como a leituga que, ao ser extremadamente perecedoiros, son unha arma de dobre fío, se non os recolles rápido podes ter un risco. Os produtos como a pataca permítennos gardalos durante meses e ir envasándoos”, precisa.

Ao non poder ofrecer o produto, que vendía en Asturias, na capital provincial ou na provincia de Pontevedra, Rodríguez prevé unha reinserción complicada no mercado da pola perda de clientes. “Perdemos a nosa presenza, xa hai outros vendendo. Se levas moitos anos fóra do circuíto non é doado recuperar”, afirma, concretando que o oco deixado foi ocupado en moitos casos por produto que provén doutros países. “Coa globalización a vantaxe da pataca de cedo vai quedando en nada”, sostén.

CASE 54.000 EUROS EN AXUDAS O PRIMEIRO ANO, QUE NON SE SOSTIVERON NO TEMPO

A Xunta destinou a axudas nos concellos da Mariña un total de 53.962 euros, atendendo a 443 solicitudes de compensacións polo veto da pataca. Unhas subvencións -máis de 1.300 en todo o territorio galego, cun desembolso duns 170.000 euros- para aliviar as perdas provocadas aos agricultores que xa plantaran o tubérculo, ou que mercaran semente ou abono. Con todo, as inxeccións económicas para os produtores e almacenistas non se mantiveron no tempo.

“Entendemos que se sexa rigoroso coas axudas, pero nós somos unha empresa, facturamos… Só se axudou ao principio á xente que plantou patacas e tivo que arrincalas. Hai que apostar decididamente pola horta, polo leite, a alimentación debe ser un sector estratéxico. É moi importante que teñamos aquí estes produtos nunca deixemos de telos. Sería importante darlle un impulso ao campo, nun momento no que a Covid-19, a couza da pataca ou a propia tuta absoluta do tomate causan estragos, mirar para Alemaña, Francia ou os Estados Unidos, que teñen un sector primario forte e tecnificado”, afirma Rodríguez.

A XUNTA IMPUXO 87 MULTAS, POR ALGO MÁIS DE 24.400 EUROS

No tocante ás multas impostas por saltar a prohibición de cultivo, a Xunta concreta que na Mariña, dende o ano 2017, tramitáronse un total de 87 expedientes sancionadores por un importe global superior aos 24.400 euros.

UNHA CADEA: PERDAS POLA CAÍDA NAS VENDAS DE SEMENTE, ABONO OU APEIROS DE LABRANZA

Desde Piensos Armando da Veiga, en Ribadeo, que vende semente para pataca, lamentan a paralización destes últimos anos. “Hai moito cliente pequeno, de autoconsumo, e podía vender con anterioridade catro ou cinco toneladas de semente anuais. Influínos moito no noso negocio”, explica o dono. Ademais, resalta que “non se trata só diso, porque isto é unha cadea: tamén se mercan pesticidas, abonos, moita xente bota man de maquinaria agrícola que lle fai os traballos…”, enumera.

VOLVERASE PLANTAR PATACA NA MARIÑA COMO ANTES DE 2017?

Volverase poñer pataca na Mariña coa mesma incidencia anterior ao 2017? Desde o almacén de Ribadeo, municipio que quedou libre neste 2021 das restricións, cren que si. “É certo que despois de catro anos, moitos clientes fixéronse maiores e non contan plantar, outra xente desanimouse polo presunto papeleo que había que facer, que finalmente non foi tanto. Somos optimistas, cremos que vai recuperar a cousa, quizais non ao 100%, pero pensamos que vai ir para diante”, aseguran.

Rodríguez Lombardero é da mesma opinión. “Temos que ter en conta que a pandemia puido retraer as prácticas tradicionais de cultivo, que se fan en comunidade de veciños ou en familia. Pero a vantaxe climatolóxica que ten A Mariña vaise manter co que cremos que é posible que se poida recuperar o mercado. Polas solicitudes para plantar nos concellos que agora forman parte da zona tampón vemos que a pataca volve cunha certa forza. Tamén temos unha saída forte na propia hostalería“, argumenta.

MOVEMENTO NOS CONCELLOS TAMPÓN

Os datos expostos pola Xunta son positivos. Nos concellos da comarca que forman parte da zona tampón, así como nos limítrofes, tramitáronse solicitudes para sementar en 1.281 parcelas (574.730 metros cadrados).

CONCELLO

PARCELAS

SUPERFICIE SEMBRADA M2

A PASTORIZA

302

                                      181.389  

A PONTENOVA

250

                                        77.673  

ABADIN

83

                                        46.897  

LOURENZA

68

                                        26.670  

MURAS

2

                                              860  

O VALADOURO

63

                                        21.821  

OUROL

131

                                        41.441  

RIBADEO

244

                                      114.753  

RIOTORTO

138

                                        63.226  

Total

1.281

                                      574.730 

 

REQUISITOS PARA PLANTAR

Segundo concreta Medio Rural, os agricultores destes concellos que queiran botar patacas nestes termos municipais deberán cumprir cos seguintes requisitos:

  1. Plantación:
    1. Presentar unha declaración de plantación (antes do 1 de abril)
    2. Utilizar semente de pataca certificada
    3. Facer rotación de cultivos
    4. Enterrar a semente un mínimo de 15 centímetros na sementeira
    5. Aporcar durante a plantación
  2. Almacéns particulares
    1. Alamacenar as patacas en lugares estancos e limpos.
    2. Instalación de trampas con feromona.
  3. Almacéns comerciais
    1. Colocar unha malla tupida e un sistema de portas que evite a entrada da praga.
    2. Limpeza e desinfección dos almacéns.
    3. Instalación de trampas con feromona.
    4. No caso de comercializar pataca producida en zonas tampón deberá de inscribirse no rexistro oficial de operadores e emitir pasaporte fitosanitario.
  4. Movementos de pataca
    1. O movemento de tubérculos realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

MENOS TRABAS PARA INICIARSE

Trátase dun control que o SLG non considera excesivo, senón “necesario. É importante ter unha mínima garantía de que non vaiamos cara atrás. O que si nos extraña é que, con respecto á pataca de semente en zonas tampón, haxa que facer un rexistro para saber a quen lla vendiches. Antes só podían darse para consumo”, apunta García Lombardero.

Con todo, o SLG reclama menos trabas para a xente que quere introducirse na agricultura. “Temos un grupo de persoas interesadas en comezar a actividade, e temos que dicir por parte da Xunta está habendo un problema, un obstáculo innecesario, porque solicita nos plans de incorporación para obter axudas, ademais das hectáreas que se van cultivar, un compromiso de compra por quen vai mercar a produción“, sostén García Lombardero.

RECUPERAR A SOBERANÍA ALIMENTARIA

“Percibimos un maior interese polo agro pero este tipo de esixencias, como a garantía de ter vendida a produción hortícola, supón un freo. Sabemos que restauradores e comercializadores quéixanse da escaseza de oferta. Agora mesmo, na Mariña e en Galicia, producimos moito menos do que exportamos e necesitamos dar pasos cara unha soberanía alimentaria“, prosegue.

Unha soberanía alimentaria para a que a pataca, pola súa produtividade e polivalencia, é fundamental. “É unha garantía de alimentación, dá tranquilidade”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...