As aulas de galego mostraban o mapa lingüístico do noso idioma dividido en tres grandes bloques. O máis afastado xeograficamente era o galego oriental (galego exterior segundo algúns ou algunhas autoras). Unha das áreas dese galego oriental é a comprendida entre os ríos Eo e Navia e parte da zona de Ibias, todo isto dentro do Principado de Asturias. Considerado moitas veces como unha “fala”, un “chapurreado” ou unha mestura de galego e asturiano, o académico Dámaso Alonso (con orixes familiares en Ribadeo e na zona de Oscos) considerouno “galego falado en Asturias”. Ademais do debate sobre o seu nome, tamén está o da súa normativización cuxo primeiro intento foi o realizado por expertos que formaban parte da Mesa pra Defensa del Galego en Asturias (MDGA) durante os oitenta. Non obstante, a Academia de la Llingua Asturiana, cunha Secretaría para el Eo-Navia, creou unha norma coa que unha parte non se sente identificada e xente máis nova a esta usando e que para varias persoas implicadas na defensa do galego en Asturias é unha vía de illar a lingua do tronco galego-portugués.
PERVIVENCIA
O despoboamento do rural tamén está influíndo no número de falantes do galego en Asturias. Quique Roxíos poeta natural do concello de Boal, considera que agora mesmo o número de falantes podería rondar entre os 30.000 e 40.000, case en coincidencia co número de persoas censadas na comarca. “Fóra desta área hai moita xente emigrada que segue mantendo o galego como a súa lingua noutros lugares de Asturias e mesmo na emigración”.
“Hai moito bilingüe pasivo, persoas que coñecen e saben falar galego mais non o fan” di Natalia Jardón, filóloga que defende unha tese sobre construcións verbais comúns ao portugués, galego e o galego falado en Asturias. “Cando ía ao instituto había xente máis nova que min que o falaba e non se sentían inferiores, no meu caso eran os meus avós os que sempre me falaron en galego”.
A perspectiva de pervivencia do galego no Principado pasa por “un corte na transmisión de pais a fillos” di Begoña Martín, docente natural de Oviedo, aínda que con familia na comarca. “Estiven moitos anos como docente na área de Ferrol, unha área moi castelanizada, e aquí vén ocorrendo algo semellante, as xeracións máis novas empregan a cotío o castelán pola influencia tamén de redes sociais ou televisión”. Martín Acero cre que é necesario crear un ambiente propicio para achegar neofalantes.
NORMATIVA
“A Mesa pra Defensa del Galego en Asturias creara unha norma para o galego en Asturias que o entroncaba coa norma do galego” di Natalia Jardón. “En 1993 a Academia de la Llingua Asturiana elaborou unha norma nova que, por exemplo, substituía o “ll” polo “y”, ou a vogal “o” pola “u” nalgúns termos”. Segundo esta filóloga moitas persoas non senten como propio ou senten como allea esta nova norma.
“A Academia de la Llingua non o fai ben, realiza enquisas para saber se se senten máis asturianos ou menos” di Quique Roxíos. Alén diso, a lei de uso do bable indica como “gallego/asturiano” a lingua falada entre o Eo e o Naviae “Ley 1/1998, de 23 de marzo, de uso y promoción del bable/asturiano” que apunta no seu artigo 2: “El régimen de protección, respeto, tutela y desarrollo establecido en esta Ley para el bable/asturiano se extenderá, mediante regulación especial al gallego/asturiano en las zonas en las que tiene carácter de modalidad lingüística propia”. A regulamentación especial, con todo, non parece ir polo camiño de protección tal como apuntan Jardón e Roxíos.
“Cando desde a MDGA se fixou unha normativa fíxose pensando no tronco galego-portugués, mais desde a Academia de la Llingua a súa opción normativa o que fixo foi achegar o galego en Asturias ao asturiano central” di Begoña Martín. Para Martín hai máis de prexuízos que outros puntos detrás desta postura. “É como se pensasen que Galicia se quere expandir ou que se somos menos asturianos”.
Mapa do galego en Asturias/Wikipedia
OFICIALIDADE E NOME
Asturias debate agora mesmo a cooficialidade do asturiano xunto co castelán. En caso de chegar a reforma estatutaria preceptiva, en que posición quedaría o galego? “É moi difícil de saber con posicións políticas sen definir” di Roxíos. “O caso é que o PSOE abre o debate falando da cooficialidade do asturiano para toda Asturias e logo o galego/asturiano só para a súa área”. Roxíos non considera esta solución como acaída. “Ou os dous son oficiais para toda Asturias ou senón, cada un no seu lugar”. Un exemplo para o profesor é o aranés, lingua falada por 5.000 persoas mais oficial para toda Cataluña no mesmo nivel que o catalán.
A posición do galego nestes momentos é comprometida en canto cooficialidade e aí, insisten as fontes consultadas, a cuestión está en que a organización que debera velar polo galego é unha que vela por outra lingua. A isto súmaselle que tampouco parece haber quer consenso, quer desexos de recoñecer a lingua como galego.
“Existen os termos galego/asturiano que é moi ambiguo e o eonaviego que pode ser calquera fala que se empregue nesa área” di Jardón quen lembra que “Dámaso Alonso definiuno como galego falado en Asturias”. “O galego en Asturias é unha lingua que ten vitalidade” sinala Begoña Martín, “o que vivimos é como unha transculturalización, e iso mesmo implica a dificultade de aceptar o nome da lingua que recibe mesmo pexorativamente nomes como “fala”. Tamén existen as referencias como eonaviego e chapurreao.
De todos os xeitos, as tres fontes coinciden en que o galego en Asturias ten polo de agora unha forte vitalidade mesmo no eido da creación. Quique Roxíos considera moi importante non esquecer os lazos co tronco galego-portugués “que pode abrir moitas portas”. “Agora mesmo a creación pasa por blogs, publicacións de poesía, prosa e ensaio” di Martín. Esa vitalidade tamén se puido ver na aparición do primeiro dicionario do galego en Asturias en 2021. “O que si é necesario é recoñecerlle dereitos ao galego en Asturias como ter institucións propias que o representen” puntualiza Jardón.