A convivencia en equilibrio entre o lobo e a gandería, a eterna materia pendente

Lobo. LIFE LOBO ANDALUCÍA/GALICIA CONFIDENCIAL

É o animal máis lendario de Galicia, o máis perseguido -ata ser considerado, noutros tempos, unha “alimaña”- e o máis admirado. E fonte de polémica. Cada certo tempo, o lobo volve ao centro do debate. Os seus ataques ás reses, principalmente a poldros ou becerros, desesperan aos gandeiros, que, en pleno declive da gandería en extensivo, séntense desprotexidos. A importancia biolóxica do cánido como depredador é unha das razóns que esgrimen os ecoloxistas para reclamar a súa conservación. Nun clima de polarización social sobre o canis lupus, que ocupa practicamente o 100% do territorio da provincia de Lugo, a pretensión do Goberno central de incluír a especie na Lista de Especies Silvestres Protexidas (Lespre), o que implica a prohibición da súa caza, supón “un paso histórico” para algúns, avivar innecesariamente a controversia para outros. De fondo, a necesidade dunha convivencia que os expertos consideran tan inevitable como imprescindible.

PERSEGUIDO E ADMIRADO

Segundo a Consellería de Medio Ambiente, entre 2010 e 2020 os avisos dados por gandeiros por este motivo pasaron de 691 a 1.303 en Galicia. As reses mortas por ataques atribuídos aos lobos no exercicio anterior foron 2.310. Os gandeiros entenden que estas cifras só reflicten a punta do iceberg e reclaman que a Xunta, que considera o cánido unha especie cinexética, e polo tanto susceptible de ser cazada se o Goberno galego o autoriza, permita batidas.

CASE 11.000 EUROS ANUAIS DE PERDAS POR ATAQUES: “REBENTA O ÁNIMO”

Varias das reses contabilizadas pertencían a Miguel Otero, de Penas Agudas, no municipio de Xove. O gandeiro xovense expón que, dunhas 40 cabezas de gando, “o lobo matoume no 2020 18 poldros, e no que vai deste ano dous”. Falando de euros, as perdas ascenden a “unha media de 600 por animal”, sostén: é dicir, 10.800 euros de déficit nun só exercicio, o pasado.

É unha situación que “rebenta o ánimo” das persoas, asegura, pero que tamén ten un impacto nos animais que sobreviven. “Hai bestas que abortan, fatíganse de tanto correr para escapar, e acaban abortando. Teñen medo, moita tensión”, relata.

AS AXUDAS: BUROCRACIA EXCESIVA E ATRASOS NOS PAGOS

Otero explica as dificultades que teñen os gandeiros para acceder ás subvencións compensatorias dispostas pola Xunta, que ofrece dúas liñas, para prevención e para paliar as mortes das reses. Faino de novo con cifras: “dos 18 poldros só poiden solicitar axudas para nove, porque só tes 48 horas para notificar un ataque. Á fin os técnicos dinche que tamén atoparon no cadáver restos de xabarín, de voitres… E xa non che conceden nada”, lamenta.

As axudas non só conlevan unha burocracia que entende excesiva. Ademais, argumenta Otero, son escasas e os atrasos no seu cobro, o habitual. “Poden darche a metade do valor dun animal”, apunta Otero, que precisa que das nove denuncias tramitadas no 2020 aínda non cobrou ningunha. Isto fai, resalta, que moitos gandeiros eviten denunciar.

Os prezos dos poldros no mercado non son baixos, engade, pero iso non implica unha boa saúde do mercado: “valen diñeiro porque non os hai, porque ninguén cría. Esta situación está a acabar con nós, quedamos poucos gandeiros e a cousa vai a peor. Na miña parroquia son o único que vende animais deste tipo”, lamenta.

