Iván Rodríguez Lombardero: Traballador na Comarca da Mariña en Sindicato Labrego Galego
Hoxe que chove forte e levamos dous días de algo de auga, mais temos aínda enriba a ameaza das restricións, é bo día para voltar a falar da seca.
Se ben os modelos predictivos de precipitación non indican que as cantidades globais se vaian reducir na Galiza, si indican dúas tendencias preocupantes:
1) As choivas serán menos regulares, e polo tanto teremos máis episodios de seca, e cando chova será de xeito máis torrencial.
2) A suba das temperaturas levará a máis evaporación e máis transpiración polas plantas.
Ambalasdúas tendencias supoñen menos auga dispoñible: a torrencialidade fai que a auga escape nas enchentes no canto de infiltrarse lentamente nos pequenos acuíferos que dispomos. E a maior transpiración seca o chan impedindo que a auga infiltrada o empape e escurra por eles cara as nosas fontes, mananciais, regos e ríos.
Ante esta situación, xa inevitable no que resta das vidas das que aquí estamos hoxe, prepararse axiña para a inminente vindeira seca é o máis intelixente que podemos facer. Desde xa, porque moitas das medidas que deberemos tomar levarán meses ou anos.
As medidas contra a seca podemos clasificalas en individuais e colectivas, de xestión de oferta ou de xestión de demanda, de instalacións ou de xestion territorial.
As máis rápidas son as individuais, de xestión de demanda e de instalacións, é dicir, as medidas de aforro que cada quen de nos pode facer na súa vivenda ou actividade, que adoitan aparecer nos bandos municipais. Delas podemos dicir que teñen un alcance limitado, que boa parte delas xa as facemos sen haber seca e son voluntarias ou de difícil control (ducha no canto de baño, lavado de coches ou enchido de piscinas, etc.)
O razoable nos tempos que veñen é facer permanente a extensión destas medidas de evitación do despilfarro e de facer unha xestión da demanda colectiva a través de ordenanzas municipais de auga que implementen unha tarifa por bloques: un mínimo axustado ás persoas censadas a prezo actual e bloques máis caros a partir desa cantidade. Unha tarificación deste tipo promovería a instalación de aireadores nas billas, dosificadores nas cisternas e alcachofas de ducha de aforro de auga, reducindo ate nun 50% a demanda e polo tanto a probabilidade de restriccións de auga. Na actualidade en Ribadeo temos un mínimo de consumo moi elevado (10m3/mes) de xeito que o 80% dos abonados pagan por auga que non consumen, e seguirán a facelo aínda que aforren auga.
Tamén é preciso actuar sobre as perdas nas tuberías da traída de auga, que no noso concello eran dun 30% na última información que dispoño -tema pendente hai décadas polo seu importe millonario e a necesidade de acordo entre administracións-. Bo momento para priorizalo e reducir esa porcentaxe por baixo cando menos do 20% (cifra difícil de superar).
Finalmente, en todo caso se os caudais do Lexoso e do Eo voltan a quedar case secos pouco servirán os aforros que promovamos. Para reducir a posibilidade de qnue esto suceda debemos tomar medidas de ordenación do territorio. Está científicamente probado que o eucalipto absorbe unha cantidade de auga moi superior a doutras especies arbóreas. Teremos logo que decidir entre ter tosos os montes cheos de eucalipto ou dispor de auga para beber, para o gando e para regar as hortas (si, no futuro deberemos regar cada vez máis as hortas no verán). A redución progresiva da superficie de eucalipto na Mariña vai caer na miña opinión polo seu peso, se non vén imposta por un deses lumes xeración (crucemos os dedos).
Non digo a desaparición, falo dunha racionalización. Comezar por cumprir a lei vixente: afastados xa das vivendas, cómpre sacalos das zonas de concentración parcelaria e manter as distancias coas fontes, regos (mesmo os máis pequenos regatos) e ríos. Seguir por delimitar zonas ó redor das fontes e captacións veciñais, para deixalas libres de plantacións (tamén de calquera uso potenciamente contaminante). E rematar por delimitar en plans de ordenación forestal as zonas onde poden ser plantados, fomentando no resto as plantacións forestais autóctonas de crecemento lento, que son rendibles, coidan o chan e favorecen a infiltración sen esgotar a auga.
Tamén neste eido, cómpre fomentar a gandería extensiva para evitar a contaminación por xurros das granxas e favorecer a implantación de sistemas locais de depuración de augas nas parroquias.
Lamentablemente as declaracións dos nosos representantes políticos despois das obrigadas restriccións van máis por fialo todo a seguir polo rego que levamos construíndo un novo gran embalse para abastecemento da Mariña. É dicir, a vella estratexia de incrementar a oferta de auga, sacando aínda máis da pouca que levan os nosos cauces fluviais.
Unha opción que sendo intuitiva e simple, e polo tanto doada de defender ante a poboación, ten varias eivas importantes: é unha opción no moi longo prazo, non depende dos concellos, resulta moito máis cara que a suma das aqui propostas e non supón garantía por si mesma: incrementar a capacidade de embalse sen reducir a demanda, nin as perdas, nin a evapotranspiración nos montes, nin a contaminacion, nun contexto de quencemento e incremento da torrencialidade non garante que teñamos máis auga ca hoxe no futuro. Reducir a demanda si asegura que a que teñamos -a que sexa- nos dure máis tempo permitíndonos superar eses periodos de seca.
O debate está aberto. Racionalizar e fomentar o aforro ou manter o despilfarro e promover o crecemento da demanda a costa da vida dos nosos ríos, esa é a cuestión.
Iván Rodríguez Lombardero