InicioM.ambiente e PatrimonioDavid González: "Non podemos estudar o ADN da xente dos castros porque...

David González: “Non podemos estudar o ADN da xente dos castros porque descoñecemos os seus lugares de soterramento”

David González é arqueólogo e investigador ligado ao CISC. Participou nos labores de investigación sobre o castro de Rueta, en Cervo, para coñecer como se distribuía este asentamento. González considera que cada un dos castros era un ente autónomo fronte aos demais da redonda. Por outra parte, os castros xunto ao mar Cantábrico reúnen características que permitiron estudalos de maneira case independente aos seus contemporáneos do interior.

Publicada o

- Advertisement -

-O castro de Rueta ten características de seu que o distinguen doutros da mesma área ou reúne aspectos comúns ás construccións semellantes que ten máis perto?

O castro de Rueta está dentro dun conxunto de castros recoñecidos na Área Cantábrica que foron individualizados como castros costeiros por estaren sobre a liña de costa actual. Esta condición particular ha hecho que los investigadores los consideren como un conxunto “particular”. As investigacións sinalan que existen particularidades como poden ser os castros en revoltas dun río ou castros noutras paisaxes. Si é certo que estes castros costeiros resaltan a súa espectacularidade, de aí que houbese investigacións monográficas sobre eles. Con todo, a xente que vivía no castro de Rueta non tiña unha vida tan diferente á xente doutros castros situados sobre a liña de costa.

-A liña de costa estaba máis afastada do castro do que está hoxe en día?

A costa cantábrica sofre un proceso de erosión constante e de maneira importante. Este proceso ataca os cantís alí onde son máis vulnerables, aproveitando fracturas e outros fenómenos xeolóxicos. Isto sucede tamén onde as correntes mariñas son máis fortes ou poderosas segundo as dinámicas do mar. Mais a suba ou descenso do nivel do mar non creo que afectase de maneira importante no avance ou retroceso da liña costeira, máis que nada porque se se fixa un, a altura do nivel do mar está varias decenas de metros inferior á plataforma costeira do Occidente de Asturias e A Mariña.

-A construción deste castro e a súa vida coincidiu con algún fenómeno climático importante?

A última glaciación rematara moitísimo antes, entre 12.000 e 10.000 anos antes. A orixe dos castros arrinca hai 2.800 ou 2.900 anos, depende da zona. Por tanto, a glaciación non ten que ver coa orixe dos castros, mais a aparición destes poboamentos sedentarios establecen as primeiras comunidades do noroeste da Península que ademais, van vivir durante xeracións no mesmo lugar. Durante o período anterior, o que os arqueólogos chamamos Idade do Bronce, os grupos humanos cambiaban de lugar con certa periodicidade. Para explicar o cambio dunha maneira de vida a outra aínda hai un debate aberto que aínda non creou un consenso unánime para entender porque a xente comezou a vivir en castros. Un dos argumentos que se barallan é ambiental. Durante un período de tempo 800 anos anterior á nosa Era, houbo un pequeno cambio ambiental que axudou, xunto con outros cambios, a explicar este proceso. Durante ese cambio as condicións parece que melloraron levemente en temperaturas e regularidade nas precipitacións. Esta é unha das propostas que se presentan sobre a orixe dos castros. Hai outras explicacións de tipo cultural e productivo que tamén buscan unha explicación ao mesmo fenómeno.

-Os castros son máis posteriores ao período en que se desenvolven civilizacións no coñecido Crecente Fértil?

O período que os arqueólogos chamamos Prehistoria Recente vai desde a expansión da agricultura e gandaría para a produción de alimentos, un fenómeno que aparece en diversos lugares do planeta de maneira independente. Desde diferentes focos estas maneiras de traballo vanse espallando mediante mecanismos que estamos tentando entender. Ao Noroeste da Península a produción de alimentos chega sobre o 4.500 antes da nosa Era, máis ou menos, e a orixe dos castros estaría sobre o 1.800 antes da nosa Era, por tanto, xa había unha longa tradición de agricultores e gandeiros con anterioridade.

-Existía a teoría de que os castros se fundaron na Idade de Ferro cando pobos que sabían fundir e manexar este metal chegaron ao Noroeste e crearon como elites entre a poboación. Esta teoría aínda é aceptada?

É unha teoría moi antiga, de mediados do século XX, e con ela querían explicar os cambios históricos mediante o movemento de persoas. A día de hoxe é unha teoría minoritaria e actualmente discútese de procesos de difusión de coñecementos, información e tecnoloxías, cousa que non implica movementos masivos de persoas. Por iso digo que se pensa máis en procesos de información, aprendizaxe, imitación ou transmisión, desta maneira, as persoas do lugar van innovando ou deciden non innovar. Isto último é algo que tamén se discute, pode haber grupos humanos que manteñan unhas formas de vida determinadas porque lles vai mellor con elas. Os debates sobre teorías agora mesmo son complexos.

-Desbotouse por completo esta teoría?

O que vemos os arqueólogos dentro dos primeiros castros é unha presenza moi mínima de ferro. En arqueoloxía existe a denominación Idade do Ferro, mais isto non implica necesariamente a explotación directa do ferro desde o primeiro momento. Son unha serie de procesos máis complexos que van máis aló dun único fenómeno que explique todo. Por tanto, dentro da orixe dos castros entrecrúzanse numerosas variables, cambios na tecnoloxía agraria, nos cultivos, nas formas de relación entre as persoas e novas poisibilidades para vivir en lugares diferentes.

-Volvendo ao castro de Rueta, pensades que puido formar parte dunha unión entre diferentes asentamentos da costa?

Unha das discusións sobre as comunidades da Idade do Ferro no Noroeste é a de entender estas unidades, castros, como autónomas, grupos de persoas para quen era máis importante ser deste ou daquel castro. Persoalmente defendo esta idea, que os habitantes destes castros consideraban máis importante sinalar a pertenza a un determinado castro. Isto non quita que a xente do castro de Rueta non tivese relacións coa xente do castro de Burela ou de Llas ou mesmo máis distantes.

-Fixéronse estudos de ADN en relación á xente que vivía nestes poboados?

O certo é que os estudos de ADN foi un grande revulsivo nos estudos arqueolóxicos recentes. O problema que temos na Idade do Ferro no Noroeste é que non coñecemos as ubicacións dos seus cemiterios. Isto complica o estudos mediante mostras coas que traballar o ADN desa idade histórica. Os únicos restos que se coñecen da Idade de Ferro no Noroeste son uns poucos soterramentos en covas no centro de Asturias cara Cantabria, mais descoñezo se hai estudos sobre o ADN destas xentes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...