UN GANDEIRO DE XOVE: “MIREI UNHA FINCA PECHADA EN BARREIROS PORQUE AQUÍ É IMPOSIBLE”

Otero considera que as medidas de prevención propostas polas autoridades teñen un custo inasumible para moitos gandeiros. “Tiven mastíns, pero custa moitísimo diñeiro non só mercalos, senón tamén mantelos. Puxen pastor eléctrico pero é igual, sáltano ou esquivano por debaixo. Poñer un de malla é inviable, porque non dás ganado para eses custos, pechar unha hectárea de terreo con iso é carísimo”, indica. Desta forma, optou por ‘emigrar’ no que se refire á gandería en extensivo: “mirei de coller unha finca pechada en Barreiros para poder sacar as crías, porque aquí é imposible, o lobo non as deixa saír”.

O gandeiro xovense expón a indefensión que senten moitas persoas que viven no rural, sexan agricultores ou gandeiros. “Todos comen do que nós criamos, pero parece que se quere que veña todo de fóra”, salienta.

UN ANIMAL CRUCIAL NA CADEA TRÓFICA

Profesor de Bioloxía no IES San Rosendo de Mondoñedo e impulsor do premiado Proxecto Rebinxe, que investiga o comportamento dos animais da contorna para concienciar sobre a súa importancia no ecosistema, ademais de membro da asociación que leva o mesmo nome, Óscar Chao fai fincapé na necesaria convivencia entre o lobo e o ser humano.

“O lobo ten un valor non só ecolóxico, senón cultural, histórico, moi forte. Aí están as lendas, na literatura, houbo construcións para cazalo… Incluso atribuíronselle capacidades que non ten, como unha intelixencia suprema respecto doutros animais. É fundamental porque é o primeiro eslabón da cadea trófica, é o carnívoro máis potente que temos e por iso é o encargado de depredar o que ten por debaixo e de regular as poboacións doutros animais: xabaril, corzo, cervos… Ocorre que, cando falamos dun medio humanizado, como é o noso, está o factor do gando. O animal máis feble, enfermo, vai ser a presa. Forma parte da dinámica dos ecosistemas. Se queremos conservar un depredador natural debe ser o lobo, non hai ninguén que o poda substituír”, explica.

“A SOLUCIÓN PASA POR COMPENSAR AOS GANDEIROS POR CONVIVIR COA ESPECIE”

Diante desta ferida aberta que non ten cura, Chao aposta pola prevención, polas axudas e tamén pola información e o asesoramento para as persoas que teñan explotacións gandeiras en extensivo danadas pola conflitividade co depredador.

“Nas zonas onde hai gandería en extensivo sempre hai problemas co lobo, e hai moitísimo traballo que facer para axudar e compensar aos gandeiros que conviven coa especie”, xulga.

UNHA NORMA COMÚN

Sobre a inclusión do lobo na Lespre, Chao considera que “é positivo ter unha norma común que sente unhas bases de conservación da especie e de convivencia, e que o Estado se corresponsabilice dos problemas xunto coas Comunidades Autónomas. Pero cremos que se fixo mal todo o proceso, saltándose pasos previos fundamentais, principalmente unha labor de divulgación a pé de campo, cos sectores implicados, sobre as medidas concretas que se van adoptar e os orzamentos que se van destinar. Tamén que tipo de xestión poboacional se vai facer. Para as especies que xeran conflito social é imprescindible a educación”, manifesta.

COMUNIDADES E CONCELLOS EN PÉ DE GUERRA

Tamén critica que “Ceuta ou Melilla, que nunca van ter lobo, teñan a mesma capacidade de decisión que Galicia ou Asturias, que asumen a conflitividade. Non ten sentido”, subliña. Once Comunidades Autónomas piden que non se aprobe o veto á caza do lobo. Un documento que por agora, e tras milleiros de alegacións, non se aprobou, está por saír no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Non só as comunidades autónomas se opuxeron á normativa. Os Concellos da Serra do Xistral –AbadínAlfozCervoMurasOurol, O Valadouro, Viveiro, Xermade e Xovepresentaron alegacións en común ao proxecto de orde ministerial polo que o Goberno do Estado quere incluír todas as poboacións de lobo de España no listado de especies silvestres en rexime de protección especial.

