A Consellería do Medio Rural desactivou a situación de alerta por proximidade do lume a núcleos habitados no incendio que queimou, polo menos, 1.200 hectáreas desde xoves en Trabada e Ribadeo.
O protocolo de emerxencia polo que tiveron que ser evacuados veciños de varios puntos próximos ao lume foi anulado na tarde deste venres, segundo informou a Xunta, que apunta a unha evolución “favorable” do incendio, aínda activo.
As últimas estimacións ofrecidas elevan a 1.200 hectáreas a superficie afectada polas chamas, aínda que a propia Administración autonómica recoñece que a elevada cantidade de fume na zona dificulta as medicións do perímetro do lume.
De feito, o fume obrigou a cortar durante as últimas 24 horas varias estradas, entre elas, a autovía A-8. O tráfico xa puido ser restablecido en todas elas, aínda que Tráfico limita a velocidade na Autovía do Cantábrico a 100 km/h por precaución.
O incendio iniciouse no mediodía do xoves, unha xornada de altas altas temperaturas e fortes refachos de vento que continuaron durante a madrugada, o que dificultou as tarefas dos servizos de extinción. Ata o momento, traballaron na zona cinco técnicos, 45 axentes, 65 brigadas, 45 motobombas, tres pas, unidades técnicas de apoio, un tractor e medios áereos.
O conselleiro de Medio Rural, José González, confirmou que tanto este lume, como os outros declarados nas últimas horas nas provincias de Lugo e Ourense, foron intencionados.
TOMÉ ROCA
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este venres cos alcaldes de Trabada e Foz, Mayra García Bermúdez e Francisco Cajoto, os traballos de extinción dos incendios que afectan a estes dous concellos da Mariña.
Xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e outras autoridades, estiveron no punto de control do operativo contra os incendios declarados nas últimas horas en diferentes concellos da provincia.
Tomei Roca trasladou aos alcaldes e alcaldesas dos municipios que sufriron incendios nas últimas horas “todo o seu ánimo” e mandou unha mensaxe de apoio á veciñanza, especialmente a loslugares onde tiveron que ser desaloxadas as casas.
Pola súa banda, Mayra García agradeceu o labor dos efectivos e informou de que no concello foi decretada a situación 2 de alerta pola proximidade das chamas os núcleos habitados. A Alcaldesa sinalou ademais que no concello está habilitada a Escola Municipal para a veciñanza de Pena Cova que pediu ser desaloxada.
Cajoto expresouse nos mesmos termos e sinalou que a noite foi “complicada” en varios núcleos de Santa Cilla e San Acisclo, co lume próximo a zonas habitadas. Indicou tamén que foi necesario pechar ao tráfico a estrada que comunica Alfoz con Foz por Fazouro e Fontao.
En total son seis os concellos afectados: Trabada, Foz, Barreiros, Muras, Ribadeo e Chantada. Tamén Barreiros viuse afectado por outro incendio que queimou unhas 0,3 hectáreas da parroquia de San Cosme e no caso de Muras arderon 8,5 hectáreas da parroquia do Burgo.