O Concello de Ribadeo concederá axudas por importe de 6.500 euros para a repoboación de terreos con especies frondosas.
O goberno municipal destinará unha partida inicial a esta iniciativa, que define como “un paso máis” tras a campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais que produciron nos últimos anos.
Os donos recibirán unha pranta por cada 49 metros cadrados en superficie forestal e unha por cada 100 en fincas agropecuarias
As propietarias e propietarios recibirán prantas para reforestar eses terreos a razón dunha árbore por cada 49 metros cadrados en superficie forestal e unha por cada 100 en fincas de uso agropecuario, dacordo co que establece a Lei de Montes de Galicia.
O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, explicou que se trata de “botar unha man na repoboación destes espazos limpos para evitar que volvan retroñar, sabendo que a norma contra os lumes se debe cumprir cada ano”.
XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN
O vindeiro 15 de xaneiro, o técnico de medioambiente do concello, acompañado por persoal técnico do Distrito Forestal da Mariña, impartirá unha charla sobre estas axudas e o cumprimento da normativa contra os incendios forestais na casa do mar.
EXECUCIÓN SUBSIDIARIA
O rexedor ribadense sinalou que o 80 por cento dos propietarios “cumpriron ou están en fase de cumprimento” dos requerimentos do Concello para limpar as faixas de protección mínimas estipuladas na normativa autonómica contra incendios.
O proceso de adaptación segue avanzando respecto das cifras facilitadas polo goberno municipal o pasado outubro.
Suárez Barcia adiantou que o Concello “está a identificar” as fincas nas que os donos non actuaron para proceder á corta e limpeza por parte de empresas especializadas.
O rexedor lembrou que os custes destas actuacións subsidiarias se reclamarán aos titulares dos terreos.