O arquivo provisional da causa sobre as imaxes de mulleres ouriñando gravadas sen o seu consentemento “sorprendeu” ás afectadas. “É incomprensible unha acción xudicial como esta” di Mary Fraga da asociación Mulleres pola Igualdade de Brurela (Bumei). Segundo Fraga, a indignación ante a decisión xudicial fixo que “mesmo a Fiscalía presentou os mesmos argumentos que nós para non pechar o caso”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ten claro que “o obxectivo é a eliminación desas imaxes” subidas á Rede. Cuestionado sobre a actuación xudicial e se o Concello se presentará como parte interesada nun posible proceso, Villares entende que “os temas xudiciais son ás veces difíciles de entender pola súa complexidade de cara a chegar ao obxectivo que é retirar esas imaxes”. Para iso, o rexedor cervense estima necesario “asesorarse para coñecer a forma máis rápida de borrar eses vídeos”.
SOSPEITAS E CÁMARAS
“As mulleres coas que temos contacto pasaron da incredulidade á vergoña, logo á impotencia e finalmente á rabia”, asegura Mary Fraga. Durante os meses posteriores tanto á presenza dos vídeos como da sentenza xudicial, as afectadas “pasaron desa impotencia á esperanza logo da implicación do Centro da Muller da Xunta, a Valedora do Pobo e o Parlamento”. Desta maneira non se senten abandonadas e “esperamos que isto se resolva para dar coas persoas responsables”
A día de hoxe, sen as pescudas necesarias, “non se sospeita de ninguén en concreto, se fose ao revés, o xuíz non tería proposto arquivar o caso”. O intento de rastrear as IP é complicado, así como retirada destas imaxes porque están aloxadas noutros países, segundo relata Fraga logo de teren contactactos con expertos informáticos. “En tal caso, unha investigación sobre este asunto teñen que realizala os corpos de seguridade do Estado”.
Un dato que chama a atención é o uso dunha cámara de visión noctura, “unha cámara profesional”. E o que resulta máis evidente é a colocación estratéxica dos aparellos e que cando ían homes, as gravacións cesaban. “Entendo que foron mentes perversas e individuos que merecen un castigo por este tipo de actuacións”, sinala o alcalde de Cervo.
APOIOS E MEDIDAS
Coa pandemia de COVID-19, as celebracións da Maruxaina foron canceladas, aínda que desde o Concello de Cervo, antes das medidas restritivas, a idea era aumentar o número de letrinas para uso público. “Non será doado porque a Maruxaina faise nun espazo aberto como é San Cibrao”.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) considerou que as medidas propostas desde o Concello, non son as necesarias para darlle unha solución “real” a un problema como é “a cousificación da muller”. “A solución pasa pola educación en valores de igualdade”, sinalan desde OMI.
O Observatorio contactou coas afectadas aínda que non participou da manifestación en protesta polas gravacións. “A resposta a un acto así ten que ser feminista e o feminismo ten que construir para realizar un cambio na sociedade”.
Polo de agora as accións xudiciais seguen paradas. Desde Bumei esperan que a presión social e as accións de asociacións e colectivos podan reverter a actual situación de arquivo. O obxectivo final, tal como apuntaba o alcalde de Cervo é a eliminación das imaxes e encontrar ás persoas responsables de ter feito as gravacións.