InicioEn ProfundidadePlataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña: “Os historiais clínicos da...

Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña: “Os historiais clínicos da sanidade pública están tamén en mans privadas”

Montse Porteiro é a coordinadora da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Falamos con ela sobre a situación actual do Hospital da Costa así como da atención sanitaria pública na comarca. A reivindicación da condición de Área Sanitaria para A Mariña, así como as melloras laborais, asistenciais e de atención, forman parte dunha lista de temas que buscan abordar coas autoridades sanitarias sendo conscientes de que estas autoridades seguirán coa súa folla de ruta sen mirar a ninguén e a ningún lado.

Publicada o

- Advertisement -

-A situación actual dentro do terreo sanitario permite continuar coa reivindicación dunha área sanitaria para o norte de Lugo?

Seguimos pelexando e loitando porque haxa un revertemento para considerar a Mariña como unha área sanitaria propia e independente. Nós sabemos que mentres o actual goberno da Xunta permaneza no executivo autonómico será imposible. O goberno de Feijóo ten unha folla de ruta que mira pola centralización dos servizos sanitarios nas grandes capitais.

-A que credes que responde ese centralismo?

Eles queren concentrar nas capitais toda a sanidade pública baleirando de contido as áreas periféricas e máis pequenas. O feito está en que construiron uns macrohospitais inmensos ademais de obras importantes dentro dos hospitais privados. Creo que é un paso previo para a privatización da sanidade, que non vai ser da noite para a mañá. Isto vaise facendo paulatinamente mediante privatización de servizos, por exemplo, déronlle a mans privadas as históricas clínicas do IANUS ademais de privatizar a distribución de materiais dos almacéns, ademais das lavandarías e limpeza dos hospitais. Tamén tentaron privatizar o servizo de esterilización dos quirófanos, mais non puideron.

-Sobre que puntos descansa a vosa reclamación para unha área sanitaria independente para a comarca?

Esixiriamos que fose área propia con orzamento propio e tivese entidade propia como tiña até hai uns anos, as xerencias de atención primaria. Isto porque agora mesmo estas xerencias están integradas nas xerencias hospitalarias, por iso pedimos unha xerencia de atención primaria independente. Reclamamos o reforzo de persoal ante o seu déficit estrutural. Os servizos teñen que ser mellorados e non afastados da xente, queremos unha sanidade próxima e de calidade. Hai servizos que foron enviados á capital provincial, deixáronse de realizar atencións como a colocación de marcapasos, un procedemento sinxelo e o persoal do Hospital da Costa, tanto o facultativo como enfermaría, estaba perfectamente cualificado para facelo. Tamén lle demandamos servizos como a consulta de cirurxía vascular, unha consulta para procedementos básicos e simples ademais de facer seguementos e que non haxa que derivar a máis de 100km a poboación para unha primeira consulta ou unha cita de revisión. Queremos ter os servizos básicos perto da poboación. Xa sabemos que para cirurxías máis complicadas debemos ir a hospitais máis grandes.

O goberno de Feijóo ten unha folla de ruta que mira pola centralización dos servizos sanitarios nas grandes capitais

-Non se podería ofrecer a idea do Hospital da Costa como un centro especializado en atención á xente do mar para reivindicar a área sanitaria independente?

Os hospitais en áreas de costa deberan ter a capacidade de atender patoloxías relacionadas co mar e o litoral. Non obstante, non sei cales deberan ser as premisas para levar adiante unha proposta como esa.

-Algúns alcaldes falan de estafa retirar a categoría de área sanitaria á Mariña. Credes que coas infraestruturas que hai cara a capital provincial, pódense suplir aquelas coberturas eliminadas do servizo no hospital de Burela?

Para nós foi un espolio e as estradas que temos son máis propias de hai 50 anos que de agora e isto pesa moito cando se debe derivar a alguén á capital. Non é o mesmo desprazarse aquí que na comarca do Salnés onde hai unhas infraestruturas máis modernas e onde están máis perto do seu hospital de referencia. Aquí estamos en inferioridade de condicións e por iso tamén cremos estar recibindo un tratamento como cidadáns de segunda, sen as mesmas oportunidades dunha persoa que viva na Coruña, Santiago ou Vigo.

-Cando se presentan estas peticións á Xunta de Galicia, cal é a postura ou a actitude da súa parte?

Este goberno aproba as cousas en solitario sen escoitar á cidadanía nin tendo en conta aos axentes sociais, só seguen coa súa folla de ruta, por iso vemos moi difícil que cambien a súa posición.

-E ter o apoio doutras institucións públicas tampouco axuda coa vosa petición?

Nós trasladaremos á Deputación a nosa demanda de apoio para axudarnos, mais tamén somos conscientes de que os cambios só serán posibles se a Xunta cambia de mans. O actual executivo estivo xa moi presionado por un movemento social moi potente e aínda así, continuaron para adiante. Non podemos predicir o futuro, mais cando poidamos retomar as mobilizacións como se facían antes da COVID, farémolo. Buscaremos que a Xunta recúe para recuperarmos as áreas que eliminaron, polo menos tentalo presionando ao goberno autonómico para reverter os espolios que fixo.

