As xornadas sobre “Rural e Xénero” que se celebrarán entre o 2 e 3 de setembro no “Lugar das Marías” na Rigueira, pretenden dar a coñecer unha serie de traballos e investigacións sobre o papel que tivo a muller no desenvolvemento social, laboral e económico no mundo rural galego. Non obstante, este encontro en Xove explora desde distintos puntos de vista, como se foron creando relacións e estereotipos entre a muller e o mundo agrario, así como coas actividades que o compuñan e as que xiraban arredor del.
AS XORNADAS
As profesoras Marta Veiga, Elena Freire e Ana Cabana son as coordinadoras das xornadas “Rural e Xénero”. Un dos eixos sobre os que descansa este encontro está o querer abordar a interacción muller-rural desde unha perspectiva integral e contemporánea. Así, a psicóloga Laura Pardeiro, que traballa no proxecto “Leiras e Marcos”, busca unha nova vía de mostrar e contar o rural, como tamén o fai a cooperativa Cesto Na Cachola, da que forma parte a artista Xoana Almar, cuxa intención é a de poñer en valor as propostas culturais nacidas no rural.
A perspectiva contemporánea coa que se abordan as xornadas buscan ofrecer a imaxe das novas posibilidades que se abren no rural grazas ao emprendemento de mulleres. Este emprendemento resulta necesario como un elemento máis para evitar o despoboamento do agro. O emprendemento de novas accións económicas terá a súa presenza coa politóloga e tamén propietaria do “Lugar das Marías”, Lucía Canoura, quen falará dos pasos e tamén atrancos para as mulleres no momento de emprender dentro do medio rural. A investigadora Beatriz Rodríguez describirá o traballo de mulleres en brigadas contra incendios, unha realidade que tamén fala de novas opcións profesionais dentro do contexto de servizos en áreas agrarias e forestais.
O feito de abrírense segmentos laborais novos no rural trae o choque ou solapamento entre modos de vida tradicionais e novos modos. Isto supón ás veces un choque entre dúas maneiras diferentes de entender a mesma contorna. De aí que exista a necesidade de extender políticas de xénero en lugares fisicamente pequenos e con escasos recursos administrativos. Este punto abórdao a politóloga Natalia Paleo coa súa investigación sobre politícas públicas de xénero, centrándose no caso de concellos cunha poboación menor dos 5.000 habitantes.
A relación pasado, presente e futuro tampouco pode esquecerse debido á pegada que deixou en xeracións enteiras de mulleres. Punto que tratará a socióloga xovense Lucía Sánchez Meitín percorrendo as diferentes etapas a través de documentos gráficos plasmados en distintos momentos da historia local.
O que tampouco esquecen estas xornadas é a violencia de machista dentro do mundo rural. Esta violencia non só existía no maltrato físico e psicolóxico cara a muller, senón que mesmo algunhas tradicións como o cancioneiro tradicional, tiñan letras con alusións ao maltrato como un feito normalizado dentro da vida cotiá. Isto último foi recollido pola profesora da Tradescola de Lugo, Branca Villares mediante o estudo das violencias contra mulleres no cancioneiro.
NECESIDADE DAS XORNADAS
“Queriamos transmitir ideas fóra do discurso académico, aínda que temos o apoio do Campus Terrae da USC, mais o que buscamos é chegar á cidadanía coas xornadas privilexiando a oralidade” di Marta Veiga unha das organizadoras destas xornadas. Alén diso, Veiga insiste en que “hai moitas mulleres dignificando o rural con proxectos e inciativas que contan con grandes coñecementos de comunicación e cun compromiso de habitar o territorio”.
Esta parte, a de darlle significado e dignificar o rural mediante iniciativas innovadoras, tamén leva canda ela a necesidade de ofrecer unha imaxe distinta á que se asume no público en xeral sobre as mulleres que habitan no rural. “Hai que eliminar arquetipos que mesmo aparecen en medios públicos galegos cuxo contido reduce á persoa a un elemento humorístico”. Mais ditos arquetipos triunfan mediaticamente. “Temos que abandonar ideas preconcibidas e iso forma parte da nosa loita cultural: como nos representamos e como nos vemos”.
O caso é que as xornadas celebraranse nun lugar que queda fóra do chamado Eixo Atlántico, na Galicia máis central. A parroquia da Rigueira non escapa ao éxodo rural e a dinamización empresarial é unha das vías para evitar o despoboamento. Lucía Canoura politóloga e propietaria do “Lugar das Marías” creou unha iniciativa empresarial desde unha perspectiva de xénero. “É un orgullo que a Universidade contase con este espazo para darlle voz a estas xornadas”.
Canoura traballou tamén no ámbito da investigación e das políticas municipais ata que se decidiu por unha iniciativa hostaleira. “O que fixen foi crear si, un negocio, mais para compaxinalo coa cultura e tamén coa promoción do feminismo e da igualdade”. Lucía Canoura forma parte do Observatorio da Mariña pola Igualdade, “estiven varios anos implicada na directiva mais agora xa un pouco menos mais sigo todo canto se fai e colaboro dentro do que podo”. Esa militancia no Observatorio implicou que o mesmo participe nas xornadas. “Hai moitos anos que o discurso de perspectiva de xénero está presente na Mariña, desde o Observatorio mais durante os últimos anos tanto partidos políticos como asociacións se implicaron moito neste discurso”.
A muller e o rural son dúas figuras que van intrinsecamente unidas, aínda que o papel das primeiras non tivese todo o recoñecemento que merecía. Herdeiras dunha sociedade patriarcal que aínda deixa ver a súa influencia, as novas xeracións de mulleres rurais queren romper esa tradición masculina e para iso comezaron a levantar iniciativas empresariais e persoais, todo para demostrar que o seu peso tamén conta. En tal caso, como di a profesora Ana Cabana sobre cambios na posición da muller dentro do rural e o mundo urbano: “a posición das mulleres na sociedade rural mudou no mesmiño que mudou a posición da muller na sociedade urbana tradicional con respecto á sociedade urbana actual”.