OS ALCALDES DO XISTRAL ALERTAN DE POSIBLES INCENDIOS NAS TURBEIRAS: “SEN CABALO NON HAI DESBROCE”

As alcaldías destes nove municipios -de distintas cores políticas, dado que hai rexedores do PSdeG, PP e BNG– consideran que a publicación dunha “norma xenérica” para regular a situación do lobo en todo o territorio estatal “non é efectiva nin xusta nin apropiada”.

Os Concellos mencionados recollían o fastío dos gandeiros e da posibilidade da súa “renuncia”, pois a actividade “está en declive acelerado”, situación que atribuían “á unha presión excesiva” do lobo sobre a gandería en extensivo. Así, falaban da necesidade dun “reequilibrio”, para manter unha forma de cría do gando que é parte “do noso patrimonio cultural e ecónomico” e que contribúe á conservación “dunha contorna natural única, co 90% das turbeiras de Europa”, posto que os cabalos “son limpadores ecolóxicos, realizando un desbroce natural.

Deste xeito, os gobernos locais alertaron da posibilidade de incendios no Xistral, reclamando “protección” e “recursos” para a viabilidade do sector e a paralización da aprobación da normativa.

UNHA SENSACIÓN DE “HUMILLACIÓN”

A apelación dos gobernos locais non se limita á Administración central. En 2018, os alcaldes do Xistral reclamaron á Xunta de Galicia axuda para unha gandería “desesperada”. Nunha entrevista coa Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, pedíronlle que se compensase aos gandeiros polo prezo real dos animais perdidos. “Están a recibir 200 ou 300 euros por animais que a final de ano valerían 900 ou 1.000. Ademais, a maioría das cabezas de gando son cruces e non razas puras, e as compensacións son moi baixas; iso tamén desanima”, expón o nacionalista Manuel Requeijo, rexedor de Muras e que tamén ten unha explotación bovina. Unha das festas deste municipio lucense, a Feira do Poldro, reflicte a importancia do sector primario para a economía local.

Requeijo entende que “non se trata de ir contra o lobo, senón de que haxa espazo para todos. Cando hai unha morte, as Administracións téñense que facer subsidiarias, responsables”, argumenta. Expón que, días atrás, gandeiros da parroquia do Viveiró cifráronlle en 30 a media de becerros que perden por ano por mor de ataques do cánido. Danos aos que hai que sumar os causados polo xabaril e tamén polo voitre, “en tenreiros máis pequenos. Temos constatadas mandas de arredor de 20 exemplares en Muras”, precisa.

O rexedor de Muras conta unha experiencia propia como gandeiro. “Dun día para outro desapareceunos un tenreiro dunha vaca recén parida. Normalmente tenden a estar escondidos, pero esta vez atopámolo máis tarde, só as patas e a cabeza. Recollimos todos os restos. Chamamos aos técnicos, fixeron un estudo. Un ano máis tarde recibimos notificación da Xunta, dicindo que non habería axuda, pois o animal fora manipulado. Por suposto que o fora, que facemos, deixámolo alí e que desaparezan os restos? Iso frustra, dá unha sensación de humillación“, relata.

AS BATIDAS “SÓ DAN A FALSA SENSACIÓN DE QUE SE PODE CONTROLAR A POBOACIÓN”, DI UN BIÓLOGO

Malia esa frustración, Chao entende que as batidas non son unha solución para os problemas da gandería. “Eliminar lobos só serve para calmar o ambiente e para que haxa unha falsa sensación de que se pode controlar a poboación. Iso é algo meramente publicitario, porque o número de animais que se abaten en batidas autorizadas en Galicia é ridículo e alá onde se están facendo máis, como Asturias ou Castela e León, non están implicando unha redución da poboación ou dos ataques”. Segundo os datos oficiais, na comunidade galega as cacerías legais, puntualmente permitidas pola Xunta, non deron como resultado a caza de animais desde o ano 2013. Por iso, o biólogo cre que non son unha alternativa “senón outro problema”, posto que “só radicalizan as posturas, tanto dos gandeiros como dos animalistas”.

