Aparece morto na praia do Cargadoiro o golfiño que rescataran e liberaran o martes en Ribadeo

O Cemma xa apuntaba a que non sobreviviría polo seu mal estado de saúde.


O golfiño que o pasado martes fora rescatado e liberado na boca da ría de Ribadeo apareceu morto este xoves na praia O Cargadeiro, preto de onde o soltaron.

Así o confirman a Europa Press fontes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que o propio martes xa apuntaban que non sobreviviría porque estaba moi débil. A falta de coñecer os datos da necropsia, víano bastante delgado e o animal contaba con parásitos externos.

Un amplo operativo despregouse o martes pola mañá tras aparecer dentro do muíño das Aceas, a máis de 3 quilómetros do mar.

A rede de varamentos de Galicia, xestionado pola Cemma, activara un operativo no que participaron a Xunta, persoal do equipo 2 de Tragsa Asturias/Galicia e embarcacións do Clube de Actividades Subacuáticas Illa Pancha.

Coa marea alta, os efectivos concentráronse nesta zona de difícil acceso e, nunha primeira fase, lograron evacualo fóra da area, ata a boca da ría, cunha embarcación.

Alí, antes de ser liberado e durante o período de aclimatación, o golfiño fixo ademán de saír a augas máis profundas e desapareceu. Como logo non foi atopado pola zona, a Cemma suxeriu que, polo seu mal estado de saúde, non sobrevivira e se fora cara ao fondo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here