Os servizos teñen que ser mellorados e non afastados da xente, queremos unha sanidade próxima e de calidade

-Durante este período de pandemia moitas autonomías se queixaron da intromisión do Goberno nas súas competencias sanitarias. Recorreriades ao Goberno central para que a Xunta acceda á volta da área sanitaria?

En Galicia a sanidade está transferida, agás a alta inspección. Nós sabemos que onde hai que petar é na Xunta de Galicia, son os únicos con competencias para reverter a situación actual. O Goberno central podería realizar algunha xestión, mais o poder de decisión está na Xunta.

-E presentarlle a idea ao Goberno de retirar temporalmente as competencias en sanidade á Xunta para recuperar a condición de área sanitaria?

E que non cremos ter o peso suficiente como para presentarlle ao Goberno unha proposta como esa. Somos un grupo de colectivos, organizacións sindicais e asociacións de todo tipo, por iso digo que nunca pensamos en presentar unha idea como esa. Non sei se dado o caso poderiamos chegar a ese punto.

Este goberno aproba as cousas en solitario sen escoitar á cidadanía nin tendo en conta aos axentes sociais

-Cales son agora mesmo os atrancos da cidadanía no que toca a Atención Primaria?

O obxectivo da Atención Primaria era ser a porta de entrada no sistema sanitario. Son centros que exercen a proximidade á cidadanía para avaliar a enfermidade desde todos os ámbitos de maneira integral. E aínda así, desde hai uns anos o sistema de Atención Primaria estase a desfacer por todas partes. Non se repuxeron prazas de profesionais que se xubilaron, existen atrancos en canto achegamento de material e por iso dicimos que se cumpriron todas as características para que Atención Primaria fose menos eficiente e non cumprise os obxectivos para os que foi creada. O traballo foise sobrecargando nos profesionais que quedaban. E nesta área, aínda que hai zonas onde non se chega aos cupos que recomenda Sanidade, hai sobrecarga de traballo porque temos unha poboación moi avellentada e moi dispersa. Todos eses factores inciden máis na devaluación da atención. Logo está a instalación da atención telefónica, tamén sen persoal abondo, porque atender por teléfono tamén leva o seu tempo e ao final isto tamén suma sobre a presión asistencial.

-Se falamos do número de facultativos, enfermaría e celadores no hospital de Burela, hai expectativas de que poida incrementarse?

Temos poucas expectativas sobre ese punto. O déficit estrutural no Hospital da Mariá xa vén de anos atrás e dentro de todas as categorías profesionais. Non podemos dicir números exactos nestes momentos, mais é un déficit moi importante.

-Poderán caer na conta as autoridades en que sería necesario reforzar polo menos áreas con sobrecarga?

Hai que reforzar todas as áreas de atención, porque o persoal está por debaixo da media. Pode haber unha excepción onde si se cumpra cos ratios, sobre todo nas unidades especiais. A isto debemos engadir o alto índice de persoal eventual e precarizado. Por tanto, hai áreas especiais onde se cumpren os rateos de persoal mais con xente en precario e do que se está abusando laboralmente, sobre todo persoal con moitos anos de inestabilidade mediante contratación de días ou por horas.

desde hai uns anos o sistema de Atención Primaria estase a desfacer por todas partes

-As obras inauguradas por Feijóo praticamente en plena pandemia, eran necesarias?

Si que se fixo unha ampliación do hospital que era moi necesaria e tamén virán outras obras no centro. Esa ampliación era unha das nosas loitas e de feito sabemos que se fixeron estas ampliacións por presión da cidadanía e nosa. Non obstante, aquí houbo ampliacións que non foron seguidas do reforzamento ou da instauración de ningún novo servizo. Si mellorou a comodidade con máis espazo sen ningún servizo máis.

-Cando se inauguren as novas obras programadas, aproveitaredes para contactar co conselleiro de Sanidade ou co presidente da Xunta?

Nós contacto directo co presidente e co conselleiro non temos. Cando van a inauguracións nós estamos fóra coas nosas reivindicacións e coas nosas pancartas. Con todo, remarcamos a importancia de que as ampliacións saíron adiante grazas á presión popular e das organizacións cidadáns. A ampliación do hospital non estaba na folla de ruta da Xunta.

aquí houbo ampliacións que non foron seguidas do reforzamento ou da instauración de ningún novo servizo

-E se falasemos da necesidade primordial que se debese abordar no Hospital da Costa, cal sería?

Por exemplo, dentro de radioloxía necesitamos unha área de resonancia fixa. Para facer resonancias vénnos un camión para uns días e logo vaise por un tempo. No caso de haber un accidente moi grave e non está o camión das resonancias, temos que derivar as persoas accidentadas. Hoxe en día a resonancia é unha proba de uso cotiá, non é algo excepcional. Se temos que facer unha radiografía panorámica dental temos que ir a Lugo ou pagar 50€ a un dentista privado para que a faga. A resonancia é primordial porque forma parte dos servizos esenciais dun hospital, como os laboratorios para facer unha analítica.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...