ELIMINAR EXEMPLARES PODERÍA DESCABEZAR AS MANDAS

“Hai estudos que falan de que eliminar exemplares podería descabezar a manda e por iso facer que os lobos discriminen as presas domésticas sobre as silvestres, e así ser contraproducente para a gandería. Incluso poñéndonos no caso de que se matasen todos os membros dun grupo que cause danos nun determinado lugar, os ataques poderían reducirse nesa área concreta durante uns poucos anos, pero ese territorio vai ser colonizado de novo por outro grupo, e nun tempo teriamos o mesmo problema enriba da mesa”, afonda.

“O LOBO NON É O PROBLEMA DO RURAL; É A PINGA QUE COLMA O VASO”

Chao teno claro: “o lobo non é o principal problema da xente do medio rural e da gandería, senón a pinga que fai rebordar o vaso. O campo está abandonado, con poucos servizos, o traballo é moi duro e os prezos da carne e do leite son baixos. Para esta situación, non temos unha estratexia compensatoria. A solución pasa por axudas áxiles e directas, que non compensen só o animal que morre se non todo o que vai con el, como os abortos”, remarca.

De que forma se pode compensar a gandería en extensivo no rural? “Poderíase, por exemplo, tentar estimular o valor dos produtos, como a carne, cunha denominación de orixe ou unha marca identificativa”.

UNHA CUESTIÓN DE “VONTADE POLÍTICA”

Requeijo coincide en que o equilibrio entre o lobo e a gandería “é unha cuestión de vontade política“.

“Hai que dar unha solución a algo que non é un problema, porque esa palabra ten unha connotación negativa, pero senón algo que acontece e que parece que non interesa, que non se quere prestar atención a iso. E a xente reborda”, afonda.

A PREVENCIÓN PODERÍA EVITAR “O 60% DOS ATAQUES: FAI FALTA DIÑEIRO E INFORMACIÓN”

O biólogo insiste na prevención, facendo fincapé en que hai que ser conscientes de que “non vai haber nunca unha seguridade ao 100%”, pero si existe “unha marxe de mellora brutal, pois poderíanse evitar o 60 ou o 70% dos ataques”.

Para facelo, pide ampliar o foco sobre as necesidades dos gandeiros. “É preciso diñeiro, por suposto, pero non se trata só dos cartos. É fundamental a información”, apunta, e ofrece un exemplo. “A Xunta dá 500 euros para mercar mastíns, pero ás veces a xente non sabe como utilizalos ou crialos. Compra cans que se converten en animais de compaña e non de traballo. Hai persoas que sofren ataques de lobos ás súas reses pero teñen os mastíns atados a postes. Así, non patrullan, nin defenden, nin controlan”, precisa.

Chao ve crucial “adaptar as medidas de prevención a cada explotación: tipo de gando, número de cabezas, o manexo, os grupos de lobos… Debera haber consellos para recoller os animais de noite da forma máis económica posible. As máis eficaces: para gando menor funcionan os mastíns, destacando que neste caso non é o mesmo o pedigrí que a capacidade de traballo. Ás veces son eficaces valados. Noutros casos, deberase construír un pequeno galpón, armar unha estrutura cunhas táboas para gardar os animais polas noites”, resume.

Requeijo dubida da posibilidade de aplicación de medidas de prevención alternativas ás habituais en determinadas circunstancias. “Eu teño mastíns na casa, pero as fincas grandes non as dan atendido. E unha manda de lobos, se quere, mata un mastín e mata dous“, asegura.

AUMENTA A POBOACIÓN DO LOBO?

Parte das voces que reivindican a posibilidade de realizar batidas autorizadas basean a súa petición nun crecemento desmesurado da poboación de lobo. Un dos problemas, neste sentido, é a ausencia de censos periódicos dunha especie, polo demais, móbil e esquiva. O último realizado en Galicia data de 2015, calculando os investigadores que pola comunidade galega se moven entre 70 e 90 mandas, isto é, uns 700 exemplares. Unha década atrás, o reconto anterior cifraba a cantidade de grupos entre 60 e 70, o que suxire un aumento, aínda que non desproporcionado.

En plena polémica pola inclusión do lobo na Lespre, a Xunta vén de encargar un novo censo, que se espera que estea listo para o 2022. Con todo, estes estudos contan con medios limitados e segundo os expertos non teñen a periodicidade necesaria e desexable, alomenos anual ou bianual, polo que só poden ofrecer unha foto fixa da situación.

SOBRE 16 GRUPOS NA METADE NORTE DA PROVINCIA

O traballo de Rebinxe, que investiga a metade norte da provincia de Lugo, permite acotar un pouco máis: nos últimos dous anos seguiron 16 grupos nesta área. “Segundo os datos que temos si habería máis que no último censo, é posible que se crearan algunhas mandas novas aínda que tamén temos constancia doutras que desapareceron. Pero non é doado asegurar que medrase a poboación, precísase máis tempo para iso. A nosa sensación é que hai unha certa estabilización, cun lixeiro aumento por zonas, alá onde hai territorio e alimento”, expón Chao.

O biólogo, con todo, rexeita o argumento de que os lobos se aproximan cada vez máis ás casas. “Sempre estiveron preto e sempre o estarán. Atopámolos na totalidade do territorio da provincia de Lugo, no 98%, quitando a rasa costeira, na área de Ribadeo e Barreiros, porque aí xa non teñen moito refuxio. Galicia ademais ten moita dispersión poboacional, hai núcleos de poboación en case todos os lugares; pode haber mandas que se acheguen máis a zonas onde cada vez hai menos actividade humana. Tamén agora, quizais, hai máis ferramentas para que a xente os grave, ou saque unha foto, e iso ten moita repercusión. Pero sabemos que hai lobos que mesmo crían a 300 metros das vivendas e pasan desapercibidos”, subliña.

A idea de Rebinxe é “servir aos gandeiros, reducir os ataques con información para a prevención”. A metodoloxía consiste primeiro en percorridos, á procura de indicios como excrementos ou rascaduras, para ter un índice quilométrico de abundancia. A partir de aí “poñemos cámaras, buscamos lugares de videotrampeo para monitorizar os grupos: cantos son, se teñen problemas de enfermidade, se hai furtivismo…”, afirma.

O FURTIVISMO, CON ATA 300 MORTES POR ANO, É “UNHA RESPOSTA EQUIVOCADA”

Este último, alerta Chao, é un problema grave: “quenes facemos traballo de campo sabemos que se matan moitos lobos de maneira ilegal: velenos, cepos, en batidas de xabaril… En Galicia fálanse de entre 200 e 300 exemplares eliminados así cada ano, e non me extrañaría que fosen máis. Se con toda esa poboación que se aniquila, non se reducen os ataques, senón que se incrementan, parece claro que eliminar os animais non vai ser a solución”, argumenta.

Requeijo insiste na “frustración” dos gandeiros para comprender, que non xustificar, “que se maten lobos fóra do sistema. A xente tómase a xustiza pola man e vense por aí auténticas salvaxadas“, lamenta.

O furtivismo, conclúe Chao nunha reflexión semellante, “é unha resposta errada a unha situación de indefensión: de nós depende darlle a esa xente outro tipo de alternativas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here